Tag

RCGs

No marco de Secweb 2.0

By | Novidades | No Comments

CETMAR colabora cos Grupos de Coordinación Rexional europeos no deseño de ferramentas innovadoras para mellorar a xestión dos datos pesqueiros na UE

  • O desenvolvemento destes novos servizos tecnolóxicos lévase a cabo no marco do proxecto Secweb 2.0, financiado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura
  • O Centro Tecnolóxico do Mar é responsable da secretaría que presta apoio administrativo a estes grupos desde o ano 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e os Grupos de Coordinación Rexional europeos (RCGs, polas súas siglas en inglés) están traballando conxuntamente no deseño e desenvolvemento de ferramentas e servizos innovadores que melloren o funcionamento destes grupos, responsables da recollida e xestión dos datos das pesqueiras na Unión Europea.

Como responsable da secretaría que presta apoio aos RCGs (Regional Coordination Groups), e no marco do proxecto Secweb 2.0, que financia o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura, a institución galega, dependente da Consellería do Mar, está liderando este proceso, que se iniciaba cunha enquisa aos expertos que conforman estes grupos para coñecer as súas demandas de mellora.

Tendo en conta os resultados desa consulta acordouse o desenvolvemento dunha serie de ferramentas e contidos, como unha plataforma para a xestión de recomendacións e decisións, un sistema de rexistro de eventos ou un calendario e unha biblioteca electrónicos, ademais da mellora e actualización do sitio web dos Grupos de Coordinación Rexional e da base de datos das partes interesadas.

O deseño e posta en práctica destas accións foi debatido xa na primeira reunión de co-deseño, que reuniu a 17 representantes dos seis grupos e dos subgrupos e aos puntos focais nacionais, e na que se abordaron os contidos da plataforma para a xestión de recomendacións e decisións, que permitirá facer seguimento das mesmas mais aló do encontro que anualmente celebran os RCGs.

CETMAR abordará cos grupos en vindeiras reunións os contidos doutras ferramentas como o calendario ou o novo sistema de rexistro de eventos, ou da biblioteca virtual, decidindo de común acordo a información a compartir, o xeito de mostrala ou o sistema de acceso, entre outras características.

Trátase dun proceso de deseño cooperativo, continuo e aberto, liderado polo CETMAR, que irá presentando os avances ata o desenvolvemento final destas novas ferramentas, coas que se pretende facilitar o día a día no traballo dos Grupos de Coordinación Rexional.

A área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía do Centro Tecnolóxico do Mar asiste desde 2023 aos RCGs e préstalles  apoio nos procedementos organizativos e de comunicación dos grupos, artellando novos mecanismos e propostas co obxectivo de consolidar unha estrutura de secretaría que os apoie a longo prazo.

Paralelamente, CETMAR desenvolve o citado proxecto SECWEB 2.0 para mellorar a capacidade dos RCG e fortalecer a coordinación rexional desta rede de mais de 400 expertos dedicada a recollida, xestión e intercambio de datos pesqueiros.

Os Grupos de Coordinación Rexional -Atlántico Norte, Mar do Norte e Ártico Oriental (RCG NANSEA); Báltico (RCG Báltico); Grandes peláxicos (RCG LP); Pesca de longa distancia (RCG LDF); Mediterráneo e Mar Negro (RCG Med&BS) e Asuntos Económicos (RCG ECON)- son o principal centro de recollida de datos das pesqueiras co que conta a Unión Europea para mellorar e asegurar a xestión sostible dos recursos mariños.

O análise desta información constitúe a base cara a avaliación dos stocks, a partir dos cales redáctanse informes científicos que serven de base para determinar as posibilidades de pesca de cada especie.