What's new

Diálogos do Mar

By 23 June, 2026 No Comments

Marta Villaverde define ao Centro Tecnolóxico do Mar como unha ferramenta clave para o “futuro azul” de Galicia

  • A conselleira do Mar reivindica o talento, a cooperación internacional e a protección ambiental para o impulso da actividade marítimo-pesqueira durante a inauguración dos Diálogos do Mar, evento co que CETMAR pon fin á programación de actos do seu 25 aniversario

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou hoxe os Diálogos do Mar, un encontro co que o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) pecha a programación conmemorativa do seu 25 aniversario, e no que puxo en valor o talento, a sostibilidade e a cooperación internacional como piares fundamentais do “futuro azul” de Galicia.

Acompañada pola directora-xerente do organismo, Rosa Chapela, a responsable autonómica salientou o papel desenvolvido polo centro desde a súa creación como entidade de referencia na investigación e na innovación no ámbito mariño. Neste senso, subliñou a súa contribución ao desenvolvemento sostible do complexo mar-industria galego e á proxección exterior do coñecemento xerado na comunidade.

Neste contexto, defendeu a necesidade de seguir avanzando na modernización e na dignificación das profesións vinculadas á pesca, á acuicultura e á transformación dos produtos do mar, co fin de fomentar a creación de emprego estable, atraer a mocidade e o talento feminino.

Galicia, referente en prevención

Así mesmo, e grazas ao traballo deste centro, Galicia consolídase como referente europeo en prevención, vixilancia e resposta ante ameazas ambientais no litoral. Unha fortaleza que contribúe á competitividade do sector pesqueiro e marisqueiro e ao prestixio internacional dos produtos do mar galegos.

Por iso, Villaverde defendeu a importancia da colaboración entre administracións, comunidade científica e sector produtivo co obxectivo de anticiparse aos novos desafíos climáticos; eido no que tanto CETMAR como Intecmar contan cunha ampla experiencia de coñecemento e xestión.

Os Diálogos do Mar desenvolvéronse durante a mañá en tres sesións diferenciadas, nas que técnicos de CETMAR dialogaron con representantes da ciencia, da administración e da investigación, colaboradores todos eles co centro galego, poñendo en valor o traballo levado a cabo nestes 25 anos en ámbitos como a loita contra a contaminación mariña, a cooperación ao desenvolvemento ou a dimensión humana do mar e da economía azul.

Con esta xornada, o Centro Tecnolóxico do Mar pecha a súa programación de aniversario reafirmando o seu compromiso cun sector marítimo-pesqueiro “máis competitivo, sostible e preparado para os retos do futuro”.

Leave a Reply