Novidades

Os expertos defenden a posta en valor do patrimonio marítimo con fins turísticos como vía para a súa conservación sostible

By 26 Novembro, 2013 No Comments

O proxecto PROAMARE e a ruta deseñada polos socios desta iniciativa europea cara a posta en valor do patrimonio marítimo con fins turísticos foron presentados hoxe por técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar no transcurso dunha xornada que reuniu a expertos nesta materia na sede da Fundación en Vigo.

A directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, foi a encargada de abrir a xornada cun relatorio no que afirmou que favorecer a diversificación económica das comunidades costeiras e garantir o mantemento óptimo dos bens materiais e inmateriais a conservar no litoral son obxectivos “cada vez máis en auxe”.

Mostrou así a súa confianza en que iniciativas como o proxecto PROAMARE, no que a Fundación CETMAR ven traballando xunto á Deputación de Pontevedra, Cámara de Caminha, CIM Alto Minho e Fundaçao Gil Eannes, contribúan á conservación e posta en valor do patrimonio marítimo, e avogou pola colaboración das institucións, da iniciativa privada e das asociacións vinculadas a este ámbito no cumprimento desta tarefa.

A presentación da ruta marítima entre Galicia e o Norte de Portugal deseñada polos socios de PROAMARE correu a cargo do secretario xeral do CETMAR, Julio Taboada, e do técnico do proxecto Gonzalo Borrás, mentres que do tramo portugués falou Carla Gomes, representante do CIM Alto Minho.

O itinerario entre Vigo e Viana do Castelo prevé dúas horas de navegación a bordo de embarcacións de alto valor patrimonial percorrendo 17 millas náuticas pola Ría de Vigo ata Baiona, para  proseguir por terra ata Viana do Castelo e volver á auga para cruzar o río Miño entre A Guarda e a localidade portuguesa de Caminha.

Durante todo o traxecto a ruta permite disfrutar do patrimonio marítimo achegando ao viaxeiro a diferentes puntos de interese como o Museo do Mar de Galicia, Faro Troitiño, Illas Cíes, Monteferro, Fortaleza de Monterreal, Santa Tegra e, xa en Portugal, os fortes do Cao e da Insua, o miradoiro de Santa Luzia ou o navío museo hospital Gil Eannes.