Monthly Archives

Setembro 2024

Cooperación Internacional

By | Novidades | No Comments

A Fundación CETMAR colabora coa FAO na profesionalización do sector pesqueiro de São Tomé e Príncipe

  • O Centro Tecnolóxico do Mar traballará no recoñecemento das competencias profesionais dos pescadores e no deseño de dúas embarcacións adaptadas ás necesidades da pesca artesanal na zona, no marco do programa FISH4ACP ‘Desbloqueando o potencial da pesca e da acuicultura en África, no Caribe e no Pacífico’
  • Dous expertos da fundación galega participan nunha misión no país centroafricano para realizar o traballo de campo e coñecer de primeira man a labor dos pescadores e as condicións ambientais da actividade pesqueira
  • A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura executa esta acción con financiamento da Unión Europea e do Ministerio Federal de Cooperación Económica e Desenvolvemento de Alemaña

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR colaborará coa Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación-FAO nun programa para mellorar o sector pesqueiro de São Tomé e Príncipe a través da profesionalización dos pescadores e a optimización das súas embarcacións.

O traballo, que leva a dous expertos da institución dependente da Consellería do Mar ata ao país centroafricano, enmárcase dentro do programa FISH4ACP, “Desbloqueando o potencial da pesca e da acuicultura en África, no Caribe e no Pacífico”, que busca facer máis sostibles as cadeas de valor da pesca e da acuicultura.

No caso de São Tomé e Príncipe, a estratexia pasa, entre outras accións, por desenvolver e fortalecer as capacidades e a organización dos actores e incrementar as infraestruturas e equipos do sector pesqueiro, unha labor que corre a cargo dos técnicos da área de Cooperación Internacional da Fundación CETMAR, que prestará este servizo á FAO.

Tras unha revisión bibliográfica e reunións previas cos responsables do programa da FAO e institucións relevantes no ámbito da pesca, como a Direção das Pescas e Aquicultura, dous expertos do Centro Tecnolóxico do Mar viaxan agora a São Tomé e Príncipe para o traballo de campo.

O obxectivo e coñecer as condicións de traballo dos pescadores e palaiês (comercializadoras de peixe), a súa labor e os perfís profesionais necesarios para levala a cabo, ademais de analizar as condicións nas que se desenvolve a actividade pesqueira e visitar diferentes estaleiros. Durante a misión en terreo, estarán apoiados en todo momento polos técnicos da ONG local Mar, Ambiente e Pesca Artesanal (Marapa), con notable experiencia na zona.

A misión desenvolverase entre o 30 de setembro e o 4 de outubro e incluirá reunións de traballo con representantes das institucións e administracións con competencias no ámbito pesqueiro de São Tomé e Príncipe.

O obxectivo xeral do traballo a desenvolver polo Centro Tecnolóxico do Mar é promover o recoñecemento das competencias laborais adquiridas polos profesionais pesqueiros no desempeño da súa labor e sentar as bases dos programas de cualificación profesional cara a unha inserción laboral satisfactoria, ampliando as competencias básicas dos pescadores artesanais.

Así mesmo, CETMAR traballará na identificación de necesidades, no deseño e na definición de solucións construtivas para a construción de dous prototipos de embarcacións para actividades de pesca artesanal que cumpran os criterios de ergonomía e seguridade e adaptadas ás artes de pesca da zona, preservando a identidade cultural das comunidades pesqueiras de São Tomé e Príncipe.

O programa FISH4ACP no que se enmarca o traballo encargado por FAO á fundación galega está financiado pola Unión Europea e polo Ministerio de Cooperación Económica e Desenvolvemento (BMZ) de Alemaña.

Congreso Conxemar-FAO

By | Eventos | No Comments

CETMAR presenta un estudo sobre a evolución dos informes Sofia da FAO respecto ao estado mundial da pesca e a acuicultura

  • O informe elaborado polo Centro Tecnolóxico do Mar para a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e  Acuicultura-Conxemar inclúe recomendacións para o sector galego e nacional
  • O congreso, que se celebrará un día antes do inicio da feira internacional Conxemar no recinto feiral vigués, terá nesta edición como eixe central o informe bienal da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentará as conclusións dun estudo sobre o Informe SofIa da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación-FAO, sobre a súa evolución, as conclusións máis relevantes e as oportunidades e recomendacións de maior interese para o sector galego e español de produción e transformación de produtos da pesca.

A presentación forma parte da axenda do 12º Congreso Internacional Conxemar-FAO que se celebra en Vigo o vindeiro 30 de setembro como antesala á 25ª Feira Internacional dos Produtos do Mar Conxelados-Conxemar, e correrá a cargo de Rosa Chapela Pérez, coordinadora da área de Socioeconomía da Pesca de CETMAR, quen intervirá xunto a Audun Lem, director adxunto de pesca e acuicultura da FAO.

Elaborado precisamente para a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e  Acuicultura, o estudo de Cetmar destaca a evolución e os aspectos máis importantes de cada Informe Sofia, así como o impacto e interesa que poidan ter para Conxemar e os seus asociados.

