Tag

Formación

Formación

Por | Novedades | Ningún comentario

A XUNTA AVANZA NO DESEÑO DO PROCEDEMENTO DE ACREDITACIÓN POR COMPETENCIAS DE TITULACIÓNS MARÍTIMO-PESQUEIRAS

  • A Consellería do Mar e o CETMAR traballan nun modelo formativo máis flexible que recoñeza a experiencia profesional e responda ás necesidades reais do sector

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe o Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar, e mantivo un encontro coa súa directora, Rosa Chapela, na que se avanzou no deseño dun procedemento de acreditación por competencias para determinadas titulacións marítimo-pesqueiras, unha demanda histórica do sector e unha ferramenta fundamental para facilitar o acceso á profesión e garantir o relevo xeracional.

Durante o encontro, ambas responsables abordaron as liñas de traballo necesarias para artellar un sistema que permita recoñecer oficialmente a experiencia profesional acumulada polos traballadores do mar, adaptando a formación ás necesidades reais do sector e reforzando o compromiso do Goberno galego cun modelo formativo máis flexible, moderno e eficaz.

A reunión serviu tamén para avanzar no reforzo da colaboración entre a Consellería do Mar e o Cetmar, así como para seguir traballando de maneira conxunta co propio sector na definición de novas medidas formativas que dean resposta ás súas demandas actuais e futuras, tanto no ámbito da pesca como da acuicultura e da cadea mar-industria.

Neste contexto, púxose en valor o papel do CETMAR como entidade adscrita á Consellería do Mar, destacando a súa intensa actividade no eido formativo a través do centro de formación Aixola e doutras accións orientadas á capacitación, actualización de coñecementos e mellora da empregabilidade dos profesionais, contribuíndo de xeito decisivo ao fortalecemento e á sustentabilidade do sector pesqueiro galego.

TransformAr

Por | Novedades | Ningún comentario

O proxecto europeo TransformAr celebra o seu evento final en Bruxelas coa participación galega de CETMAR e da Consellería do Mar

  • O proxecto europeo TransformAr chega á súa conclusión tras catro anos de traballo orientado ao desenvolvemento de solucións de resiliencia fronte ao cambio climático en rexións e cidades europeas. Entre os seus principais resultados destaca a coordinación, por parte do CETMAR, dun demostrador en Galicia centrado na adaptación do sector produtor de bivalvos aos efectos do cambio climático.

O evento final do proxecto celebrouse o pasado 11 de setembro en Bruxelas, no espazo Jardin Hospice, e reuniu representantes da Comisión Europea, gobernos rexionais, centros de investigación e axentes de distintos sectores.

Durante o encontro Manuel García Tasende, xefe de Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, participou presentando o interese da Dirección Xeral nos resultados acadados polo demostrador galego. Na súa intervención, destacou tamén as propostas de accións de resiliencia identificadas para impulsar a adaptación do sector mexilloeiro, algunhas das cales continúan a desenvolverse a través de proxectos como:

O evento puxo de relevo a necesidade de reforzar a resiliencia das rexións europeas fronte ao cambio climático, máis alá do concepto clásico de “adaptación”. Neste sentido, subliñouse o papel das organizacións de interface, como CETMAR, que facilitan o diálogo entre administracións rexionais, investigadores, industria e sociedade civil para deseñar e implementar propostas innovadoras e sostibles.

TransformAr supuxo un paso adiante na procura de solucións innovadoras e transferibles que poidan aplicarse en diferentes territorios europeos para afrontar os retos que presenta o cambio climático.