Novidades

Os investigadores presentan ao sector novas tecnoloxías para optimizar a xestión dos decartes nunha conferencia na Fundación CETMAR

By 21 Marzo, 2013 No Comments

Os responsables do proxecto FAROS presentaron esta mañá os resultados tecnolóxicos desta iniciativa europea nunha conferencia que tivo lugar na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo e á que asistiu preto dun centenar de persoas, entre elas representantes do sector, da administración e doutras institucións de investigación.

A directora-xerente da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, salientou na apertura da xornada os froitos dos tres anos de traballos levados a cabo no marco do proxecto FAROS cara a mellorar e optimizar a xestión dos descartes. Estes resultados, recordou, permitirán non só reducir os descartes identificando aquelas zonas de pesca onde a súa incidencia sexa menor, senón tamén contribuír a garantir o seu aproveitamento e valorización en terra.

Paloma Rueda Crespo estivo acompañada na inauguración da conferencia por Carmen González Sotelo, directora do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, institución que coordina o proxecto; por Valentín Trujillo, director do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, socio tamén en FAROS; e por Pascal Savouret, director da Agencia Comunitaria de Control de la Pesca.

A xornada serviu así para expor os resultados do proxecto por parte das entidades participantes no mesmo, entre elas as dúas empresas que colaboraron nesta iniciativa, Marexi e ASM SOFT S.L., e que fixeron posible os sistemas de visión artificial aplicada a buques pesqueiros e para a captura e xestión de información de lances de pesca.  A conferencia permitiu tamén coñecer a opinión de representantes do sector, da administración e das institucións de investigación sobre a problemática dos descartes.

Financiado pola Unión Europea a través do Programa Life, o proxecto FAROS (www.farosproject.eu) iniciouse en 2010 co fin de procurar un aproveitamento dos descartes mais sostible e eficiente coa implicación de todos os axentes do sector pesqueiro. Ademais da Fundación CETMAR participan nesta iniciativa os xa citados IIM-CSIC e o IEO; a Autoridade Portuaria de Vigo; o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera-IPMA e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Colaboraron tamén no proxecto as empresas Marexi e ASM SOFT S.L.

Leave a Reply