Coincidindo co feito de que o Congreso Conxemar está dedicado este ano aos 25 anos do  Informe Sofia, o traballo elaborado pola fundación dependente da Consellería do Mar  analizou en profundidade os informes previos da FAO, aportando conclusións sobre a evolución dos seus contidos así como oportunidades e recomendacións a ter en conta polo sector galego e nacional.

O estudo dedica especial atención aos apartados de transformación azul máis centrados no valor engadido dos produtos acuáticos, e que leva a devandita transformación á acción ou aplicación práctica, integrando sostibilidade, equidade social e crecemento económico.

O papel da acuicultura, o fortalecemento da pesca costeira artesanal, a colaboración internacional e a innovación tecnolóxica,  e a economía circular e a adaptación ao cambio climático son outros aspectos e tendencias emerxentes que, nun marco global de transformación azul, destaca o informe elaborado polo Centro Tecnolóxico do Mar.

A 12ª edición do Congreso Internacional Conxemar-FAO reunirá neste 2024 en Vigo a expertos do sector que analizarán os retos e oportunidades actuais da industria transformadora e comercializadora de produtos do mar e o seu compromiso coa sostibilidade. Será o 30 de setembro a partir das 10:00 horas, trala apertura institucional.

Centro de Formación A Aixola

By | Novidades | No Comments

Villares resalta a importancia da formación dos profesionais vinculados ao sector marítimo-pesqueiro

  • O conselleiro do Mar visitou o Centro de Formación A Aixola en Marín, que acaba de iniciar un novo curso, e que desde 1997 ven formando aos colectivos da pesca que buscan capacitarse noutros oficios do mar
  • O responsable autonómico puxo en valor o compromiso da entidade coa calidade educativa, reflectida nos resultados de inserción laboral do seu alumnado, que acada o 70 por cento

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, salientou a importancia da formación dos profesionais vinculados aos sectores do mar e da pesca así como resaltou a labor que neste ámbito ven realizando desde 1997 o Centro de Formación A Aixola, que visitou en Marín acompañado pola alcaldesa da localidade, María Ramallo e representantes da Autoridade Portuaria, coincidindo co inicio dun novo curso.

Nun percorrido polos diferentes talleres do centro, que ten a súa sede no Porto de Marín, o responsable autonómico destacou a calidade educativa dunha entidade que, xestionada pola Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, ven acadando uns excelentes resultados de inserción laboral dos seus alumnos. Así, no 2023 a práctica totalidade do alumnado que buscou emprego conseguiu entrar no mundo laboral tras finalizar a súa formación, mentres que o resto continuou o seu itinerario formativo, acadando así cerca dun 70% de inserción.

A Aixola iniciou esta semana un novo curso para o que ten programadas sete accións formativas e para o que ofertou un total de 84 prazas destinadas a alumnos vinculados ao sector pesqueiro. As clases totalizarán cerca de 1.600 horas de formación de carácter gratuíto das que poden beneficiarse operarios da pesca, mariscadoras e mariscadores, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro.

Na súa visita ao centro, o conselleiro do Mar puido comprobar o desenvolvemento dun dos cursos que deu comezo esta semana, como é o caso do de laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e en construción naval, xunto ao de elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores, que se desenvolve pola tarde.

A oferta do centro de formación para este 2024 complétase cos cursos de confección e mantemento de artes e aparellos, electricidade e hidráulica básicas aplicadas ao buque, reparación de embarcación pneumáticas, soldadura autóxena e prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, ademais de titorías de apoio ao autoemprego e á busca de emprego.

A especialidade do centro dependente da Consellería do Mar, cunha actividade formativa cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (Fempa), é a aprendizaxe baseada no traballo, combinando a preservación do coñecemento tradicional coa innovación. A metodoloxía de ensino, centrada no aprendiz e nas súas necesidades, é eminentemente práctica e permite unha formación sólida que deriva en altas taxas de inserción laboral do alumnado.

Capacitando desde 1997

O Centro de Formación A Aixola dirixe a súa actividade aos colectivos de pesca que buscan capacitarse noutros oficios do mar desde 1997, cando iniciou a súa andaina a iniciativa da Consellería do Mar en instalacións da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. A xestión da entidade é responsabilidade do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desde o ano 2004. Durante este período, máis de 2.000 alumnos recibiron formación en oficios complementarios da pesca.

O enfoque de traballo do centro reforza ademais o tecido social da contorna, a través das múltiples colaboracións articuladas con outra administracións e organismos da súa comunidade, tanto para a selección de proxectos de traballo en taller, coma a captación de usuarios, a orientación das accións formativas ás necesidades reais das empresas ou a realización de prácticas.

A Aixola incide tamén na inclusión social, apoiando a integración de colectivos en risco de exclusión e fomentando a igualdade de xénero nas actividades con maior segregación. As titorías de formación compensatoria permiten equilibrar o nivel de coñecementos básicos dos alumnos, integrados en grupos nos que se favorece a aprendizaxe mutua.

