O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia traballa para reforzar a acuicultura de moluscos bivalvos en Galicia mediante novos procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sustentable de sementes
- Os investigadores que forman parte do paquete de traballo 7 sobre produción sostible de moluscos mantiveron hoxe unha reunión de seguimento na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo
Unha nova reunión de seguimento do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia tivo lugar hoxe na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo, neste caso do paquete de traballo 7, que traballa para facer máis sostible a produción de moluscos bivalvos en Galicia.
Como ven sendo habitual neste tipo de encontros, a reunión, que se prolongou durante toda a mañá, permitiu analizar o avance dos traballos en todas as actuacións previstas neste paquete, que ten como obxectivo achegar procedementos e ferramentas que garantan un abastecemento sostible de semente para mellorar e potenciar a acuicultura de moluscos bivalvos, nun contexto de explotación sostible dos recursos naturais en Galicia.
Coordinado polo IIM-CSIC e o IEO-CSIC, e coa participación de CETMAR, CIMA, IGAFA e das universidades de Santiago e A Coruña, o PT7 representa o maior esforzo de investigación multidisciplinar sobre o cultivo integral de moluscos bivalvos de importancia marisqueira realizado ata a data en Galicia. No futuro, os resultados obtidos servirán tamén de referencia para desenvolver protocolos aplicables a outras especies.
Ademais de garantir un abastecemento sustentable de semente, tanto no medio natural como nos criadeiros, o PT7 pretende desenvolver os coñecementos necesarios para a súa produción durante todo o ano, e especialmente fóra do período natural. Ademais, e a través deste paquete de traballo, os investigadores buscan garantir a restauración dos bancos naturais, mantendo a diversidade e o equilibrio ecolóxico, e contribuír a manter e mellorar a actividade marisqueira, garantindo o emprego local.
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia enmárcase nos Plans Complementarios de Ciencias do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR-C17.I1), e está financiado a través da Xunta de Galicia con fondos Next GenerationEU. e o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura da Unión Europea.



