All Posts By

Marta González

O CETMAR espera que o Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños sexa un referente para o sector pesqueiro

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar  presentou hoxe o Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños como unha iniciativa que, nacida ao amparo do proxecto europeo IBEROMARE, pretende ser un “referente” para o sector pesqueiro na busca dunha solución ao tratamento dos subprodutos e residuos xerados por esta actividade.

A directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, que foi a encargada de abrir o seminario que serviu de peche ao devandito proxecto xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, manifestou a súa confianza en que o Centro Multipolar posto en marcha polos socios de IBEROMARE axude a solucionar os problemas dos profesionais do mar para dar saída tanto a determinados recursos mariños como aos residuos derivados da actividade pesqueira. Recordou ademais que este é un dos ámbitos de traballo prioritarios para o Centro que, asegurou, “seguirá traballando nesta liña”.

Nado ao amparo do proxecto IBEROMARE, subvencionado polo programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013, o Centro Multipolar pretende contribuír así á posta en valor dos recursos mariños propios das costas lusogalegas utilizando como ferramenta a investigación e tendo como finalidade última a creación dun tecido industrial ao servicio da valorización.

Segundo se expuxo hoxe na presentación de resultados desta iniciativa, que correu a cargo entre outros do coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros doCETMAR,Julio Maroto,  o que se pon en marcha é un organismo consultivo e de apoio ás empresas, administracións e institucións públicas e privadas sobre valorización de recursos e residuos mariños, aplicada aos sectores da alimentación, cosmética, biomedicina, farmacia e agricultura. Desta maneira, o centro Multipolar pretende contribuír “ao desenvolvemento socioeconómico e do tecido empresarial” entorno á valorización.

Coordinado polo 3B´s Research Group da Universidade do Minho, o proxecto IBEROMARE contou coa participación, ademais da Fundación CETMAR, da Consellería do Medio Rural e do Mar (IGAFA e CIMA), das universidades de Vigo e Santiago, do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-CIIMAR; do LSRE-Laboratory of Separation and Reaction Engineering; do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, e do ESB Research Group.

O CETMAR presenta o Centro Multipolar de Valorización de Recursos Mariños como peche ao proxecto europeo IBEROMARE

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar presentará o Centro Multipolar de Valorización de Recursos e Residuos Mariños nun seminario que se celebrará o vindeiro venres 20 de xullo e que servirá de peche ao proxecto europeo IBEROMARE, en cuxo marco desenvolveuse esta iniciativa.

A xornada, que será inaugurada pola directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, e polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, servirá ademais para presentar os resultados do devandito proxecto nun relatorio no que participará o coordinador da área de Tecnoloxía dos Produtos Pesqueiros do Centro,Julio Maroto.

O Centro Multipolar, que deu título ao proxecto, pretende ser un axente activo na busca de alternativas de valorización de recursos mariños e subprodutos pesqueiros, da acuicultura e da industria alimentaria para aplicacións nos sectores da alimentación, cosmética, biomedicina e farmacia, entre outros.

Financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 (Interreg A) e coordinado polo 3B´s Research Group da Universidade do Minho, o proxecto IBEROMARE contou coa participación, ademais da Fundación CETMAR, da Consellería do Medio Rural e do Mar (IGAFA e CIMA), das universidades de Vigo e Santiago, do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental-CIIMAR; do LSRE-Laboratory of. Separation and Reaction Engineering; do Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC, e do ESB Research Group.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro aplaude a aposta pola innovación da construción naval en madeira

Por | Novedades | Ningún comentario

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, aplaudiu hoxe a aposta pola innovación do sector da construción naval en madeira e garantiu o apoio da Consellería do Medio Rural e do Mar a ese proceso e ao desenvolvemento dunha actividade que se mantén en Galicia, a rexión europea con maior número de embarcacións de pesca e acuicultura construídas neste material.

Susana Rodríguez inaugurou a xornada que sobre a formación en carpintería de ribeira en Europa celebrouse esta mañá no Museo do Pobo Galego en Santiago organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar como peche do proxecto europeo WOOBTA dedicado a esta temática. A directora doCETMAR,Paloma Rueda Crespo, abriu o acto cunha intervención na que resaltou a importancia de preservar a carpintería de ribeira e os barcos en madeira.

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro valorou o feito de que a construción naval incorpore novas técnicas que fagan desta unha actividade “rendible” e resaltou o “especial interese” do proxecto WOOBTA cara a creación dunha rede europea de formación en carpintería de ribeira. “A través da formación conséguese que as actividades avancen e os oficios  mantéñanse”, afirmou.

