Villaverde destaca o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia como instrumento clave para a investigación e a transferencia de coñecemento ao sector
- A conselleira do Mar reuniuse cos coordinadores da iniciativa, co fin de abordar a súa evolución e analizar os retos de futuro
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada das directoras do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Covadonga Salgado e Rosa Chapela, respectivamente, reuniuse este luns cos coordinadores do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, Francisco Saborido e Rosa Fernández, para presentar os resultados da iniciativa e analizar os retos de futuro.
Durante o encontro, a titular de Mar puxo en valor o papel deste proxecto, impulsado pola Xunta, como unha ferramenta clave para avanzar na investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento ao sector. Neste sentido, destacou a súa contribución ao estudo dos ecosistemas mariños, á mellora da xestión sostible dos recursos e ao fortalecemento da capacidade investigadora nun ámbito estratéxico para a comunidade.
Precisamente pola relevancia que a iniciativa ten para o sector e para Galicia, Villaverde reiterou o compromiso da Xunta co apoio a todas aquelas accións que contribúan á xeración de coñecemento e á súa transformación en solucións útiles para o tecido marítimo-pesqueiro.







