Novidades

O CETMAR presenta unha nova rede de centros de formación marítima como peche ao proxecto europeo Marleanet

By 27 Novembro, 2012 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar acolleu hoxe a presentación dunha nova rede de centros de formación marítima. Foi durante a conferencia final do proxecto europeo Marleanet, no que a Fundación CETMAR ven de traballar xunto a institucións de Portugal, Francia e Irlanda co obxectivo de integrar a tódolos subsectores deste ámbito académico.

Na apertura da xornada, que correu por conta da directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, esta destacou o feito de que “tódolos centros de formación de Galicia e de España” foran quen de ”atoparse, intercambiar experiencias e fomentar a creación dunha rede, propiciando sinerxías” que, asegurou, “terán aproveitamento no futuro”. Por este motivo agradeceu a participación tanto dos socios de Marleanet como das institucións de formación que colaboraron no cumprimento dos fins desta iniciativa.

Pola súa banda, Lucía Fraga, coordinadora da área de Formación do Centro Tecnolóxico do Mar, introduzo aos asistentes á conferencia nos detalles do proxecto que, recordou, contou coa participación de centros de formación civís, da Armada e marítimo-pesqueiros. Financiado a través do programa Interreg da Unión Europea, Marleanet contou coa participación de seis socios e manterá a súa actividade ata finais de 2012.

Do desenvolvemento da base de datos Marleanet falou Anxela Carballo, técnica do proxecto no CETMAR. Explicou que está estruturada en catro rexistros: documentos relacionados con este ámbito académico; entrevistas coas reflexións e opinións de expertos, docentes e axentes do sector; persoas –formadores, expertos, investigadores- e, finalmente, organizacións, como os propios centros de formación, agrupacións, asociacións ou organismos do sector marítimo-pesqueiro.

Entre as vantaxes desta base de datos destacou a maior visibilidade dos centros en internet e o feito de que propicia contactos entre institucións de España, Portugal, Irlanda e Francia. Tamén permite, dixo, compartir recursos e coñecementos e sirve de punto de encontro entre docentes, expertos e profesionais. Resaltou tamén o feito de que, por primeira vez, propíciase a interacción entre os sectores implicados na navegación, como é o caso da Armada, da mariña mercante e do sector da pesca.

Un debate aberto sobre a orientación da rede nun futuro e as necesidades dos centros de formación que sexa desexable abordar pechou o encontro, disponible no canal CAU CETMAR de YouTube. Os relatorios estarán en breve en www.marleanet.com.

Xunto ao CETMAR participan nesta iniciativa o Centre Européen de Formation Continue Maritime de Concarneau, que coordina a iniciativa; a  Université de Bretagne Occidentale; a Mutua dos Pescadores e a Escola Náutica Infante Don Henrique de Portugal e o Cork Institute of Technology/ National Maritime College of Ireland.

Leave a Reply