O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR súmase ás celebracións do Día da Acuicultura cun taller do proxecto europeo AquaVitae
- O obradoiro reunirá a alumnos do máster de Acuicultura e de Sostibilidade das universidades galegas, así como do IGAFA, para probar un xogo mediante o que se pretende mellorar a percepción social da actividade acuícola
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, súmase as celebracións do Día da Acuicultura coa celebración dun taller organizado no marco do proxecto europeo AquaVitae cuxo obxectivo final é mellorar a percepción social da actividade acuícola.
Con ese fin, durante o obradoiro, que terá lugar na sede de CETMAR en Vigo, probarase un xogo de preguntas e retos desenvolvido polos técnicos da fundación galega dentro das actividades programadas polo proxecto AquaVitae e inspirado en diferentes xogos de mesa.
Os encargados de probar o xogo serán alumnos do Máster de Acuicultura e Máster de Sostibilidade que imparten as universidades galegas, así como do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, Igafa. Divididos por grupos, e baixo a supervisión do persoal de CETMAR, deberán responder a preguntas, superar retos, debater na procura de solucións e enfrontarse as probas sorpresa propostas.
O xogo desenvólvese sobre un taboleiro cuxo percorrido permitirá obter puntos (aquas) intercambiables por diferentes especies de cultivo acuícola. O gañador será o que primeiro complete o seu prato de especies.
Crear unha dinámica de colaboración, ampliar os coñecementos sobre a acuicultura e, sobre todo, mellorar a percepción que desta actividade ten a sociedade son os obxectivos fundamentais deste xogo, que Cetmar presentará aos socios do proxecto AquaVitae o vindeiro mes de abril.
Con esta actividade, o Centro Tecnolóxico do Mar súmase as celebracións Día da Acuicultura, que se conmemora o 30 de novembro baixo os auspicios da Fundación Biodiversidade, unha iniciativa coa que se busca trasladar á sociedade a importancia da acuicultura e o compromiso desta co desenvolvemento sostible, a I+D+i e a creación de riqueza e benestar no rural e no litoral.
Proxecto Aquavitae
O proxecto AquaVitae, no que se enmarca este taller, é unha acción financiada pola Unión Europea a través do programa Horizonte 2020 que deseña prácticas de acuicultura sostible e investiga especies da cadea trófica baixa na Cunca Atlántica. Conta con 35 socios procedentes de Brasil, Sudáfrica e diferentes países europeos (www.aquavitaeproject.eu), ademais do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR.