Daily Archives

6 Novembro, 2026

Conferencia final BlueWWater

By | Novidades | No Comments

O consorcio BlueWWater presenta no CETMAR os seus avances para reducir as emisións de contaminantes e microplásticos e mellorar a calidade da auga

  • Coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar, o proxecto desenvolveu durante tres anos ferramentas para detectar contaminantes emerxentes, avaliou tecnoloxías de tratamento e promoveu accións de protección ambiental e concienciación cidadá

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, acolleu hoxe a conferencia final do proxecto BlueWWater. Coordinada pola fundación galega, trátase dunha iniciativa de cooperación transfronteiriza que traballou os últimos tres anos para mellorar a detección, o tratamento e a redución de microplásticos e contaminantes emerxentes en augas residuais urbanas e ambientes acuáticos en Galicia e o norte de Portugal.

O evento permitiu aos socios do proxecto, entre os que están a Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia, presentar os principais resultados acadados, compartir o coñecemento adquirido e abordar os desafíos actuais e futuros na xestión da calidade da auga.

Entre os principais avances de BlueWWater presentados esta mañá en Vigo, estivo o desenvolvemento e a mellora de métodos para a detección e avaliación de contaminantes presentes en augas residuais e superficiais. Este traballo deu lugar a metodoloxías para analizar ata 95 compostos indicadores, así como ao refinamento das técnicas de mostraxe e análise de microplásticos en augas residuais urbanas e masas de auga superficiais.

O proxecto tamén promoveu un exercicio de comparación entre 12 laboratorios de España e Portugal para analizar 12 contaminantes especificados en la Directiva Europea de Tratamento de Augas Residuais Urbanas. Esta colaboración contribuíu a mellorar a fiabilidade e a comparabilidade das medicións, aspectos fundamentais para comprender mellor o estado da auga e avaliar a eficacia das medidas de control.

Outra área de traballo foi a análise da capacidade dos sistemas de tratamento de augas residuais para eliminar una selección de compostos orgánicos e inorgánicos e microplásticos. Para iso, recolléronse mostras en oito plantas de tratamento de augas residuais en Galicia e o Norte de Portugal, así como de augas fluviais e costeiras, estudando a presenza destas substancias en diferentes etapas do proceso de tratamento.

Ademais, avaliáronse tecnoloxías avanzadas de tratamento de augas residuais nunha planta piloto que combina diferentes procesos novidosos para mellorar a eliminación de contaminantes, e realizáronse ensaios experimentais para estudar o potencial de reutilización da auga tratada en cultivos de leituga e millo, xerando información útil para mellorar a xestión dos recursos hídricos.

A avaliación de risco ambiental foi outro aspecto clave deste proxecto. Mediante ensaios con microalgas, larvas de ourizo de mar, peixe cebra e anfípodos, avaliouse a potencial toxicidade das mostras de auga tratada e dos compostos indicadores seleccionados. Tamén se analizou o impacto ambiental de diferentes tecnoloxías de tratamento de augas residuais e desenvolvéronse modelos para simular a dispersión de contaminantes no río Miño e avaliar os seus riscos potenciais para os ecosistemas acuáticos.

No ámbito da educación ambiental, o proxecto desenvolveu iniciativas para concienciar á cidadanía sobre os problemas asociados aos residuos plásticos e aos contaminantes emerxentes e desenvolveu xogos educativos, vídeos, publicacións, exposicións e materiais didácticos, ademais de organizar obradoiros de divulgación e limpezas na marxe dos ríos.

Unha rede de cooperación con 68 entidades en España e Portugal

A colaboración entre centros de investigación, administracións públicas, empresas e outras organizacións, que está no ADN de CETMAR, foi un dos piares de BlueWWater. Neste marco, a rede NOR-WATER (https://rednorwater.eu/), que xurdiu do proxecto homónimo, reúne na actualidade a 68 entidades de España e Portugal implicadas no estudo e xestión destes contaminantes.

Os seus resultados inclúen un catálogo de capacidades e solucións tecnolóxicas de Galicia e o Norte de Portugal, unha base de datos de proxectos e recursos, unha estratexia para orientar o traballo en colaboración, así como obradoiros, actividades de formación sobre os desafíos das regulacións de tratamento de augas residuais e a presenza de contaminantes en diferentes tipos de vertidos e reunións técnicas.

Mediante unha combinación de investigación, avaliación tecnolóxica, cooperación transfronteiriza e concienciación ambiental, BlueWWater contribuíu á xeración de coñecemento e ferramentas para abordar os desafíos que supoñen os microplásticos e outros contaminantes nas augas residuais e nos ecosistemas acuáticos.

O proxecto (https://bluewwater.eu/) está financiado por POCTEP, o Programa de Cooperación Galicia-Norte de Portugal 2021-2027 da Unión Europea, e nel participan xunto a CETMAR, o Instituto de Investigación do Medio Acuático para Unha Saúde Global (iARCUS) da Universidade de Santiago de Compostela; a Axencia INTECMAR; a Faculdade de Engenharia e a Faculdade de Ciências da Universidade do Porto; Águas e Energía do Porto, EM; o IEO-CSIC; o Aquamuseu do Río Minho-CM Vila Nova Cerveira; o CIIMAR; a Fundación CETAQUA e o CMIA-CM Viana do Castelo.