Formación, emprego e inserción laboral

By | Novidades | No Comments

Últimos días para inscribirse nos cursos do Centro de Formación A Aixola

O Centro de Formación da Aixola lanzará nos próximos días a súa nova oferta, pensada para potenciar as competencias e facilitar a inserción do seu alumnado en áreas clave do sector marítimo-pesqueiro. Estes cursos son gratuítos, e están cofinanciados pola Consellería de Mar da Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Poderán beneficiarse destes cursos os operadores pesqueiros, mariscadores, os seus cónxuxes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro.

Un dos cursos destacados é “Reparación de embarcacións pneumáticas”, que non só se centra na reparación de embarcacións pneumáticas e embarcacións de uso recreativo, senón que tamén permite traballar cunha variedade de produtos inchables como táboas de paddle surf, castelos inchables, equipos inchables de mergullo e outros elementos recreativos Esta formación permite así traballar en múltiples sectores, dende o mantemento de equipos de emerxencia ata a reparación de elementos para eventos e parques infantís.

Ademais, durante o mes de setembro comezarán tamén os cursos nas áreas de instalacións, composites, redes e madeira. A oferta do centro de formación complétase cun curso en liña sobre prevención de riscos laborais no sector pesqueiro e con titorías de apoio ao autoemprego e á procura de emprego.

As 1.575 horas de formación programadas repartiranse no curso de fabricación e mantemento de artes e equipamentos (330 horas); electricidade básica e hidráulica aplicada ao buque (275 horas), e preparación e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores e laminación manual de poliéster para pezas utilizadas en acuicultura e construción naval, ambas de 300 horas.

A oferta de A Aixola para o vindeiro semestre complétase cos cursos de soldadura autóxena (20) e PRL no sector pesqueiro (50 horas).

O compromiso do Centro de Formación A Aixola coa calidade educativa reflíctese nos excelentes resultados de inserción laboral do seu alumnado. En 2023, a práctica totalidade dos estudantes que buscaron emprego lograron incorporarse ao mundo laboral tras rematar a súa formación, mentres que o resto continuou o seu itinerario formativo, chegando así ao 70% de integración.

A inscrición está aberta e é posible unirse á lista de espera para asegurar a praza. Para obter máis información sobre os cursos e como inscribirse pódese visitar a páxina web do centro ou contactar directamente con el.

ForoAcui

By | Eventos, Novidades | No Comments

O XXVI Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas repasa a historia do Centro Tecnolóxico do Mar nunha mesa dedicada á investigación

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR estará presente no Foro dos Recursos Mariños e a Acuicultura das Rías Galegas, que na súa XXVI edición repasará a historia da institución nunha mesa dedicada á investigación e protagonizada por catro dos seus técnicos. Será o vindeiro 9 de outubro, cando ForoAcui abra dúas xornadas de relatorios e debates que terán lugar no auditorio municipal de O Grove, na provincia de Pontevedra, ata o día 10.

Marisa Fernández, coordinadora da área de Control e Xestión do Medio e os Recursos Mariños de CETMAR, será a encargada de abrir a mesa de investigación dedicada ao centro cun relatorio no que repasará os 23 anos de historia da fundación galega e na que abordará tamén os retos de futuro do centro dependente da Consellería do Mar.

Pola súa banda, José Luis Santiago Castro-Rial, técnico da área de Socioeconomía da Pesca, falará a continuación sobre a información práctica e as innovacións aplicadas á planificación espacial mariña, mentres que Silvia Torres, coordinadora da Unidade de Tecnoloxías Mariñas, intervirá a continuación para abordar a observación do medio mariño e as aplicacións máis directas na acuicultura e no marisqueo.

Os avances no coñecemento e nas oportunidades de transferencia na xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros, centrados no caso particular do berberecho, centrarán a última intervención do panel de investigación, que virá da man de Rosa Fernández Otero, coordinadora do CETMAR Tecnoloxía. Área de promoción e transferencia.

Todo isto a partir das 11:15 horas do 9 de outubro, día no que se inaugura o Foro Acui cunha intervención maxistral de Adolfo Alvial, director executivo do Club de Innovación Acuícola de Chile, sobre a evolución do ecosistema de innovación na acuicultura chilena.

A inscrición no foro, que conta entre os seus patrocinadores coa Consellería do Mar e a Universidade de Santiago de Compostela, será posible ata o vindeiro 7 de outubro a través da páxina web do evento (https://foroacui.com/inscripciones/), onde tamén é posible consultar o programa completo e todos os detalles da organización.

Dende 1998, o Foro dos Recursos Mariños e a Acuicultura das Rías de Galicia pretende ser un espazo de referencia para comunicar a realidade e as perspectivas de futuro da pesca, o marisqueo e a acuicultura en Galicia. A formación, a divulgación e, principalmente, a interacción entre investigadores, empresarios e administración son os seus principais obxectivos.