Novidades

ReMAP

By 21 Outubro, 2025 No Comments

ReMAP presenta en Finlandia dez novas ferramentas para mellorar a ordenación mariña europea

  • ReMap é un proxecto de tráfico mariño no que traballa a área de Socioeconomía da Pesca do CETMAR.
  • O proxecto financiado polo FEMPA amosou os seus resultados en Helsinqui: ferramentas abertas e interoperables para unha xestión mariña máis sostible

O proxecto ReMAP, dedicado a desenvolver ferramentas dixitais para reforzar a monitorización e avaliación dos Plans de Ordenación Espacial Mariña (POEM), presentou os días 14 e 15 de outubro os dez módulos deseñados para especialistas en ordenación mariña europea (OEM) durante o evento ReMAP Hands-on Conference no marco do MSP Data Week en Helsinki (Finlandia).

Durante esa semana os desenvolvedores de ferramentas do proxecto ReMAP impartiron obradoiros nos que reuniron a máis de 90 participantes, cunha representación case plena de todos os Estados Membros, así como de autoridades intergobernamentais como HELCOM-VASAB ou PAP/RAC. Tamén estiveron presentes o Assistance Mechanism, o Grupo de Traballo da Rexión do Báltico (BSR WG) e o Grupo Técnico de Expertos en Datos para MSP (TEG).

Jose Santiago explicando a ferramenta de ReMAP desenvolvida desde CETMAR: un visor de datos socioeconómicos relacionados coa Ordenación Espacial Mariña
MSP Data Week en Helsinki

Despois de tres anos de traballo colaborativo, ReMAP presentou nestes obradoiros dez ferramentas dixitais deseñadas para apoiar a implementación da OEM en Europa. Estas ferramentas destacan por ser independentes, reutilizables, combinables, operativas e de acceso público. O obxectivo das sesións foi ensinar o seu uso mediante exercicios prácticos a diferentes escalas: local, rexional e transfronteiriza. Desde CETMAR levouse o testeo das ferramentas a nivel local ademáis de deseñárse dúas ferramentas: Socioeconomic tool e Gov-tool (en colaboración con Marta Ballesteros -IEO-CSIC). Neste vídeo, o coordinador da área explica a ferramenta socioeconómica:

Os asistentes puideron probar as ferramentas, explorando a súa aplicabilidade en contextos reais e o seu potencial para mellorar a xestión dos espazos mariños e dos seus recursos nas distintas fases dos plans MSP. As ferramentas presentadas non só fortalecen a capacidade operativa dos Estados Membros, tamén promoven unha visión compartida cara a unha ordenación mariña máis sostible, coherente e resiliente.

Ademais das sesións técnicas, a conferencia promoveu o diálogo entre os participantes a través de dúas mesas redondas. A sesión do martes, liderada por Stefano Menegon (CNR-ISMAR), centrouse na creación de espazo para a innovación política. A sesión do mércores, facilitada por Marta Ballesteros (IEO-CSIC), buscou engadir valor ás políticas actuais e co-crear novas recomendacións. Nesta última Jose L. Santiago, coordinador da área de socieoconomía en CETMAR, participou como panelista apelando á necesidade de datos compartidos entre os Estados Membro.

Jose Santiago participando nunha mesa redonda en representación da EMODnet. Xunto a el, Céline Frank (Comisión Europea) e Dmitry Frank-Kamenetsky (HELCOM)

Con esta última reunión, REMAP pecha o seu ciclo, pero deixa abertas novas vías de colaboración e aplicación práctica que seguirán alimentando o desenvolvemento de políticas espaciais mariñas en Europa. Ademais, durante o obradoiro sobre Xemelgos Dixitais do TEG, celebrado o xoves 16, destacouse o labor de ReMAP na recollida de datos e información dos países membro e outros stakeholders. Así mesmo, Massimo Zancanaro mencionou o traballo das geostories, coas que se pode comprender mellor os datos ao seren procesados e presentados dun xeito máis atractivo, algo no que ReMAP contribuíu ao recompilar a información das súas ferramentas en forma de xeohistorias que, con mapas, gráficos e textos, permiten mergullarse no mundo dos 10 módulos sen ter que ser un experto técnico.

Leave a Reply