Tag

Mexilla

Novas ferramentas

By | Novidades | No Comments

A Xunta desenvolve un visor web de densidade larvaria de bivalvos na costa galega da man do Centro Tecnolóxico do Mar no marco do proxecto Apromex

  • Esta ferramenta mellora a accesibilidade aos datos e facilita a interpretación e consulta mediante paneis interactivos, así como visualizar a posición das estacións de mostraxe e a súa evolución temporal
  • No ano 2023 púxose en marcha un estudo de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón mediante anticorpos monoclonais da man do centro de investigación Cinbio da Universidade de Vigo, o CIMA e o Intecmar
  • A Consellería do Mar inviste no impulso de diferentes iniciativas para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico máis de 1,2 millóns de euros no período 2024-2026

A Consellería do Mar deu conta no Consello da Xunta do desenvolvemento dun visor web de densidade larvaria de mexilla, un recurso mariño estratéxico para o sector acuícula da comunidade, no marco do proxecto Apromex, que está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA). Así, o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente deste departamento autonómico, puxo en marcha unha plataforma web que permite visualizar mediante paneis interactivos os datos de análise larvaria de moluscos, destacando as larvas de mexillón, que son actualizados semanalmente.

Esta ferramenta mellora a accesibilidade a estes datos e facilita a súa interpretación e consulta ofrecendo información de interese como a posición das estacións de mostraxe e permite coñecer a súa evolución temporal para os anos 2023, 2024 e 2025. Tamén inclúe un esquema do ciclo larvario do mexillón, así como comentarios da evolución observada recentemente en cada estación, entre outras observacións. Estes aspectos e o funcionamento deste instrumento están sendo presentados ao sector no marco das xornadas do proxecto Capacitamex, a través do Cetmar, xunto con outros avances e traballos de investigación de interese para o sector.

Esta acción vai en liña con outros traballos anteriores. Xa no período 2009-2011 o Cetmar, por encarga da Consellería do Mar, publicou na web do Intecmar informes semanais sobre a abundancia de larvas de mexillón nas rías galegas co obxectivo de motrar patróns temporais e espaciais. Tamén no ano 2023, se puxo en marcha un estudo de indentificación e marcaxe selectiva de larvas deste molusco mediante anticorpos monoclonais da man do centro de investigación Cinbio da Universidade de Vigo, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Intecmar.

Máis actuacións

O proxecto Apromex, ademais de abordar a análise das poboacións de larvas de bivalvo no intermareal rochoso e a súa explotación no litoral da comunidade, tamén aborda a avaliación de novos sistemas de captación de semente en estruturas tipo long-line para a provisión de mexilla ao sector e contribuír á sustentabilidade do cultivo de mexillón, un produto esencial para a acuicultura galega. Trasladar ao sector e outros colectivos interesados os resultados logrados e outro dos ámbitos de traballo. A Consellería do Mar inviste no impulso de diferentes iniciativas para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico máis de 1,2 millóns de euros no período 2024-2026.

Transferencia en Capacitamex

By | Novidades | No Comments

CETMAR presenta ao sector mexilloeiro os resultados de investigación e as novas ferramentas de apoio á planificación das campañas de recolección de mexilla

  • O Centro Tecnolóxico do Mar organizou en O Grove o primeiro dos talleres de transferencia previstos no marco do proxecto Capacitamex e dirixido nesta ocasión aos membros da asociación Amegrove
  • Trátase da primeira das xornadas previstas para achegar a ciencia aos produtores e na que participaron expertos do CIMA, da Universidade de Vigo e do IIM-CSIC

A sede da cooperativa de produtores de mexillón Amegrove foi escenario onte do primeiro dos talleres programados polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR no marco do proxecto Capacitamex, que pretende transferir ao sector produtivo os resultados de investigación e as novas ferramentas desenvolvidas para dar apoio ás campañas de recolección de mexilla.

Financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Consellería do Mar, Capacitamex está a establecer pontes entre a ciencia e o sector produtivo e xerar diálogo entre investigadores e produtores, mostrando de maneira accesible os avances xerados que permiten coñecer o estado do medio mariño e predicir o seus comportamento e as súas repercusións para o cultivo do mexillón, entre outros.

Durante esta primeira xornada os asistentes puideron coñecer de primeira man os resultados de Apromex, un proxecto financiado tamén polo FEMPA e desenvolvido polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) co apoio técnico do CETMAR, e que abordou no seu día o análise das poboacións de xuvenís de mexillón no intermareal rochoso; a avaliación de novos sistemas de captación de mexilla e o desenvolvemento de sistemas de produción de semente en criadeiro.

