
O proxecto europeo TransformAr celebra o seu evento final en Bruxelas coa participación galega de CETMAR e da Consellería do Mar
- O proxecto europeo TransformAr chega á súa conclusión tras catro anos de traballo orientado ao desenvolvemento de solucións de resiliencia fronte ao cambio climático en rexións e cidades europeas. Entre os seus principais resultados destaca a coordinación, por parte do CETMAR, dun demostrador en Galicia centrado na adaptación do sector produtor de bivalvos aos efectos do cambio climático.

O evento final do proxecto celebrouse o pasado 11 de setembro en Bruxelas, no espazo Jardin Hospice, e reuniu representantes da Comisión Europea, gobernos rexionais, centros de investigación e axentes de distintos sectores.
Durante o encontro Manuel García Tasende, xefe de Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, participou presentando o interese da Dirección Xeral nos resultados acadados polo demostrador galego. Na súa intervención, destacou tamén as propostas de accións de resiliencia identificadas para impulsar a adaptación do sector mexilloeiro, algunhas das cales continúan a desenvolverse a través de proxectos como:
- CAPACTAMEX, que promove o diálogo entre o sector mexilloeiro, a Administración e a comunidade investigadora.
- BATEAS, que avanza na monitorización en tempo real da produción de mexillón para facilitar unha xestión baseada en datos.
O evento puxo de relevo a necesidade de reforzar a resiliencia das rexións europeas fronte ao cambio climático, máis alá do concepto clásico de “adaptación”. Neste sentido, subliñouse o papel das organizacións de interface, como CETMAR, que facilitan o diálogo entre administracións rexionais, investigadores, industria e sociedade civil para deseñar e implementar propostas innovadoras e sostibles.

TransformAr supuxo un paso adiante na procura de solucións innovadoras e transferibles que poidan aplicarse en diferentes territorios europeos para afrontar os retos que presenta o cambio climático.