Novidades

O Centro Tecnolóxico do Mar presenta os proxectos europeos OYSTERECOVER e PARASITE no Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura

By 11 Outubro, 2013 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presentou esta mañá no XVI Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas os proxectos europeos OYSTERECOVER, cuxo obxectivo e procurar ferramentas que posibiliten a recuperación da produción da ostra plana en Europa, e PARASITE, que pretende mitigar o impacto en consumidores e industria dos parasitos que afectan aos produtos da pesca.

Rosa Fernández Otero, coordinadora da área de Promoción e Transferencia de Tecnoloxía e responsable destas iniciativas no CETMAR, foi a encargada de dar conta dos detalles de ambos proxectos e dos avances acadados ata o momento.

Tamén ao amparo do ForoAcui celebrouse a Xornada sobre criadeiros e semilleiros, sementeira e cultivo de moluscos bivalvos, unha iniciativa do Centro Tecnolóxico do Mar e da Consellería do Medio Rural e do Mar que acadou así a súa terceira edición.

A xornada, na que participaron expertos de diferentes países do mundo e representantes da administración e de empresas relacionadas con este ámbito, serviu para facer unha posta en común sobre a situación deste sector, os problemas actuais e as melloras conseguidas para optimizar o seu desenvolvemento.