Tag

Eurofish

Reunión de EUROFISH

By | Eventos, Novidades | No Comments

A directora-xerente do CETMAR participará como relatora invitada na reunión anual dos países socios de EUROFISH en Copenhague

A directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, Rosa Chapela Pérez, participará como relatora invitada na reunión anual dos países membros de EUROFISH, que terá lugar o vindeiro xoves 30 de xaneiro na sede da asociación internacional en Copenhague.

Neste encontro participarán arredor de medio cento de representantes dos ministerios con competencias en pesca e acuicultura dos 13 países membros e socios de EUROFISH, que abordarán, entre outros asuntos, o programa de traballo e o presuposto da entidade para este 2025, ademais de facer balance das actividades desenvolvidas o ano anterior.

Como ven sendo tradición na reunión anual de EUROFISH, a axenda deste encontro de traballo complétase con dous relatorios, un a cargo dun membro da propia organización internacional, e outro a cargo dun experto externo, que nesta edición corre a cargo da directora-xerente de CETMAR, quen acudirá en representación de Galicia.

Rosa Chapela falará así sobre o impacto socioeconómico da pesca e da acuicultura en Europa e máis concretamente en Galicia, centrándose na importancia de realizar estudios de impacto socioeconómico en ambos sectores para unha mellor toma de decisións informada por parte dos xestores públicos.

Así mesmo, falará dos poucos exemplos de estudios de impacto social e económico que poden ter as comunidades costeiras ante un recorte nas cuotas de pesca, entre eles os realizados pola administración galega con datos aportados por expertos de economía pesqueira da Universidade de Santiago de Compostela.

A directora de CETMAR incidirá así na necesidade de considerar datos económicos e sociais conxuntamente cos datos biolóxicos e ecolóxicos na toma de decisións, o que contribuirá a unha xestión más sostible da pesca e á mellora do benestar das comunidades pesqueiras, e citará  outros exemplos sobre os estudios de impacto económico nos que está a traballar a administración galega, relacionados coa economía azul de Galicia, á ordenación espacial mariña para marisqueo, pesca e acuicultura ou o impacto dos proxectos dos grupos de acción local de pesca nas comunidades litorais, entre outros.

O relatorio está previsto para este xoves día 31 de xaneiro ás 14:30 horas, trala intervención de Søren Espersen Schrøder, membro de Eurofish, quen presentará unha nova ferramenta para axudar á toma de decisións nas empresas de produtos do mar.

EUROFISH é unha organización internacional que traballa para contribuír ao desenvolvemento sostible do sector pesqueiro e acuícola; promover o comercio de produtos pesqueiros de alta calidade e valor engadido e facilitar a transferencia de información e coñecemento.

Para cumprir os seus obxectivos, a organización publica información relacionada co sector na revista Eurofish e na súa páxina web, e organiza xornadas, obradoiros, seminarios e encontros entre empresas. Ademais, desenvolve proxectos nos ámbitos da pesca, a acuicultura, os mercados e o comercio.

Actualmente os países membros de EUROFISH son Albania, Croacia, Dinamarca, Estonia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Noruega, Polonia, Romanía, Turquía e España.