Monthly Archives

Xuño 2023

EurOCEAN 2023

By | Eventos, Novidades | No Comments

Galicia será o epicentro do debate europeo sobre o futuro da ciencia oceánica e do mar coa celebración en Vigo da Conferencia EurOCEAN 2023

  • O evento celebrarase no auditorio Mar os días 10 e 11 de outubro e reunirá a comunidade científica, responsables políticos e administracións de todos os niveis, así como a representantes da industria e da sociedade para debater sobre os retos e oportunidades do ámbito do mar
  • A conferencia está promovida pola European Marine Board en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o CSIC, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o Campus do Mar así como da Comisión Europea e das principais redes de investigación mariña de Europa
  • Ademais o 8 e 9 de outubro Santiago de Compostela acollerá o primeiro foro de profesionais do océano na etapa inicial da súa carreira e o 12 e 13 terá lugar a reunión de socios do EMB na sede do Cetmar en Vigo

Galicia converterase o próximo mes de outubro no epicentro do debate europeo sobre a restauración dos océanos e sobre o futuro da ciencia mariña ao acoller a Conferencia EurOCEAN 2023, un foro que reunirá na cidade de Vigo a comunidade científica europea, a responsables políticos da Unión Europea e dos Estados Membros, a industria marítima e outras partes interesadas do mar.

O EuroOCEAN 2023 terá lugar os días 10 e 11 de outubro e a súa sede será o auditorio Mar de Vigo, que se converterá nun espazo de intercambio e debate sobre os últimos avances e desafíos de futuro na investigación mariña e o uso sostible do océano. O lema da conferencia será One Ocean, One Voice e buscará consensuar as mensaxes clave para a comunidade científica internacional sobre a necesidade de restaurar e salvagardar para as xeracións futuras o bo estado do océano e a sustentabilidade dos servizos que prestan os ecosistemas mariños mediante o fomento da investigación e do coñecemento relevante para este fin.

A Conferencia EuroOCEAN é o principal foro de encontro a nivel europeo sobre política e a ciencia mariña. Ofrece unha oportunidade única para que a comunidade investigadora mariña e todas as partes interesadas actúen coas persoas responsables das políticas e estratexias dos Estados Membros da Unión Europea para considerar, discutir e responder aos novos desenvolvementos, desafíos e oportunidades en ciencia e tecnoloxía mariña. Esta será a décima edición do evento, forma parte da Axenda da Presidencia española da UE e busca reforzar as sinerxías entre a Misión da Unión Europea para a restauración do océano e as augas continentais ata 2030, a Década das Nacións Unidas das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible e outras iniciativas internacionais e europeas de investigación e innovación. As edicións anteriores de EurOCEAN tiveron lugar en Bruxelas (1993), Sorrento (1995), Lisboa (1998), Hamburgo (2000), Galway (2004), Aberdeen (2007), Ostende (2010), Roma (2014) e París ( 2019).

A conferencia subliñará a importancia de unir esforzos cara á acción colectiva e a prol das ciencias mariñas para garantir o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU para 2030 e a Misión da UE “Restaurar o noso Océano e as Augas no horizonte do 2030”. Todo iso a través dun amplo programa que se dará a coñecer proximamente na páxina web de EurOcean 2023, onde xa é posible inscribirse como participante.  

European Marine Board organiza esta xornada en colaboración co Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, o Instituto Español de Oceanografía e o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Campus do Mar e a Comisión Europea.

A organización tamén conta coa participación da Joint Programming Initiative on Oceans (JPI Oceans), a European Marine Research Network (EuroMarine), o compoñente europeo do Global Ocean Observing System (EuroGOOS), o European Centre of Information on Marine Science and Marine Technology (EurOcean) e a Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA). Ademais, no ámbito local, manifestaron o seu apoio á celebración da conferencia o Padroado de Cetmar representado a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, o Porto de Vigo e as asociacións Conxemar e Anfaco.

Outros eventos vinculados a EuroOCEAN

Dous días antes da reunión EuroOCEAN 2023 e tamén por iniciativa do European Marine Board (EMB) a través do seu programa Young Ambassadorsterá lugar do 8 ao 9 de outubro na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela un foro de traballo para Early Career Ocean Professionals (ECOP), que reunirá a 70 representantes desta mocidade profesional, dous por cada unha das organizacións socias do EMB.

Este foro trasladará as súas conclusións á Conferencia posterior e converterase así nun espazo de formación e diálogo interxeracional entre os ECOP do EMB e os líderes da política europea, expertos e membros da comunidade científica ao máis alto nivel.

A semana pecharase coa celebración da reunión de membros do European Marine Board, que terá lugar os días 12 e 13 de outubro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo.