Novidades

No marco de APROMEX

By 7 Maio, 2025 No Comments

A Xunta mellora a xestión do mexillón dende a análise en rocha á produción en criadeiros

  • CETMAR pon a disposición do sector unha plataforma web que ofrece información do ciclo larvario deste molusco bivalvo
  • O conselleiro do Mar participa na presentación desta iniciativa, incluída na estratexia da Consellería de garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento do recurso
  • A miticultura é unha das principais actividades acuícolas galegas, que vai máis aló da propia actividade de cultivo en bateas, sendo determinante no desenvolvemento socioeconómico de Galicia

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este mércores na presentación do visor web da densidade larvaria do mexillón, que desenvolveu o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR no marco do proxecto APROMEX. Trátase dunha plataforma web, co-financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA), que permite a visualización de datos de análises larvarios de moluscos, destacando as larvas de mexillón, que se actualizan semanalmente, a través de paneis interactivos.

Deste xeito, a través desta iniciativa dáse un acceso máis áxil aos datos recollidos desde o ano 2023, data na que se puxo en marcha un estudo de identificación e marcaxe selectivo de larvas desta especie mediante anticorpos monoclonais, realizado polo Centro de Investigación CINBIO da Universidade de Vigo, o Centro Investigacións Mariñas (CIMA) e o Instituto Tecnolóxico do Control Mariño de Galicia (Intecmar).

No acto, no que Villares estivo acompañado da directora xeral de Pesca, Acuicultura e  Innovación  Tecnolóxica, Patricia García, e da directora xerente de CETMAR, Rosa Chapela, informouse de que esta ferramenta mellora a accesibilidade e consulta a estes datos; facilita a súa interpretación, ofrecendo información de interese como a posición das estacións de mostraxe; e permite coñecer a súa evolución temporal para os anos 2023, 2024 e 2025. Tamén inclúe un diagrama do ciclo larvario do molusco bivalvo, así como comentarios sobre a evolución observada recentemente en cada estación, entre outras observacións.

Estes aspectos e o funcionamento deste instrumento están a presentarse ao sector no marco das xornadas do proxecto Capacitamex, a través do CETMAR, xunto con outros avances e traballos de investigación de interese para o sector, pois de APROMEX tamén se extraen outros datos que abarcan dende a avaliación da fixación de cría nas rochas á posta en marcha de novos sistemas de avaliación de captación no medio natural e a produción complementaria, a través de criadeiros.

Co fin de avanzar neste proxecto e de impulsar diversas iniciativas destinadas a garantir a sustentabilidade e o desenvolvemento deste recurso, a Consellería do Mar prevé investir ata 2026 máis de 1,2 millóns de euros. Porén, esta acción dá continuidade a outros traballos anteriores.

A miticultura en Galicia

A miticultura, unha das principais actividades acuícolas galegas, desempeña un papel crucial na economía e a sociedade galega. O seu desenvolvemento vai máis aló da propia actividade de cultivo en bateas (3.573 en Galicia), xa que o ciclo de engorde do mexillón depende da captación de semente salvaxe (mexilla), obtida principalmente das rochas do litoral e de cordas colectoras. Son actividades, segundo apuntou o responsable autonómico, esenciais para garantir o desenvolvemento do sector.

A alta variabilidade natural deste recurso e a súa importancia socioeconómica para Galicia avalan a demanda de levar a cabo un estudo en profundidade da súa dinámica, das posibilidades de aproveitamento, do impacto ecolóxico, e da procura de alternativas para abastecer ao sector co obxectivo de facelo máis resiliente.

Para garantir a súa sustentabilidade e desenvolvemento continuo é esencial abordar os desafíos que enfronta. Neste contexto, a Consellería do Mar, a través do CIMA, e co apoio técnico do CETMAR, lanzou o proxecto APROMEX, co-financiado con fondos europeos. Estes retos abórdanse a través de tres áreas: análise das poboacións de mexilla no intermareal rochoso e a súa explotación, avaliación de novos sistemas de captación de semente e desenvolvemento de sistemas de produción de semente en condicións controladas de criadeiro.

Leave a Reply