All Posts By

Marta González

Os funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica que participan nun seminario de formación no CETMAR visitan a lonxa e o porto de Vigo

Por | Novedades | Ningún comentario

Os funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica que están a participar nunhas xornadas de formación organizadas polo Centro Tecnolóxico do Mar dentro do proxecto PROMESAFI “Apoio ao cumprimento de medidas sanitarias e fitosanitarias” acudiron esta mañá a lonxa e o Porto de Vigo.

Durante a súa visita, na que estiveron acompañados por Carlos Losada, xefe de Explotación Pesqueira da Autoridade Portuaria, e por Marián Vidal, do mesmo departamento, tiveron oportunidade de coñecer o funcionamento da lonxa e doutros servicios portuarios. Posteriormente mantiveron unha reunión con representantes da Cooperativa de Armadores de Vigo na súa sede sita no porto. Xa pola tarde, e acompañados sempre por persoal do CETMAR, desprazáronse ata Baiona para visitar o porto pesqueiro do municipio.

A de hoxe foi a primeira dunha serie de visitas que os funcionarios costarriqueños realizarán durante a súa estancia en Vigo e dentro do programa previsto pola área de Cooperación Internacional do CETMAR, responsable da organización destas xornadas de formación, que se prolongarán ata finais de marzo.

O CETMAR propicia un novo acordo de colaboración entre o Campus do Mar e a Universidade e o Goberno de Cabo Verde

Por | Novedades | Ningún comentario

Fortalecer o desenvolvemento académico e investigador de Cabo Verde no ámbito mariño propiciando así o desenvolvemento do sector e das persoas que del dependen e o obxectivo xeral dun memorándum subscrito hoxe entre o Campus do Mar e a Universidade e o Goberno do país africano, acordo que foi posible coa mediación do Centro Tecnolóxico do Mar.

O A Fundación CETMAR, a través da súa área de Cooperación Internacional,  ven colaborando dende o ano 2009 con institucións e co goberno caboverdiano en iniciativas encamiñadas ao desenvolvemento do seu sector pesqueiro, unha relación que posibilitou o acordo subscrito hoxe entre aquel país e o Campus do Mar, cuxos fins comparte a Fundación galega.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinou o memorándum mediante  vídeoconferencia co reitor da Universidade de Cabo Verde, Paulino Lima Fortes, e co presidente do Instituto Nacional de Desenvolvemento das Pescas, Óscar David Melicio, nun acto ao que asistiu a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, e que se celebrou no Reitorado.

Mato celebrou que esta iniciativa sexa unha realidade e agradeceu o traballo do Centro Tecnolóxico do Mar para facela posible ao tempo que desexou que este primeiro contacto entre o Campus do Mar e Cabo Verde derive en outras alianzas de futuro. Pola súa banda, Paloma Rueda Crespo compartiu as esperanzas do reitor en que “esta nova empresa fructifique e dea os froitos que todos desexamos”.

A finalidade deste acordo de colaboración é reforzar a formación doutoral do tecido científico de Cabo Verde para sentar as bases dun programa propio de doutoramento no eido mariño. No mes de setembro incorporaranse catro investigadores ao programa internacional de doutoramento do Campus do Mar, que cursarán en Galicia o primeiro ano de estudo e os tres seguintes no país de orixe baixo a titorización de investigadores das institucións que forman parte do campus de excelencia.

O Centro Tecnolóxico do Mar organiza unhas xornadas de formación para funcionarios do servizo de saúde animal de Costa Rica

Por | Novedades | Ningún comentario

Catro funcionarios do Servicio de Saúde Animal de Costa Rica (SENASA) asisten dende hoxe no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo a unhas xornadas de formación coordinadas pola Fundación CETMAR no marco do proxecto “Apoio ao cumprimento de medidas sanitarias e fitosanitarias PROMESAFI”, que financia a Comisión Europea en colaboración co goberno costarricense. O obxectivo desta acción formativa é fortalecer as capacidades técnicas do SENASA nas áreas de trazabilidade e inocuidade de produtos pesqueiros e acuícolas.

Dende hoxe e ata o 23 de marzo, os participantes nas xornadas asistirán a sesións formativas impartidas por persoal técnico do CETMAR, da Consellería de Sanidade e do Goberno central, así como da universidade e de institutos de investigación, entre outros. Ao mesmo tempo realizarán prácticas nas institucións de maior relevancia e con competencia nas materias obxecto do curso e visitarán empresas públicas e privadas, centros de investigación ou organizacións sectoriais.

Así, está previsto que os funcionarios costarricenses visiten o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño INTECMAR, o Porto de Vigo ou as dependencias de Sanidade Exterior, entre outras saídas programadas. A primeira terá lugar o vindeiro venres 2 de marzo á lonxa e a cooperativa de armadores de Vigo pola mañá, e ao porto de Baiona pola tarde.

A directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda Crespo, foi a encargada esta mañá de dar a benvida aos funcionarios do SENASA e de inaugurar as xornadas formativas, que neste primeiro día incluíron relatorios sobre o sistema europeo de seguridade alimentaria ou a regulamentación hixiénico-sanitaria.

Cooperación internacional

Costa Rica e a Unión Europea firmaron un proxecto de Cooperación Internacional (PROMESAFI http://www.sfe.go.cr/promesafi/) co obxectivo de mellorar o cumprimento das medidas sanitarias e fitosanitarias e facilitar o acceso dos produtos agrícolas, pecuarios e pesqueiros ao mercado europeo. O custe total desta iniciativa é de 7 millóns de euros.

O convenio de financiamento do devandito proxecto inclúe a realización de accións en tres áreas: o equipamento e a modernización dos servicios sanitarios e fitosanitarios, o apoio institucional e, finalmente, a capacitación e formación dos usuarios externos de ambos servizos. O Centro Tecnolóxico do Mar participa nesta iniciativa da man do Ministerio de Agricultura e Gandería da República de Costa Rica.