Novidades

CETMAR e os seus os socios no proxecto OYSTERECOVER expoñen os avances e retos cara a recuperar a produción de ostra plana

By 30 Marzo, 2013 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar e os seus socios no proxecto europeo Oysterecover veñen de facer público un informe sobre os avances na produción de semente de ostra plana (Ostrea edulis) en criadeiro que axudarán á recuperación deste recurso en Europa. O documento reflicte o estado actual da técnica, expón os avances acadados por diferentes proxectos recentemente desenvolvidos e traza as liñas de traballo identificadas como prioritarias para un futuro inmediato.

O informe fai referencia así aos recentes avances nos eidos do acondicionamento de reprodutores e no cultivo larvario, incluíndo nutrición larvaria e técnicas e protocolos de cultivo, ao tempo que se identifica a metamorfose e o asentamento coma un dos procesos máis problemáticos. Así, proporciónanse os rangos óptimos dos parámetros físicos máis relevantes (temperatura e fotoperiodo) e outras variables, como a cantidade e calidade do alimento subministrado aos reprodutores e as propias larvas, que proporcionan taxas de supervivencia, fixación e crecemento desexados. Tamén se expoñen os resultados dos experimentos levados a cabo con certos compostos químicos sobre a indución da fixación nas larvas de ostra plana.

Todos estes avances que, segundo se conclúe, deberán ser validados en distintas zonas xeográficas, poderían contribuír decisivamente a estabilización da produción de semente de ostra plana en criadeiro, necesaria para calquera iniciativa de recuperación do recurso. O devandito informe, que pode ser consultado no apartado de resultados da web do proxecto (http://oysterecover.eu/), é resultado dun obradoiro organizado en Holanda polo consorcio responsable do proxecto Oysterecover.

Representantes de sete países da Unión Europea, tanto da industria coma de organizacións ambientalistas e da administración, asistiron a este encontro, que se converteu así nun foro activo de discusión no que ademais se puxo de manifesto a relevancia que está a acadar actualmente o recurso a nivel internacional, non só dende un punto de vista comercial senón tamén ecolóxico.

Dende que se iniciaron os traballos de Oysterecover, a irregular dispoñibilidade de semente identificouse coma un dos principais atrancos para desenvolver estratexias de recuperación da produción. Poñer enriba da mesa os avances acadados nese senso era  o fin do obradoiro.

Destacados científicos do IFREMER francés e do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago mostraron así os prometedores resultados obtidos no proxecto Settle, centrado no acondicionamento e asentamento como procesos clave para a produción de semente de ostra plana e vieira en criadeiro ao logo de todo o ano.

Liderado pola Fundación CETMAR e financiado polo Sétimo Programa Marco, en Oysterecover participan 15 organizacións de 6 países europeos. O obxectivo é contribuír á recuperación da produción deste recurso mediante a utilización de ferramentas biotecnolóxicas que permitan no futuro a obtención de estirpes resistentes a bonamiose.

Leave a Reply