Tag

Interreg Espazo Atlántico

Avances na loita contra o lixo mariño

By | Novidades | No Comments

O proxecto europeo Free LitterAT reforza a prevención, seguimento e xestión do lixo mariño a través da cooperación atlántica

  • A iniciativa, enmarcada no programa Interreg Espazo Atlántico, combinou investigación científica, innovación tecnolóxica e colaboración co sector pesqueiro e portuario para avanzar na redución do lixo mariño
  • A conferencia final coa presentación de resultados celebrouse durante a xornada de hoxe na sede do CETMAR en Vigo

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, dependente da Consellería do Mar, acolleu hoxe a conferencia final do proxecto europeo Free LitterAT, unha iniciativa de cooperación transnacional que durante tres anos traballou para avanzar cara a unhas comunidades costeiras libres de lixo mariño.

Coordinado por CETMAR, o proxecto reuniu a 23 entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda, combinando investigación científica, desenvolvemento tecnolóxico e experiencias prácticas para mellorar a prevención, o seguimento e a xestión do lixo mariño. Este consorcio contou cunha participación moi relevante de entidades galegas, entre as que se atopan, ademais de CETMAR, o INTECMAR, a Universidade de Santiago e o Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía.

A apertura da xornada correu a cargo da directora-xerente de CETMAR, Rosa Chapela Pérez, quen agradeceu o traballo destes anos na loita contra o lixo mariño e a asistencia do público,  tanto presencial como online, cara a coñecer os principais resultados do proxecto e compartir as experiencias desenvolvidas nos territorios participantes.

Ao longo da mañá e ata a tarde os socios foron dando conta das solucións de Free LitterAT para mellorar a prevención, seguimento e xestión do lixo mariño e dos principais resultados, como a elaboración de guías e boas prácticas para mellorar a xestión dos residuos procedentes da actividade pesqueira, tanto as artes de pesca ao final da súa vida útil (EOLFG) como os residuos recollidos incidentalmente durante a actividade pesqueira (PFW).

Estes traballos inclúen recomendacións para facilitar a aplicación das directivas europeas sobre plásticos dun só uso e recepción de residuos dos buques, mellorar os sistemas de recollida e de rastrexo e favorecer a recuperación e a reciclaxe dos materiais.

O proxecto estudou tamén o ciclo de vida de diferentes artes de pesca e as posibilidades de reutilización e reciclaxe dos seus compoñentes, promovendo experiencias piloto co sector, entre elas accións en Galicia coa Federación Galega de Redeiras que posúen un valioso coñecemento que pode ser transferido a outras rexións europea para promover a economía circular. A estes resultados súmase unha web de boas prácticas que reúne información sobre a xestión de residuos nos portos do Espazo Atlántico, iniciativas e recursos para facilitar o intercambio de solucións.

En relación cos residuos pescados incidentalmente, impulsáronse experiencias para mellorar a operativa dos programas de Fishing for Litter ou Pesca de Lixo, abordando aspectos como a recollida, o almacenamento, a descarga e o rastrexo e desenvolvendo pilotos en colaboración con portos estatais e autonómicos.

Así mesmo, desenvolvéronse accións piloto para avanzar na localización e recuperación de artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas (ALDFG), probando procedementos de colaboración co sector e tecnoloxías e métodos de detección e retirada, coa valiosa colaboración do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Free LitterAT avanzou tamén en novas metodoloxías para detectar e monitorizar o lixo mariño, mediante o uso de vehículos submarinos e cámaras de baixo custo para identificar residuos no fondo do mar, e unha ferramenta dixital colaborativa de análise de imaxes.

No ámbito dos microplásticos, desenvolvéronse tecnoloxía e procedementos harmonizados de mostraxe e análise en auga, sedimentos e organismos mariños, técnicas para mellorar a súa identificación e cuantificación e tecnoloxía innovadora de filtración para a súa retención nos sistemas de lavado doméstico. A capacidade de identificar a orixe do lixo mariño foi mellorada co desenvolvemento de metodoloxías adaptadas a diferentes rexións xeográficas.

Outro resultado destacado foi a mellora dos modelos de transporte e acumulación de residuos. A actualización do modelo MOHID-Lagrangiano e o desenvolvemento de ferramentas específicas para simular a deriva de artes de pesca permiten estudar as súas rutas de transporte e localizar posibles zonas de acumulación e fontes de orixe. Estes recursos integraranse nunha plataforma web que facilita a consulta dos resultados de modelización e doutra información xeorreferenciada.

Cooperación e capitalización

A capitalización dos resultados e a súa conexión coas políticas e redes de cooperación do ámbito atlántico foron tamén unha liña transversal do proxecto. Free LitterAT mantivo unha colaboración activa co grupo de traballo sobre lixo mariño de OSPAR (ICG-ML) e co grupo técnico da Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña (MSFD-TG ML), compartindo avances e recomendacións para contribuír aos traballos de seguimento e xestión destes residuos.

Así mesmo, o proxecto participou nas iniciativas da Estratexia Atlántica, especialmente no marco do seu Piar IV, e colaborou coa Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) e co Ocean Pollution Working Group da Comisión do Arco Atlántico, reforzando a conexión coas autoridades e redes rexionais. Estas actividades complementáronse con seminarios web e obradoiros técnicos dirixidos a investigadores, administracións, autoridades portuarias, pescadores e empresas, que permitiron intercambiar experiencias sobre xestión e reciclaxe de artes, residuos pescados incidentalmente, identificación de fontes, seguimento e modelización do transporte de lixo mariño.

Free LitterAT iniciouse o 1 de novembro de 2023 e finalizará o 31 de marzo de 2027. O proxecto foi financiado no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027.