A Xunta pon en valor os ecosistemas costeiros como sumidoiros de carbono claves para avanzar cara á neutralidade climática nunha xornada do proxecto CAPTA
- A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia en colaboración có Centro Tecnolóxico do Mar organizou en Santiago unha xornada técnica sobre carbono azul no marco do proxecto europeo CAPTA, unha iniciativa coordinada polo propio CETMAR e orientada a reforzar a resiliencia costeira na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal
O encontro reuniu en Santiago a expertos do ámbito científico, institucional e empresarial para abordar o papel dos ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono e o seu potencial na loita contra o cambio climático, así como o desenvolvemento de mercados de carbono e experiencias prácticas en España e Portugal.
Na inauguración institucional da xornada, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor os ecosistemas mariños como sumidoiros de carbono claves para avanzar cara á neutralidade climática.
Durante a súa intervención, a directora xeral explicou que a neutralidade climática pasa tanto pola redución das emisións de gases de efecto invernadoiro como pola potenciación dos mecanismos de absorción natural de carbono. Nese senso, apostou por situar os ecosistemas costeiros -marismas, pradeiras mariñas ou zonas intermareais- “no centro das solucións baseadas na natureza contribuíndo tanto á loita contra o cambio climático como á conservación da biodioversidade e ao desenvolvemento sostible do litoral”.
En concreto, Paula Uría fixo fincapé no proxecto CAPTA, no que colaboran a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e CETMAR, que busca crear un marco de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal para identificar ameazas, vulnerabilidades e riscos climáticos aos que se enfrontan os espazos costeiros e establecer actuacións coordinadas para a súa preservación.
Tras unha introducción sobre o proxecto CAPTA a cargo do persoal de CETMAR, abordaranse cuestións crave como os sistemas voluntarios de créditos de carbono en Galicia, o deseño do primeiro estándar para a certificación de créditos de carbono azul en España e Europa desenvolvido por unha administración pública, a experiencia do consorcio empresarial que lidera o piloto de captura de CO₂ no Parque Natural Bahía de Cádiz e outras desenvolvidas en Portugal.
A xornada completouse coa presentación de resultados do proxecto CAPTA e unha mesa redonda sobre retos e oportunidades do carbono azul na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal.
O proxecto CAPTA -«Neutralidade climática: papel do Carbono Azul na costa de Portugal e Galicia»- conta cun orzamento de 1,67 millóns de euros e está cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP e o fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Entre as súas liñas de traballo destaca o desenvolvemento de metodoloxías comúns para a análise de fluxos de CO₂ e a avaliación do papel dos ecosistemas litorais como sumidoiros de carbono, apoiándose no uso de tecnoloxías avanzadas como satélites, drons ou intelixencia artificial. A iniciativa contribuirá ademais a mellorar os sistemas de alerta fronte a riscos climáticos mediante a identificación de novos indicadores ambientais, facilitando información comparable e procedementos homoxéneos para a toma de decisións. Así mesmo, CAPTA promove a implicación social e a sensibilización sobre a importancia da adaptación ao cambio climático e a protección dos ecosistemas costeiros.
O proxecto conta cunha ampla participación institucional e científica. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático participa a través da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático – Meteogalicia. Tamén participa a Consellería do Mar a través de CETMAR, que lidera a iniciativa, e do Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR). Todos eles forman parte do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia e do Observatorio da Marxe Ibérica-Observatorio RAIA.
O consorcio complétase con outras institucións que tamén forman parte do Observatorio RAIA, como o Instituto de Investigacións Mariñas e o Instituto Español de Oceanografía, ambos pertencentes ao CSIC, as universidades de Porto, Aveiro, Vigo e A Coruña, así como outras entidades portuguesas como INESC TEC e CIIMAR.
Operativo desde 2028, o Observatorio RAIA proporciona servizos de observación e predición océano-meteorolóxica na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, apoiando a sectores crave da economía azul como a pesca, o turismo e a xestión ambiental, no que tamén se integra o Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia.
Con esta xornada, a Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa loita contra o cambio climático e a promoción de solucións baseadas na natureza, situando ao carbono azul como unha ferramenta para explorar a sustentabilidade do litoral galego.