Durante esta xornada expuxéronse os resultados dun estudio sobre a formación en carpintería de ribeira nos países participantes no devandito proxecto –España, Francia, Suecia e Reino Unido-. Enrique Otero, director do centro de formación A Aixola de Marín que xestiona oCETMAR, foi o encargado de expoñer a parte española do devandito estudo, no que se reflectiu o descenso desta actividade nos últimos anos en Galicia, onde hoxe funcionan uns 20 estaleiros fronte aos 91 rexistrados no ano 1996.

Otero vinculou o mantemento desta actividade á importancia da flota artesanal construída en madeira (un 66% do total das embarcacións) e da acuicultura –o 90% das unidades de cultivo de mexillón son deste material-, así como a concienciación cara á conservación do patrimonio marítimo flotante. A presencia da carpintería de ribeira no resto de España é “residual”, cunha mínima actividade en Cataluña, País Vasco, Málaga e Baleares.

A xornada final do proxecto WOOBTA, financiado a través do Programa de Formación ao Longo da Vida da Unión Europea, iniciouse cunha visita dos socios desta iniciativa  ­‑Centro de Formación A Aixola (Marín); Ateliers de l’Énfer (Francia); Falmouth Marine School (Reino Unido) e Skeppholmens Kolkhögscola (Suecia)- á sala do Mar do Museo do Pobo Galego e a unha exposición de maquetas de embarcacións tradicionais de Bretaña, Cornualles, Suecia e Galicia construídas polo alumnado de Aixola dentro do devandito proxecto.

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza unha xornada sobre a formación en carpintería de ribeira en Europa

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza unha xornada sobre a formación en carpintería de ribeira en Europa que terá lugar o vindeiro martes 10 de xullo no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela. Trátase do punto e final as actividades do proxecto europeo WOOBTA que, coordinado pola FundaciónCETMARe coa colaboración de socios de Francia, Reino Unido e Suecia, contribuíu á creación dunha rede de organizacións implicadas na formación en carpintería naval, así como a posta en valor dese oficio.

A xornada desenvolverase de 10.00 a 13.00 horas e comezará cunha visita á sala do Mar do Museo santiagués, onde estarán expostas as maquetas de embarcacións tradicionais de Bretaña, Cornualles, Suecia e Galicia construídas polo alumnado do centro de formación A Aixola de Marín dentro do devandito proxecto. Posteriormente presentaranse os resultados do estudo “A formación en carpintería de ribeira en España, Francia, Suecia e Reino Unido”.

Tanto os socios de WOOBTA –Centro de Formación A Aixola (Marín), xestionado poloCETMAR; Ateliers de l’Énfer (Francia); Falmouth Marine School (Reino Unido) e Skeppholmens Kolkhögscola (Suecia)- como representantes das entidades que colaboraron co proxecto, como é o caso da Consellería do Medio Rural e do Mar, da Asociación Galega de Carpinterías de Ribeira e da Mutua dos Pescadores de Lisboa, participarán ademais dun encontro que se prolongará dende o luns 9 de xullo ata o mércores día 11 e que inclúe visitas a carpinterías e estaleiros en Outes, Aguiño e Boiro e viaxes en embarcacións tradicionais pola Ría de Arousa.

Estas visitas técnicas realízanse coa implicación tanto do proxecto WOOBTA – Programa de Formación ao Longo da Vida da Unión Europea – así coma do proxecto MARLEANET, cofinanciado mediante fondos FEDER do programa espacio Atlántico, unha iniciativa que persegue a creación dunha rede europea de formación marítima na que tamén está a participar a Fundación CETMAR.

A delegada territorial da Xunta en Vigo realiza unha visita institucional ao Centro Tecnolóxico do Mar

Por | Novedades | Ningún comentario

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Mª José Bravo Bosch, realizou hoxe a súa primeira visita institucional ao Centro Tecnolóxico do Mar-FundaciónCETMAR, onde foi recibida pola súa directora-xerente,Paloma Rueda Crespo.

Durante a súa estancia na sede da institución en Bouzas, a responsable autonómica puido coñecer de primeira man o funcionamento do Centro, as liñas estratéxicas nas que oCETMARestá a desenvolver a súa actividade e algúns dos proxectos que está a levar a cabo.

