EventosNovidades

Intercambio entre Galicia e Perú

By 7 Xuño, 2026 No Comments

CETMAR organiza un ciclo de xornadas online sobre turismo mariñeiro sostible e diversificación pesqueira no marco do proxecto MARdePiura

  • As sesións buscan promover o intercambio de coñecementos entre Galicia e Perú en torno ao turismo mariñeiro e as estratexias de diversificación económica vinculadas á pesca artesanal

A área de Cooperación Internacional do Centro Tecnolóxico do Mar ven de organizar un ciclo de xornadas en liña sobre turismo mariñeiro sostible e diversificación pesqueira que se desenvolve no marco do proxecto MARdePiura, no que CETMAR traballa da man do Ministerio de la Producción de Perú.

Trátase de seminarios concibidos como espazos de formación e participación centrados no turismo mariñeiro -ou turismo pesqueiro experiencial- para promover o diálogo e o intercambio de coñecementos entre profesionais, administracións e iniciativas galegas e peruanas.

Perú conta con importantes potencialidades para o desenvolvemento de iniciativas de turismo pesqueiro e mariñeiro, así como dúas fórmulas de diversificación sectorial destinadas a fortalecer a sostibilidade  ecolóxica, social e económica das comunidades costeiras. Neste contexto, o proxecto MARdePiura promove o intercambio de experiencias entre Galicia e Perú co obxectivo de compartir coñecementos, ideas prácticas e leccións aprendidas.

Despois de abordar o marco xurídico e regulatorio do turismo mariñeiro en Galicia, así como o papel das entidades encargadas da súa xestión, financiamento e apoio á revitalización das comunidades costeiras, a segunda das sesións temáticas serviu para coñecer casos de éxito desenvolvidos en Galicia e Perú, co obxectivo de visibilizar experiencias de diversificación económica máis alá da actividade extractiva tradicional.

A terceira xornada temática, que terá lugar o vindeiro 9 de xuño (16:00 h hora de España; 9:00 h hora de Perú), consistirá nun foro de diálogo sobre recomendacións e estratexias para avanzar cara a un modelo de turismo sostible complementario á pesca artesanal. Será unha sesión de carácter participativo destinada a identificar barreiras administrativas, financeiras, formativas e legais para o desenvolvemento deste tipo de actividades no contexto peruano, así como a definición de posibles estratexias de acción e fortalecemento institucional.

Sobre MARdePiura

O proxecto MARdePiura (Mulleres, Acuicultura e Reforzo Institucional para o Desenvolvemento Sostible da Economía Azul na Rexión de Piura) está liderado pola Fundación CETMAR e financiado pola Xunta de Galicia, a través de Cooperación Galega, co apoio do Ministerio de la Producción de Perú (PRODUCE), a través da Dirección General de Pesca Artesanal (DGPA) e FONDEPES.

O proxecto, que se iniciou en 2025 e culminará este ano, da continuidade ao traballo realizado nos últimos anos na Baía de Sechura, no noroeste do Perú, a través de iniciativas como Acuipesca, VerTyCe ou Aquavalora.

MARdePiura ten como obxectivo contribuír á adaptación ao cambio climático na pesca artesanal e a acuicultura a través dunha estratexia centrada na diversificación económica, o fortalecemento institucional e a sustentabilidade da economía azul.

Leave a Reply