Novidades

Formación, emprego e inserción laboral

By 13 Setembro, 2024 No Comments

Últimos días para inscribirse nos cursos do Centro de Formación A Aixola

O Centro de Formación da Aixola lanzará nos próximos días a súa nova oferta, pensada para potenciar as competencias e facilitar a inserción do seu alumnado en áreas clave do sector marítimo-pesqueiro. Estes cursos son gratuítos, e están cofinanciados pola Consellería de Mar da Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Poderán beneficiarse destes cursos os operadores pesqueiros, mariscadores, os seus cónxuxes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro.

Un dos cursos destacados é “Reparación de embarcacións pneumáticas”, que non só se centra na reparación de embarcacións pneumáticas e embarcacións de uso recreativo, senón que tamén permite traballar cunha variedade de produtos inchables como táboas de paddle surf, castelos inchables, equipos inchables de mergullo e outros elementos recreativos Esta formación permite así traballar en múltiples sectores, dende o mantemento de equipos de emerxencia ata a reparación de elementos para eventos e parques infantís.

Ademais, durante o mes de setembro comezarán tamén os cursos nas áreas de instalacións, composites, redes e madeira. A oferta do centro de formación complétase cun curso en liña sobre prevención de riscos laborais no sector pesqueiro e con titorías de apoio ao autoemprego e á procura de emprego.

As 1.575 horas de formación programadas repartiranse no curso de fabricación e mantemento de artes e equipamentos (330 horas); electricidade básica e hidráulica aplicada ao buque (275 horas), e preparación e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores e laminación manual de poliéster para pezas utilizadas en acuicultura e construción naval, ambas de 300 horas.

A oferta de A Aixola para o vindeiro semestre complétase cos cursos de soldadura autóxena (20) e PRL no sector pesqueiro (50 horas).

O compromiso do Centro de Formación A Aixola coa calidade educativa reflíctese nos excelentes resultados de inserción laboral do seu alumnado. En 2023, a práctica totalidade dos estudantes que buscaron emprego lograron incorporarse ao mundo laboral tras rematar a súa formación, mentres que o resto continuou o seu itinerario formativo, chegando así ao 70% de integración.

A inscrición está aberta e é posible unirse á lista de espera para asegurar a praza. Para obter máis información sobre os cursos e como inscribirse pódese visitar a páxina web do centro ou contactar directamente con el.

Leave a Reply