CETMAR regresa a Mozambique no marco do proxecto Xalíssima para realizar un diagnóstico da cadea de valor pesqueira na provincia de Maputo
- A misión prolongarase durante 15 días nos que se recollerá información para o estudo e se realizarán formacións prácticas en técnicas de captura, manipulación, conservación e valorización do peixe para o sector pesqueiro artesanal
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desprazou a Mozambique un técnico da área de Cooperación Internacional para unha misión que se desenvolve no marco do proxecto Xalíssima IV e que culminará cun diagnóstico da cadea de valor da pesca en augas interiores e na costa e con formacións prácticas para o sector pesqueiro artesanal en diferentes puntos da provincia de Maputo.
Financiado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega, este proxecto é o último dunha longa serie que permitiu ao CETMAR traballar nos últimos anos en Mozambique co obxectivo de fortalecer o seu sistema pesqueiro artesanal. A finalidade é reforzar as capacidades comunitarias, técnicas, institucionais e nutricionais para unha pesca artesanal sostible, mellorando a gobernanza comunitaria, a cadea de valor e a valorización do peixe como fonte nutritiva.
Nesta ocasión, o CETMAR realizará para a Fundación Ayuda en Acción un diagnóstico técnico participativo da cadea de valor pesqueira interior–costa e formará os axentes do sector en técnicas melloradas de captura, manipulación, conservación e valorización do peixe en Namaacha, Boane, Moamba e Marracuene, na provincia mozambicana de Maputo.
A misión, que se iniciaba o luns, dedica esta semana a manter reunións institucionais con representantes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento na zona, así como da administración pesqueira (Dirección Provincial de Pesca e Acuicultura), do Instituto de Investigación Pesqueira e da FAO, entre outras entidades.
A semana vindeira, o traballo desenvolverase sobre o terreo visitando mercados, comunidades e asociacións de pescadores e consellos comunitarios de pesca, onde se impartirán as formacións previstas. O CETMAR contribúe así ao desenvolvemento sostible e equilibrado do sistema pesqueiro artesanal na provincia de Maputo, fortalecendo os medios de vida, a igualdade de xénero e a seguridade alimentaria das comunidades de augas interiores e marítimas.














