Novidades

Os expertos abordan a situación actual do sector biotecnolóxico en Galicia nun seminario no CETMAR

By 22 Xuño, 2011 No Comments

Intervención da directora do CETMARA situación actual do sector biotecnolóxico en Galicia centrou hoxe un seminario organizado polo Centro Tecnolóxico do Mar na súa sede en Vigo e no que se presentaron ademais iniciativas exitosas nese campo no terreo da valorización de subprodutos e organismos mariños, como é o caso das empresas Seanergy ou Iuvenor. A escasa presenza ata o de agora de empresas galegas neste segmento industrial quedou patente ao longo da xornada, que se celebrou no marco do proxecto BIOTECMAR no que participa a Fundación galega.

Precisamente da creación de empresas biotecnolóxicas coma unha materia pendente en Galicia falou a directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, na apertura do seminario, que proseguiu cun relatorio a cargo de Rafael Camacho Fumanal, director da Fundación Genoma España. Camacho corroborou o feito de que Galicia está á cola na posta en marcha de iniciativas neste sector, ao que se incorporan entre cincuenta e sesenta novas empresas ao ano.

Pola súa banda, Lucía Cecilia, responsable de Comunicación da Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO), cifrou na súa intervención en 1.050 as empresas que na actualidade empregan biotecnoloxía dentro dos seus procesos en España. Delas, 400 son de carácter estrictamente biotecnolóxico e a súa cifra de negocio sitúase nos 53.000 millóns de euros, segundo informe ASEBIO 2010. Cecilia, que interveu para presentar a Plataforma de Mercados Biotecnolóxicos creada o ano pasado, asegurou que a presenza de socios galegos tanto en ASEBIO como na devandita plataforma e testemuñal.

Precisamente para promover a creación e mellora das empresas biotecnolóxicas da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal xurdiu o proxecto Bioemprende, do que falou a directora xeral do BIC Galicia, Maite Cancelo Márquez. Froito do traballo desenvolvido no marco dese proxecto detectáronse mais de 70 ideas de negocio biotecnolóxico, algunhas delas relacionados cos produtos do mar, ao tempo que constituíronse cinco empresas nese ámbito e outras cinco están en fase de constitución.

Cancelo recoñeceu que o biotecnolóxico é un sector estratéxico para Galicia pero coincidiu co resto dos expertos en que o seu desenvolvemento é “moi baixo”. Pese a todo, durante o seminario quedou patente o feito de que existen as ferramentas e os medios necesarios para que a medio prazo xurdan empresas biotecnolóxicas que permitan á comunidade autónoma galega situarse nos niveis do resto do Estado.

A xornada completouse con dous relatorios sobre empresas que se desenvolven no terreo da valorización de subprodutos e organismos mariños, como é o caso de IUVENOR, compañía con sede en O Carballiño que emprega as macroalgas na fabricación de cosméticos. Desta falou o seu director xerente, Juan Velasco, mentres que Xavier Ribas, responsable de I+D+I de Seanergy, expuxo a experiencia desta compañía con sede nas Illas Feroe na produción de hidrolizado de coláxeno mariño a partir de peles.

O seminario que tivo lugar hoxe no Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo desenvolveuse no marco do proxecto BIOTECMAR, “Explotación BIOTECnolóxica de produtos e subprodutos MARiños”, no que a institución galega traballa xunto a entidades de Portugal, España, Francia e Irlanda.