What's new

O CETMAR reúne a representantes de centros de formación marítima de Francia, Irlanda e Portugal

By 17 April, 2012 No Comments

Representantes de centros de formación marítima de Francia, Irlanda e Portugal que traballan xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) no proxecto europeo Marleanet reúnense hoxe na sede da fundación galega en Vigo. Este encontro supón o quinto comité de socios, o primeiro que se celebra en España e o último antes da conferencia final do proxecto, que terá lugar na localidade de Brest na Bretaña francesa en outubro.

Mellorar a capacitación dos profesionais do mar coa creación dunha rede de centros e procurar un achegamento entre a formación marítima civil, pesqueira e militar son dous dos obxectivos desta iniciativa, financiada polo programa Interreg da Unión Europea. Xunto ao CETMAR participan no proxecto o Centre Européen de Formation Continue Maritime de Concarneau, que coordina a iniciativa; a Université de Bretagne Occidentale; a Mutua dos Pescadores e a Escola Náutica Infante Don Henrique de Portugal e o Cork Institute of Technology/ National Maritime College of Ireland.

Tras o encontro que se prolongará ata mañá mércores, os socios de Marleanet partirán cara á cidade de Xixón para, xunto a profesores e formadores, visitar o Centro de Seguridad Marítima Integral Jovellanos, unha entidade que imparte formación especializada en seguridade, ámbito marítimo e medio ambiente.

A creación dunha rede transnacional de formación marítima de alta calidade e a posta en común de ferramentas para os seus membros é un dos obxectivos principais de Marleanet. O proxecto contempla tamén o intercambio de boas prácticas e de persoal para a implantación conxunta de cursos de calidade e a posta en marcha dunha ferramenta común de e-learning que inclúa aos socios da rede cara a formación on-line (a bordo de buques ou na casa) e nos institutos de formación. A meta dos socios de Marleanet é mellorar a capacitación de arredor de 3.000 persoas ao ano.

Esta iniciativa espera contribuír así a un achegamento entre a formación marítima civil, pesqueira e militar, á mellora da calidade da formación e á harmonización dos certificados. Entre os temas abordados no material elaborado no proxecto se inclúen cuestións relativas aos convenios SOLAS –Seguridade a Bordo- e MARPOL.

No caso do CETMAR, o Centro traballa sobre a mellora da aplicación, difusión e formación sobre contaminación mariña dende varias áreas que se coordinan creando sinerxías entre varios proxectos do Espacio Atlántico, como é o caso de ARCOPOL, ANCORIM e o propio Marleanet. As accións contempladas neste proxecto (www.marleanet.com) contribuirán así a dispor de portos mellor explotados e dun sector marítimo máis competitivo.

Leave a Reply