Novedades

A fundación CETMAR presenta a ruta marítima entre Vigo e Viana do Castelo deseñada no marco do proxecto europeo PROAMARE

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR presenta o vindeiro 28 de xuño unha ruta marítima entre Vigo e Viana do Castelo deseñada no marco do proxecto europeo PROAMARE, cuxa finalidade é a recuperación do patrimonio marítimo e a súa posta en valor como reclamo turístico.

Durante esta xornada, que dará comezo as dez da mañá na sede da Fundación CETMAR en Bouzas, os asistentes poderán coñecer de primeira man as características desta ruta e participar nunha viaxe piloto a bordo da goleta Nieves, que cubrirá unha parte do traxecto entre Vigo e Baiona.

Antes de embarcar no peirao de Bouzas, os asistentes desprazaranse ao Museo do Mar de Galicia en Alcabre para asistir a unha charla sobre o proxecto PROAMARE e  a unha ruta guiada por estas instalacións.

De volta en Bouzas, a goleta Nieves partirá ás doce da mañá rumbo a Baiona. A chegada a esta vila está prevista arredor das 14,15 horas, cando terá lugar o regreso a Vigo en autobús. Durante a travesía, os asistentes poderán degustar un aperitivo.

Converter o patrimonio marítimo nun reclamo turístico é un obxectivo cada vez mais en auxe por canto se trata dunha acción que favorece a diversificación da actividade económica especialmente das comunidades costeiras e, ao mesmo tempo, garante a valorización e o mantemento óptimo deses bens materiais ou inmateriais a conservar.

Con ese fin veñen traballando as institucións implicadas no proxecto PROAMARE, como é o caso de, ademais da Fundación CETMAR, a Deputación de Pontevedra, a Cámara Municipal de Caminha, a Fundaçao Gil Eannes e o CIM Alto Minho.

Dejar un comentario