Tag

Atlazul

Premio PROA

By | Novidades

Andalucía recoñece a aposta de Galicia pola economía azul e o crecemento das zonas costeiras da cornixa atlántica

  • A comunidade autónoma recibe este galardón pola súa participación, a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, no proxecto Atlazul xunto ás rexións portuguesas do Algarve e Alentejo e a propia Andalucía
  • Rosa Quintana destaca que estas sinerxías permitiron fortalecer o Observatorio Costeiro galego e favoreceron a diversificación do emprego no sector pesqueiro con alternativas como novas formas de turismo rendible, responsable e sostible
  • A titular de Mar salienta que a economía azul supón unha oportunidade para Galicia, onde 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro, polo que a comunidade prepara xa a súa estratexia neste eido

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recolleu hoxe o premio Proa 2022 que o Clúster Marítimo-Mariño de Andalucía concede a Galicia pola súa aposta pola economía azul e o crecemento das zonas costeiras na cornixa atlántica mediante a súa participación no proxecto Atlazul. A comunidade está presente nesta iniciativa a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar xunto ás rexións portuguesas do Algarve e Alentejo ou a propia Andalucía, que tamén recolleron os seus correspondentes galardóns.

A titular de Mar puxo en valor a aposta decidida de Galicia pola economía azul nos últimos anos e lembrou que a Xunta xa está a traballar na elaboración da súa propia estratexia neste eido co obxectivo de aproveitar as oportunidades e as vantaxes competitivas que as actividades vencelladas co mar poden aportar ao conxunto da economía.

“Buscamos un crecemento intelixente, sostible e integrador para potenciar unha actividade económica vencellada co mar e co espazo marítimo-terrestre”, asegurou a representante do Executivo autonómico durante a entrega dos Premios Proa 2022 do Clúster Marítimo-Mariño de Andalucía.

A participación de Galicia no proxecto Atlazul, financiado polo programa Interreg de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, permitiu á comunidade fortalecer o seu Observatorio Costeiro, mellorando os servizos prestados co fin de atender as demandas destes sectores de forma efectiva.

A implicación do Cetmar, engadiu Rosa Quintana, tamén favoreceu a implantación de estratexias de diversificación de emprego para o sector pesqueiro, enfocadas ao desenvolvemento de alternativas que poidan axudar á xeración de novas formas de turismo rendible, responsable e sostible.O proxecto

En Atlazul participan 11 entidades españolas e sete portuguesas co obxectivo de optimizar as sinerxías entre os distintos sectores da economía azul e a creación de novas oportunidades para o investimento empresarial e a mellora da competitividade das empresas involucradas nos eidos da pesca, a acuicultura, o turismo costeiro e a biotecnoloxía. Así mesmo, fai posible a transmisión de coñecementos no campo da captación e tratamento da información mariña e a identificación do potencial crecemento azul en cada unha das catro rexións participantes.

A este respecto, Rosa Quintana destacou que a economía azul supón unha oportunidade para Galicia, ao tratarse da primeira potencia pesqueira europea e que representa cerca do 50% do emprego no sector en España así como a décima exportadora mundial de produtos do mar, por diante de países como Xapón ou Islandia. Ademais o sector do mar ten unha grande influencia no resto de actividades da economía xa que 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.

Por iso, a titular de Mar enxalzou a importancia de proxectos comunitarios como Atlazul e avogou por seguir sumando esforzos para capitalizar accións coas que afondar na competitividade laboral, no crecemento social e no desenvolvemento sostible do tecido económico.