Tag

apromex cetmar

Avances do proxecto APROMEX

Por | Novedades | Ningún comentario

APROMEX presenta novas ferramentas para o seguimento do mexillón

  • A Consellería do Mar, a través do CETMAR, impulsa novas solucións tecnolóxicas para o seguimento da mexilla.
  • O 19 de novembro o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) acollerá no Auditorio Valle Inclán de Vilanova de Arousa unha xornada na que se presentarán os últimos avances técnicos, novas ferramentas dixitais e actuacións complementarias impulsadas pola Consellería do Mar e o CETMAR para fortalecer o sector acuícola galego.

O proxecto APROMEX dá un novo paso adiante na mellora do coñecemento e xestión do mexillón galego. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) acollerá o vindeiro 19 de novembro de 2025 a xornada Avances do proxecto APROMEX, organizada polo propio CIMA e o Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR. O encontro servirá para presentar os progresos máis recentes do programa e outras iniciativas impulsadas pola Consellería do Mar no ámbito da acuicultura e do estudo do mexillón nas rías galegas.

Durante a sesión exporanse os resultados da precampaña 2025–2026, que permiten avaliar a cobertura e densidade de mexilla nas principais zonas produtoras. Estes datos resultan fundamentais para planificar con antelación a vindeira campaña de extracción.

Un dos puntos destacados desta edición será a presentación dos traballos realizados no sistema long-line, desenvolvidos na Ría de Muros e Noia, co obxectivo de testar novos métodos de captación de mexilla no medio natural e avaliar a súa viabilidade.

O proxecto tamén incorpora ferramentas dixitais innovadoras, como o visor da densidade larvaria de mexilla, que permiten consultar en tempo real e a presenza larvaria nas rías galegas. Estas aplicacións contribúen a mellorar a planificación e eficiencia da actividade produtiva.

A Consellería do Mar dará a coñecer na mesma xornada outras iniciativas complementarias. Entre elas, a nova versión da aplicación MOVTIC, que simplifica a xestión documental vinculada á actividade acuícola; o proxecto BATEAS, centrado na análise das condicións ambientais que inflúen na produtividade do mexillón; e a iniciativa CAPACITAMEX, que promove encontros coas asociacións de produtores para compartir avances técnicos e fomentar a transferencia de coñecemento entre administración e sector.

A cita, que se celebrará a partir das 16:00 horas na Casa da Cultura. Auditorio Valle Inclán  (Vilanova de Arousa), incluirá espazos de debate e intercambio de impresións entre profesionais do sector, investigadores e representantes institucionais.