Acompañada porPaloma Rueda Crespo, Mª José Bravo fixo tamén un percorrido polas instalacións da Fundación galega e visitou os seus laboratorios, pudendo comprobar in situ o desenvolvemento dalgunhas das iniciativas nas que están a traballar os técnicos da institución.

Ao termino da visita, que a directora-xerente do CETMAR agradeceu, a delegada da Xunta destacou o “prestixio” da Fundación e a súa actividade “crecente” pese a actual situación de crise e resaltou a importante labor do Centro cara á aplicación dos desenvolvementos tecnolóxicos derivados da labor investigadora.

O CETMAR acolle un taller de traballo da Comisión Europea sobre o enfoque ecosistémico na xestión das pesqueiras

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar será escenario a partires do luns 25 de xuño dun taller de traballo sobre o enfoque ecosistémico na xestión das pesqueiras que, promovido e organizado pola Comisión Europea, reunirá en Vigo a investigadores de recoñecido prestixio internacional da UE, de Canadá, Nueva Zelanda e Australia, entre eles técnicos da propia FundaciónCETMAR.

Estas xornadas de traballo, que se estenderán ata o venres 29 de xuño, enmárcanse dentro do Programa de Cooperación en Investigación entre a Unión Europea e os países citados, que ten entre os seus obxectivos a aplicación do enfoque ecosistémico nas políticas pesqueiras e, en particular, na Política Pesqueira Común.

Durante estes catro días, os investigadores porán en común experiencias e o mellor coñecemento dispoñible para optimizar esforzos e identificar necesidades e liñas de traballo a corto e medio prazo. As súas conclusións determinarán tanto a axenda de investigación en materia pesqueira, como eidos de colaboración internacional prioritarios para Europa neste ámbito.

O programa previsto inclúe ademais visitas dos investigadores á Confraría de Cangas –para coñecer de primeira man os modelos de xestión e iniciativas desenvolvidos polo sector-, ao Porto de Vigo e a Axencia Europea de Control da Pesca. Será a finais da semana.

O secretario xeral do Mar reitera o apoio da Xunta na busca dunha solución á xestión dos descartes pesqueiros

Por | Novedades | Ningún comentario

O secretario xeral do Mar,JuanCarlosManeiro Cadillo, reiterou hoxe o apoio da Xunta de Galicia e da Consellería do Medio Rural e do Mar á Comisión Europea e ao sector pesqueiro na busca dunha solución á xestión dos descartes. Foi durante a xornada que sobre este asunto estase celebrando hoxe na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo e que foi inaugurada pola directora xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, quen resaltou a transcendencia deste evento nun acto no que tamén participou o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López Chaves.

Maneiro reiterou que para Galicia a xestión dos descartes é prioritaria e se mostrou partidario de analizar e avaliar as dificultades engadidas a ese reto a fin de que non se converta nun hándicap insuperable. “O mellor exemplo das dificultades que supón poñer no papel este obxectivo viuse no último Consello de Ministros de Pesca da UE”, engadiu o secretario xeral.

Manifestouse así partidario de abordar a minoración dos descartes nun proceso “gradual e pesqueira por pesqueira” e ofreceu a colaboración da Xunta de Galicia para que as posturas da Comisión Europea e do sector pesqueiro cheguen a atoparse na consecución deste obxectivo.

A xornada sobre descartes que durante todo o día estase a celebrar noCETMARcontou pola mañá coa participación do responsable da Dirección General A, de Coordinación e Desarrollo de Políticas, da DG Mare, Ernesto Penas Lado, e do Subdirector General de Caladero Nacional, Aguas Comunitarias y Acuicultura (MAGRAMA), Borja Velasco Tuduri.

Foi durante o seminario organizado no marco do proxecto europeo FAROS, no que está a participar o Centro Tecnolóxico do Mar. Xa pola tarde está previsto un taller temático sobre a mesma materia promovido pola Plataforma Tecnológica Europea de la Pesca (EFTP), en cuxa secretaría técnica colabora tamén o CETMAR, e que será presentado por Javier Garat, secretario xeral de CEPESCA e presidente da EFTP.

O CETMAR acolle unha xornada sobre os descartes na pesca

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar será escenario mañá venres dunha xornada sobre os descartes na pesca que será inaugurada pola directora da FundaciónCETMAR, Paloma Rueda Crespo, e polo secretario xeral do Mar, JuanCarlosManeiro. Ambos estarán acompañados polo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López Chaves.

