Tag

CETMAR

Rede Española de Grupos de Pesca

Por | Novedades | Ningún comentario

GALICIA COMPARTE EN MADRID OS SEUS AVANCES NO DESENVOLVEMENTO LOCAL PARTICIPATIVO DAS COMUNIDADES COSTEIRAS

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, e a directora xerente do Cetmar, Rosa Chapela, participaron este martes na sesión técnica da Rede Española de Grupos de Pesca (Regp), onde todas as comunidades autónomas deron conta da evolución e desenvolvemento dos proxectos impulsados polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) como axentes dinamizadores da economía litoral en Galicia.

No transcurso da xuntanza, as representantes da Consellería do Mar, detallaron que este entes, creados polo departamento que dirixe Marta Villaverde, impulsan 160 proxectos no litoral galego por valor de 9,7 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (Fempa) 2021-2027. A este respecto, destallaron que o 60% destas iniciativas son destinados a actividades sen fins de lucro e o 40% restante a actividade económica, que mobilizan en conxunto un investimento privado de 6,1 millóns de euros.

Trátase de accións que permiten afondar na colaboración público-privada impulsando o desenvolvemento económico e competitividade de Galicia, cun impacto singular nas comunidades costeiras. Supoñen a creación de 70 empregos a tempo completo e abordan ámbitos como o aproveitamento do patrimonio cultural e medioambiental das zonas pesqueiras, a innovación e promoción da produción e subministro de produtos da pesca e da acuicultura ou o fomento da economía azul, entre outros. En Galicia existen 8 Galp que aglutinan a máis de 400 organizacións locais, que representan a máis de 13.000 profesionais do mar.

TransformAr

Por | Novedades | Ningún comentario

O proxecto europeo TransformAr celebra o seu evento final en Bruxelas coa participación galega de CETMAR e da Consellería do Mar

  • O proxecto europeo TransformAr chega á súa conclusión tras catro anos de traballo orientado ao desenvolvemento de solucións de resiliencia fronte ao cambio climático en rexións e cidades europeas. Entre os seus principais resultados destaca a coordinación, por parte do CETMAR, dun demostrador en Galicia centrado na adaptación do sector produtor de bivalvos aos efectos do cambio climático.

O evento final do proxecto celebrouse o pasado 11 de setembro en Bruxelas, no espazo Jardin Hospice, e reuniu representantes da Comisión Europea, gobernos rexionais, centros de investigación e axentes de distintos sectores.

Durante o encontro Manuel García Tasende, xefe de Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, participou presentando o interese da Dirección Xeral nos resultados acadados polo demostrador galego. Na súa intervención, destacou tamén as propostas de accións de resiliencia identificadas para impulsar a adaptación do sector mexilloeiro, algunhas das cales continúan a desenvolverse a través de proxectos como:

O evento puxo de relevo a necesidade de reforzar a resiliencia das rexións europeas fronte ao cambio climático, máis alá do concepto clásico de “adaptación”. Neste sentido, subliñouse o papel das organizacións de interface, como CETMAR, que facilitan o diálogo entre administracións rexionais, investigadores, industria e sociedade civil para deseñar e implementar propostas innovadoras e sostibles.

TransformAr supuxo un paso adiante na procura de solucións innovadoras e transferibles que poidan aplicarse en diferentes territorios europeos para afrontar os retos que presenta o cambio climático.