Tag

Pescado

O peixe no menú

By | Eventos | No Comments

CETMAR acolle a xornada “Peixe sen Espiñas”, un debate sobre as barreiras ao consumo de produtos do mar nos fogares organizado por UCGAL

  • A cita terá lugar o 13 de novembro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo organizada pola Unión de Consumidores de Galicia, que reunirá a expertos para analizar os motivos que afastan o peixe da alimentación cotiá

A sede do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) en Vigo acollerá o vindeiro 13 de novembro a xornada «Peixe sen espiñas. Barreiras ao consumo de produtos do mar», un encontro organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración con Mercadona, Gadis e a Consellería do Mar, que reunirá voces de ámbitos habitualmente afastados entre si para analizar por que as persoas consumidoras atopan cada vez máis obstáculos á hora de incorporar o peixe á súa alimentación.

Galicia é unha das grandes potencias pesqueiras de Europa, cunha actividade económica, social e cultural profundamente vinculada ao mar. Con todo, a relación da cidadanía co peixe está a cambiar. A falta de tempo para cociñar, a percepción de que é un alimento caro, as dificultades para preparalo ou o rexeitamento entre os máis pequenos son algunhas das barreiras que condicionan a súa presenza nos fogares. Pero ata que punto responden a dificultades reais e canto teñen que ver cos hábitos, as percepcións ou a falta de información?

Para abordar estas cuestións, esta iniciativa propón cambiar o enfoque tradicional do debate. En lugar de centrarse exclusivamente nas propiedades nutricionais do peixe ou na necesidade de promover o seu consumo, a xornada buscará identificar que está a impedir realmente que chegue con maior frecuencia ás mesas dos fogares e que respostas poden ofrecer os distintos actores implicados.

O encontro reunirá a representantes da administración, do sector pesqueiro, da industria alimentaria, da distribución, da comunidade educativa, das familias e da divulgación científica e gastronómica. Unha confluencia de perspectivas especialmente relevante en Galicia, onde o peixe forma parte da identidade alimentaria e cultural, pero onde tamén se  manifestan os cambios nos hábitos de compra, na organización familiar e nas preferencias das novas xeracións.

Do prezo ás espiñas: catro barreiras para entender o consumo de peixe

A xornada comezará cunha análise da evolución do consumo de peixe nos fogares a cargo de María Isabel del Río Viqueira, secretaria xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE), que permitirá contextualizar o debate a partir dos datos e identificar as principais tendencias.

A partir desta radiografía, o programa estruturarase arredor de catro grandes barreiras que condicionan as decisións de compra e consumo. A primeira delas será a falta de tempo e as dificultades para preparar o peixe. Nun contexto marcado polos cambios nos horarios, pola procura de alimentos fáciles de cociñar e pola perda progresiva de determinadas habilidades culinarias, o encontro analizará ata que punto a limpeza, as espiñas, os olores ou o descoñecemento das receitas condicionan a elección deste alimento. Neste diálogo participarán Carmen Albo, divulgadora gastronómica coñecida nas redes sociais como Guisándome la vida; Leticia Pérez, estudante; Roberto Alonso, secretario xeral de Anfaco – Cytma e Julio Simarro, conselleiro delegado de Congalsa.

O segundo bloque abordará unha das cuestións máis sensibles para as persoas consumidoras: o prezo percibido do peixe. O debate tratará de esclarecer a distancia que pode existir entre o custo real e a percepción de que se trata dun produto caro, analizando cuestións como o prezo por ración fronte ao prezo por quilo, a diversidade de especies dispoñibles ou as alternativas máis económicas.

Nesta mesa participarán Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores; Gonzalo Rodríguez, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Jordi Soriano, director de Cadea Alimentaria para a Comunitat Valenciana, a Rexión de Murcia e Madrid de Mercadona. Tres perspectivas diferentes —a produción, a análise económica e a distribución— para abordar unha das principais preocupacións dos consumidores á hora de mercar peixe.

A terceira barreira situará o foco na infancia e na transmisión dos hábitos alimentarios. Por que moitos nenos e nenas rexeitan o peixe? Que papel desempeñan os comedores escolares? Como inflúen as familias na adquisición destes hábitos? Estas preguntas centrarán un diálogo no que participarán Rocío García, secretaria de Slow Food Compostela, e Rogelio Carballo, presidente da Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (CONFAPA).

Finalmente, a xornada abordará a desconfianza, os mitos e a desinformación arredor do peixe, unha cuestión cada vez máis presente nas decisións de consumo. A frescura, a seguridade alimentaria, a orixe, a trazabilidade, a etiquetaxe ou os bulos que circulan polas redes sociais serán algúns dos asuntos que analizarán Paula Carrera, directora de Kómoda News, e Rafael Urrialde, vicepresidente da Real Academia Europea de Doutores.

O encontro, de entrada libre, está dirixido a profesionais do sector pesqueiro e alimentario, representantes das administracións, organizacións de consumidores, comunidade educativa e persoas interesadas na alimentación e no consumo responsable.

«Peixe sen espiñas. Barreiras ao consumo de produtos do mar» celebrarase o 13 de novembro de 2026, a partir das 11.00 horas, no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en Vigo.

Programa