A xornada contempla a celebración dun seminario sobre xestión de descartes nas pesqueiras europeas organizado no marco do proxecto europeo FAROS, no que o CETMAR está a participar co obxectivo de desenvolver e implementar unha rede de xestión eficiente e integral dos descartes e das capturas incidentais.

No devandito seminario, que se desenvolverá ao longo da mañá, participará o responsable da Dirección General A, de Coordinación y Desarrollo de Políticas, da DG Mare, Ernesto Penas Lado, que falará sobre a “Política Pesqueira Común. Contexto europeo”. Será no relatorio que abrirá a xornada ás 10.00 horas.

Pola tarde terá lugar o workshop temático en descartes pesqueiro no que se abordará este problema dende unha perspectiva investigadora e de innovación. Este taller está promovido pola Plataforma Tecnológica Europea de la Pesca (EFTP), en cuxa secretaría técnica participa a Fundación CETMAR. Javier Garat, secretario general de CEPESCA e presidente da EFTP, será o encargado de abrir o workshop as 15.15 horas.

O CETMAR entrega ao Concello de Cabanas a embarcación “Anduriño”, fabricada no centro de formación A Aixola en Marín

Por | Novedades | Ningún comentario

O Centro Tecnolóxico do Mar-FundaciónCETMAR fixo entrega ao Concello de Cabanas da embarcación “Anduriño que, fabricada no centro de formación A Aixola de Marín, destinarase a accións de divulgación e turismo no cauce do río Eume.

A entrega formalizouse onte nun acto no que estiveron presentes a directora xerente doCETMAR,Paloma Rueda Crespo, e o alcalde de Cabanas, Germán Castrillón Permuy. Realizada por encargo da Consellería do Medio Rural e do Mar, esta embarcación foi construída polo alumnado dos módulos de madeira, composites e velería do centro A Aixola e, unha vez superadas as probas de estabilidade e navegación, cedida ao Concello de Cabanas.

Trátase dunha embarcación tipo planeadora construída en taboleiro contrachapado mariño con mais de sete metros de eslora e 2,78 de manga. Ten capacidade para oito persoas ademais do patrón.

O CETMAR pon a información oceanográfica ao servizo do marisqueo e da acuicultura a través do proxecto RAIA.co

Por | Novedades | Ningún comentario

Poñer a información oceanográfica ao servizo dos profesionais do marisqueo e a acuicultura foi o obxectivo da xornada que no marco do proxecto europeo RAIA.co celebrouse na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo. Representantes das diferentes institucións que participan na devandita iniciativa presentaron aos asistentes o Observatorio RAIA e a súa oferta de produtos e servizos no que se refire a observación e predición do océano.

No marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e continuando as accións iniciadas no seu día polo proxecto RAIA,  RAIA.co “Observatorio Mariño do Marxe Ibérico e do Litoral” pretende consolidar a oceanografía operacional na marxe ibérica e litoral da Eurorexión Norte de Portugal-Galicia. Para elo preténdese a implementación dunha rede de observación e predicion oceánica transfronteiriza e a creación de oportunidades científicas e tecnolóxicas que estimulen a economía das diferentes actividades ligadas ao mar.

O obxectivo da devandita rede é acercar a información oceanográfica e meteorolóxica extremadamente valiosa ao marisqueo e a acuicultura de cara á xestión dos recursos mariños. Os sectores e actores implicados nesas actividades poderán beneficiarse do acceso a esa información, que se xerará en forma de produtos e servizos adaptados as súas necesidades.

Esa oferta foi presentada onte polos socios de RAIA.co nunha xornada que foi inaugurada pola directora-xerente da FundaciónCETMAR,Paloma Rueda Crespo, e que se iniciou coa presentación do Observatorio RAIA por parte de Vicente Pérez, director de Meteogalicia. A continuación, representantes das institucións que participan no proxecto falaron dos diferentes produtos e servizos, como a ferramenta de predición da ondada para percebeiros; as predicións meteorolóxicas e oceanográficas específicas para o marisqueo e a acuicultura ou as simulacións numéricas e observacións do océano para entender a floración de algas tóxicas e nocivas. A reunión serviu ademais para que os participantes expuxeran os principais intereses e necesidades da acuicultura e do marisqueo no que se refire á observación e predición do océano.

Coordinado por Meteogalicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas), o proxecto RAIA.co é responsabilidade dun consorcio no que, ademais do CETMAR participan o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), o Instituto Español de Oceanografía-IEO, o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC; as universidades de Porto e Aveiro e o Instituto Hidrográfico de Portugal. As súas actividades prolongaranse ata o ano 2013.