Novidades

Balance #CienciasMariñasGal

By 12 Marzo, 2025 No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas consolida a Galicia como referente no ámbito da ciencia, o coñecemento e a innovación

  • As ferramentas e tecnoloxías desenvolvidas permiten optimizar e reforzar de maneira sostible a produción marisqueira e acuícola, impulsando a economía azul do país
  • Dispón dun orzamento de 10 M€, dos que a Xunta achega 4 millóns, cofinanciados polo Fempa
  • Ata a data completáronse 110 fitos dos 233 programados, e difundíronse unha trintena de publicacións destacadas a nivel nacional e internacional

O Consello da Xunta deu conta do informe do estado de execución do Programa de Ciencias Mariñas, destinado a transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando a labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados á actividade marítimo pesqueira.

Aborda tres grandes liñas de actuación enfocadas na observación e monitorización mariña, na acuicultura e nas actividades da economía azul. Está coordinado polo IIM-CSIC, Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), e conta coa participación do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Instituto Galego de Formación Acuícola (Igafa), MeteoGalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UdC).

Dispón dun orzamento de 10 millóns de euros, dos que 6 millóns son achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os fondos do programa Next Generation EU, e 4 millóns da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa).

Actuacións concretas

As 39 actuacións que comprende artéllanse en 11 paquetes de traballo. Ata a data, completáronse 110 fitos dos 233 programados. Así, dentro da primeira liña de actuación, Observación e Monitorización do Medio Mariño e do Litoral, reforzouse a accesibilidade dos datos mariños mediante a plataforma BigData Ciencias Mariñas. Asemade, integráronse sistemas de observación con sensores avanzados, intelixencia artificial e drons para optimizar a monitorización ambiental e tamén se melloraron modelos de predición oceanográfica, pesqueira e acuícola, avanzándose no deseño dunha estratexia de observación mariña para Galicia.

No marco da liña de actuación Acuicultura Sostible, Intelixente e de Precisión, completouse a información do 90 % do xenoma do mexillón e logrouse a ensamblaxe cromosómica da ameixa xapónica. Desenvolvéronse ferramentas xenómicas avanzadas para bivalvos e peixes, optimizáronse sistemas de cultivo larvario e de criopreservación, mellorando a supervivencia das larvas criopreservadas. En sanidade acuícola, perfeccionáronse técnicas diagnósticas e formulacións de pensos máis eficientes, a partir de descartes de peixe. Avanzouse na obtención de biosensores non invasivos para rodaballo e tamén na acuicultura multitrófica integrada en sistemas offshore e de recirculación. No cultivo do polbo, creáronse ferramentas de monitorización do benestar e identificáronse biomarcadores de saúde e estrés.

Finalmente, na terceira liña de actuación, Economía Azul, Innovación e Oportunidades, avanzouse na caracterización dos vectores de cambio no litoral, na integración dos datos en xeovisores e no desenvolvemento de modelos para analizar a interdependencia sectorial e valorar servizos ecosistémicos. Tamén se traballou nun marco conceptual do fluxo de xeración do coñecemento, na identificación de actores na cultura oceánica, e desenvolveuse o inventario de boas prácticas en ciencia cidadá. Elaborouse un catálogo de unidades de coñecemento resultantes do Programa para a súa transferencia e unha estratexia de capacitación con módulos formativos e ferramenta de autoavaliación.

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia coordina tamén as actividades de comunicación e difusión, co fin de garantir o cumprimento dos obxectivos establecidos. Estas accións son para facilitar a transferencia de coñecemento, a visibilidade dos resultados e o fortalecemento das sinerxías entre os diferentes axentes implicados. Destacan así o encontro celebrado o pasado ano na Cidade da Cultura e no que asistiron máis 230 persoas e a xeración dunha trintena de publicacións en revistas de referencia nacional e internacional.

Leave a Reply