What's new

Pesqueiras artesanais

By 27 April, 2026 No Comments

A análise das dinámicas das comunidades pesqueiras e o seu impacto socioeconómico centran as relatorias de CETMAR no I Congreso Ibérico de Pesqueiras Artesanais

  • O Centro Tecnolóxico do Mar participou nesta primeira edición, celebrada en Santander e organizada polo IEO, con dous relatorios sobre os impactos socioeconómicos da pesca artesanal e a importancia desta dentro do tecido estrutural de Galicia.

A primeira edición do Congreso Ibérico de Pesqueiras Artesanais celebrouse en Santander coa participación da área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, que acudiu xunto cos seus socios no proxecto ESPARDE, a Universidade de Oviedo e o IEO-Vigo. O citado congreso nace co obxectivo de dar visibilidade ao sector pesqueiro artesanal de España e Portugal, ademais de xerar coñecemento, compartir experiencias e fortalecer vínculos entre ciencia, xestión e sector pesqueiro artesanal.

Neste marco, CETMAR realizou dúas presentacións: unha sobre os impactos socioeconómicos da pesca artesanal e a ordenación do espazo marítimo en Galicia, e outra sobre propostas metodolóxicas para facer mapas e analizar as dinámicas das comunidades pesqueiras.

No primeiro dos relatorios, proposto pola área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, incidiu-se en que as comunidades pesqueiras son esenciais para unha gobernanza ecosistémica efectiva, equitativa e resiliente, polo que comprender como se organizan e conectan territorialmente permite avaliar impactos sociais e económicos, anticipar vulnerabilidades e deseñar políticas baseadas na evidencia.

Para iso, proponse unha metodoloxía que vai máis alá do uso actual do porto base como aproximación á comunidade pesqueira, incorporando as redes de interacción entre portos, construídas a partir dos fluxos comerciais. Este enfoque permite recoñecer non só os nodos relevantes, senón tamén as estruturas de relacións que articulan as comunidades pesqueiras artesanais e revelan diferenzas entre pesqueiras que o paradigma do porto base non capta.

Nas artes menores emerxen portos que actúan como pontes fundamentais e outros que concentran a importancia comercial, mentres que a rede total identifica nodos estruturalmente distintos e destinos máis variados. Ademais, algúns portos incrementan a súa centralidade ao analizar só a pesca artesanal, o que evidencia o seu papel estratéxico dentro deste segmento, e a súa menor relevancia no conxunto da actividade pesqueira.

A comparación entre ambas redes permite identificar comunidades funcionais que difiren do paradigma baseado exclusivamente no porto base, detectar dependencias críticas e ofrecer unha base sólida para integrar información socioeconómica na análise das pesqueiras. Así mesmo, demostra o potencial das aproximacións de redes para facer mapas coas dinámicas de cada comunidade pesqueira e fortalecer a toma de decisións desde unha perspectiva territorial e ecosistémica.

Na segunda das presentacións, titulada “Facendo cartografías dos impactos socioeconómicos da pesca artesanal e a ordenación do espazo marítimo en Galicia”, púxose de manifesto a importancia da pesca artesanal como compoñente estrutural do sistema socioeconómico litoral de Galicia.

Dacordo cos datos achegados, máis de 3.600 embarcacións xeran 183,9 millóns de euros de produción e 130,9 millóns de Valor Engadido Bruto, sustentando comunidades altamente dependentes de caladoiros de elevada especialización produtiva. Porén, novos usos do espazo mariño ou figuras de conservación -Ecosistemas Mariños Vulnerables (EMV) ou Zonas de Alto Potencial Eólico Mariño— introducen restricións espaciais que afectan de maneira significativa á actividade extractiva.

A proposta de Espazos Mariños Vulnerables ilustra esta magnitude: máis de 875 buques de artes menores, especialmente os que empregan miños, trasmallos e vetas, poderían ver limitada a súa operativa en áreas onde as súas descargas superaron os 90 millóns de euros en 2024. Cunha media de 2,42 tripulantes por embarcación, estas restricións comprometerían aproximadamente 2.100 empregos, equivalentes ao 33,5 % do emprego da frota costeira artesanal. A isto súmase un impacto indirecto estimado en 54,7 millóns de euros derivado da redución de bens e servizos esenciais. En conxunto, o alcance económico para Galicia ascendería a 279,7 millóns de euros ao considerar os efectos ao longo da cadea de valor.

CETMAR resaltou ademais que a pesca artesanal participa activamente nos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, actuando como mecanismo de gobernanza territorial capaz de fortalecer o capital social, xerar alternativas económicas e aumentar a resiliencia comunitaria. Entre 2023 e 2025, este sector promoveu 163 proxectos por 9,26 millóns de euros, cuxo impacto se duplica ata os 20 millóns ao considerar efectos directos, indirectos e inducidos.

A combinación de rixidez espacial, dependencia de bens e ausencia de alternativas operativas explica a vulnerabilidade sectorial. A integración de información xeográfica, económica e social permite identificar onde e con que intensidade se manifestan estes impactos, subliñando a necesidade de marcos de gobernanza adaptativa que integren conservación, viabilidade económica e cohesión social, concluíu.

Leave a Reply