Novedades

O Centro Tecnolóxico do Mar aposta pola valorización do patrimonio marítimo coa posta en marcha da ruta PROAMARE

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR reuniu hoxe en Vigo a medio centenar de representantes da administración e dos sectores turístico e cultural na presentación da ruta marítima Vigo-Viana do Castelo, deseñada no marco do proxecto europeo PROAMARE, que pretende a valorización do patrimonio marítimo e a súa posta en valor como reclamo turístico.

A xornada, que se iniciou cunha charla informativa sobre esta iniciativa e cunha visita guiada ao Museo do Mar de Galicia, incluíu unha viaxe piloto a bordo da goleta Nieves entre os múelles de Bouzas e o porto de Baiona á que asistiron cerca de medio cento de persoas que puideron coñecer as características da ruta proposta polos socios de PROAMARE.

O itinerario entre Vigo e Viana do Castelo prevé dúas horas de navegación a bordo de embarcacións de alto valor patrimonial percorrendo 17 millas náuticas pola Ría de Vigo ata Baiona, para  proseguir por terra ata Viana do Castelo e volver á auga para cruzar o río Miño entre A Garda e a localidade portuguesa de Caminha.

Durante todo o traxecto a ruta permite disfrutar do patrimonio marítimo achegando ao viaxeiro a diferentes puntos de interese como o Museo do Mar de Galicia, Faro Troitiño, Illas Cíes, Monteferro, Fortaleza de Monterreal, Santa Tegra e, xa en Portugal, os fortes do Cao e da Insua, o miradoiro de Santa Luzia ou o navío museo hospital Gil Eannes.

Converter todo ese patrimonio nun reclamo turístico promovendo así a súa valorización e o seu uso sostible é un dos obxectivos do proxecto PROAMARE, financiado pola Unión Europea. Esta iniciativa conta coa participación, xunto á Fundación CETMAR, da Deputación Provincial de Pontevedra, da Cámara Municipal de Caminha, do CIM Alto Minho e da Fundación Gil Eannes.

Dejar un comentario