O Goberno de Namibia deu o seu visto bo a execución técnica e financeira dos proxectos que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR está desenvolvendo no país africano.
Trátase do proxecto NATMIRc para o fortalecemento das capacidades do Centro Nacional de Información e Investigación Mariña de Namibia, que se prolongará ata o 2014, e do proxecto CIAC “Caprivi Inland Aquaculture Centre” (2011-2015), que ten como obxectivo contribuír á mellora da seguridade alimentaria a través do reforzo da acuicultura.
A directora do CETMAR e técnicos da área de Cooperación Internacional asisten estes días en Windhoek ás reunións dos comités de seguimento destas iniciativas, que a institución galega executa por encargo do Ministerio de Pesca e Recursos Mariños namibio, e con financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID).
No caso do NATMIRc recoñeceuse o impacto das actividades de asistencia técnica e capacitación dos técnicos e expresouse o desexo conxunto de fortalecer a cooperación existente.
No que se refire ao proxecto CIAC, informouse do inicio da construción no Noroeste de Namibia dun novo centro de produción de alevíns que abastecerá á poboación cara o seu consumo e comercialización. Así mesmo, resaltouse o éxito do curso piloto de formación técnica en acuicultura posto en marcha pola Universidade e o Goberno namibios co apoio de técnicos de formación da Xunta de Galicia e da Fundación CETMAR. Esta actividade, que finaliza en outubro tras a formación de 12 técnicos do Ministerio de Pesca e de granxas de acuicultura privadas a pequena escala, terá continuidade en 2014.
A directora e as técnicas do Centro Tecnolóxico do Mar permanecerán ata finais de mes en Namibia. A axenda prevista inclúe, entre outras, visitas a Katima Mulilo, capital de Caprivi, onde está prevista a construción do centro de alevíns, e tamén ao instituto KIFI, onde se desenvolve o curso de capacitación dos técnicos namibios.