Expertos do propio CIMA, do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e da Unidade de Tecnoloxías Mariñas do CETMAR foron os encargados de trasladar aos produtores presentes eses e outros resultados de investigación de interese para o sector, así como as novas ferramentas xeradas froito deses estudios.

É o caso dos visores web que permiten acceder aos datos recollidos nas mostraxes de precampaña sobre o estado da poboación de mexilla no litoral galego, así como os relativos as cuantificacións de larvas de mexillón nas rías que se realizan semanalmente, e que agora están a disposición do sector grazas a estas novas ferramentas. A maiores, os investigadores deron conta dos resultados dos últimos estudos científicos que relacionan os afloramentos e ventos dominantes nas rías coa dispoñibilidade de mexilla.

A xornada concluíu cunha presentación a cargo dun técnico do CETMAR sobre as novidades da aplicación para a declaración da recolección de mexilla, tanto en bancos naturais como en cordas colectoras, e que fai posible este trámite a través dun terminal móbil.

Este foi o primeiro dunha serie de obradoiros, deseñados para procurar unha visión común de investigadores, xestores e produtores respecto da importancia do coñecemento sobre o ciclo do mexillón e do análise dos factores ambientais que inflúen nel, facilitando a adaptación aos cambios do entorno e apoiando a sostibilidade ambiental, económica e social do sector mexilloeiro.

Avances Apromex

By | Novidades | No Comments

A Xunta presenta os resultados dos traballos realizados para a xestión da mexilla no marco do proxecto Apromex, no que participa CETMAR

  • A Consellería do Mar está a impulsar diversas iniciativas co obxectivo de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico
  • Nesta iniciativa participan o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e céntrase na análise da poboación de semente de mexillón e a súa xestión  

O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, acolleu hoxe unha xornada de presentación dos avances alcanzados no proxecto Apromex e na que tamén se deron a coñecer outras actuacións promovidas pola Consellería do Mar coa finalidade de fomentar o intercambio de coñecemento.

No evento estivo presente o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, quen destacou a importancia do sector mexilloeiro en Galicia, e o seu papel fundamental para a economía e a identidade da comunidade. Tamén subliñou a aposta do Goberno galego pola innovación e a colaboración entre as institucións, a ciencia e o sector produtivo como o mellor camiño para enfrontar os desafíos actuais e futuros.

Así, Antonio Basanta puxo en valor que a Consellería do Mar está a impulsar diversas iniciativas co obxectivo de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso acuícola estratéxico.  Estas actividades, coordinadas polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) contan ademais co apoio de centros como CETMAR e a Universidade de Vigo e están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

Neste contexto é no que está enmarcado o proxecto Apromex, liderado pola Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a través do CIMA e co apoio técnico de CETMAR, centrado na análise da poboación de semente de mexillón e a súa xestión. Nesta anualidade continuouse cun gran esforzo en actividades de mostraxe para avaliación do estado do recurso na rocha. Así, neste evento amosáronse os porcentaxes de mexilla na rocha ao longo da costa de galega, incluíndo os obtidos nas mostraxes previas á campaña de extracción de semente de mexillón deste ano.

A información, accesible a través dunha sinxela ferramenta de consulta, facilitará ao sector a planificación das súas actividades de extracción, baseándose nun coñecemento máis detallado da distribución do recurso.

Outras iniciativas

Ademais dos avances no marco de Apromex, durante a xornada presentáronse outras iniciativas relevantes impulsadas pola Consellería do Mar como a mostraxe semanal de larvas nas rías galegas, iniciativa dirixida polo CIMA e desenvolvida polo CINBIO da Universidade de Vigo e cuxos informes se poden consultar a través da páxina web de Intecmar. Tamén o proxecto Capacitamex liderado polo CETMAR para a transferencia de resultados das iniciativas impulsadas pola Consellería ás asociacións de produtores de mexillón, e a información para o sector contida na plataforma de Pescadegalicia presentada por NUNEGAL consulting.

En relación á mostraxe semanal de larvas de mexillón,  presentarase Información  sobre a presenza de larvas de moluscos en determinadas estacións fixas situadas nas rías galegas, incluído o mexillón. Proximamente habilitarase unha nova ferramenta de consulta desta información na páxina web de Apromex que simplificará a análise dos actuais informes semanais.

Espazo de intercambio

Esta cita reuniu a produtores, técnicos e investigadores e permitiu tanto coñecer novidades asociadas ao sector como discutir as estratexias e solucións que se están explorando para garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento continuo do sector. A xornada non só constituiu un espazo para compartir resultados, senón tamén para fornecer o diálogo entre o tecido produtor, as administracións e o sector da investigación.