CETMAR celebra o Día Mundial dos Océanos cunha campaña participativa de recompilación de palabras relacionadas co mar
Co gallo da celebración do Día Internacional dos Océanos, que se conmemora o vindeiro 8 de xuño, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR lanza unha campaña participativa baixo o título de “Un Mar de Falas”. O seu obxectivo é afundir no imaxinario colectivo a diversidade de voces e palabras relativas ao mar e compilar todas aquelas relacionadas con esta temática.
A campaña, que dará comenzo hoxe nas diferentes contas de CETMAR en redes sociais, artéllase a través dun hashtag único #UnMarDeFalas. Calquera lingua é benvida.
Como participar?
- Escolle unha palabra: por exemplo, “redeira”, “maraxe”, “batea”…
- Comparte o seu contexto: unha anécdota, un recordo familiar asociado, un verso ou o oficio que a describa.
- Publique no seu perfil de redes sociais co hashtag #UnMarDeFalas.
Asemade, cada aportación formará parte dunha gran onda con todas as palabras recollidas: un mural colectivo en formato dixital e físico que será testemuñao da memoria viva mariña.
Esta iniciativa, coa que CETMAR pretende conectar directamente coa meta do ODS 14 de “Conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños”, responde así á vontade de fomentar a participación pública e a concienciación ambiental mediante un achegamento simbólico ao mar.
Ao convidar á cidadanía a reter e compartir vocabulario mariño, “Un Mar de Falas” reivindica o mar como un ben común, situado no corazón da cultura e da identidade local, e abre portas á co‐responsabilidade na súa conservación.
Coa mirada posta no futuro, CETMAR agarda converter esta iniciativa nunha cita anual que vaia engadindo novas linguas, novas xentes e novas palabras.
Desde xa agradecemos a participación.