EventsWhat's new

25 anos de CETMAR

By 10 June, 2026 No Comments

O padroado de CETMAR e a Feira Científica LonxaLAB abren este venres os actos do 25 aniversario desta fundación dependente da Consellería do Mar

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidirá a reunión dos patronos, na que tamén participará a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e na que a directora do centro, Rosa Chapela, dará conta do informe de xestión e das contas anuais
  • Despois do Padroado, inaugurarase a feira científica LonxaLAB, con actividades e xogos formativos e divulgativos a través dos que o equipo de CETMAR presentará ao público en xeral as súas liñas de traballo

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, abrirá o vindeiro venres 12 de xuño os actos conmemorativos do seu 25 aniversario, que se cumpre precisamente nesa xornada. O centro festexa así un cuarto de século na cidade de Vigo e faino sacando á rúa algúns dos seus traballos e convidado á cidadanía a achegarse, dun xeito práctico e ameno, a unha pequena mostra dos proxectos desenvolvidos polo centro nos últimos anos.

A programación prevista arrincará coa celebración da reunión ordinaria do Padroado da Fundación que, presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, terá lugar na sede de CETMAR en Bouzas a partir das 10:00 horas, e na que a directora-xerente, Rosa Chapela, informará sobre a actividade do centro neste último exercicio.

O encontro reunirá a todos os representantes das institucións membros deste órgano reitor, como é o caso das consellerías do Mar; Economía e Industria; Medio Ambiente e Cambio Climático;  Cultura e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Tamén estarán representadas as tres universidades galegas, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas-CSIC, Anfaco-Cytma e Conxemar.

Unha vez finalizada a reunión do Padroado terá lugar a inauguración da LonxaLAB, unha xornada aberta ao público que se celebrará na explanada de CETMAR. Entre as 11:00 e as 20:00 horas, este escenario converterase nunha feira científica na que as sete áreas de traballo do centro amosarán, dun xeito participativo, os proxectos e resultados desta entidade. 

As actividades, pensadas para todas as idades, consistirán en talleres sobre o ruído mariño, pesca sostible ou lixo mariño e en xogos relacionados coa captura incidental de especies en perigo, a contaminación ou a planificación do espazo marítimo, entre outros. Haberá zona infantil con contacontos animando ao consumo de peixe e exposición dunha maqueta de batea, un faro, unha gamela ou a cabina dun barco, ademais dalgunhas das embarcacións que o sábado participarán na VII Regata Solar, enmarcada tamén neste 25 aniversario.

Esta competición, organizada pola asociación A Industriosa, co apoio de CETMAR e de Marine Instruments, terá lugar o sábado 13 de xuño na praia de Bouzas. Trátase dunha iniciativa educativa na que estudantes de secundaria deseñan, constrúen e compiten con prototipos propulsados por enerxía solar. A actividade busca espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade.

O programa culmina o martes 23 de xuño coa xornada Diálogos do Mar, que reunirá na sala Cíes de CETMAR a profesionais e persoas expertas vinculadas ao centro para reflexionar sobre tres grandes ámbitos de traballo: a dimensión humana do mar, a loita contra a contaminación mariña e a cooperación internacional. Nas charlas participarán tanto persoal do centro como algúns dos colaboradores na traxectoria do centro. 

Con esta programación especial, CETMAR quere celebrar 25 anos de traballo ao servizo do océano e reafirmar o seu compromiso coa sociedade. Creado por iniciativa da Xunta de Galicia e do entón Ministerio de Ciencia e Innovación, o Centro Tecnolóxico do Mar cumpre así un cuarto de século impulsando proxectos de investigación, innovación e cooperación internacional para contribuír á protección do medio mariño e ao desenvolvemento dun sector marítimo-pesqueiro máis competitivo e sostible.

Leave a Reply