Novidades

Memoria 2025

By 13 Abril, 2026 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desenvolveu  59 proxectos e servizos ao longo de 2025 da man de 182 socios de 32 países do mundo

  • O Centro Tecnolóxico do Mar presenta na súa memoria os logros derivados das accións levadas a cabo cara a impulsar a innovación, a sostibilidade e o coñecemento aplicado ao mar, así como o avance dunha economía azul responsable e resiliente

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR  coordinou e participou ao longo do ano 2025 nun total de 59 proxectos e servizos, unha actividade para a que contou coa colaboración de 182 socios con sede en 32 países do mundo. Así o recolle a Memoria 2025 da institución, unha publicación que xa está dispoñible na súa páxina web, e que resume os logros do centro na loita contra a contaminación mariña, na xestión dos recursos pesqueiros, na adaptación ao cambio climático, ou na observación oceánica e no fortalecemento da economía azul, entre outras liñas de actuación.

Do total das 59 accións levadas a cabo por CETMAR -37 servizos e 22 proxectos de investigación-, 33 foron de ámbito internacional e 26 de ámbito nacional, desenvolvéndose neste último a maioría dos servizos, mentres que 7 de cada 10 proxectos traspasaron as fronteiras nacionais.

Un equipo composto por 62 profesionais de ámbitos tan diversos como as ciencias do mar, a bioloxía, a enxeñería, o dereito, a economía, o xornalismo, as ciencias políticas ou a filoloxía, entre outros, fixeron posible o desenvolvemento de todas estas accións, cun traballo diario para apoiar aos sectores da pesca, o marisqueo e a acuicultura, aos sectores da economía azul, ás administracións públicas e as organizacións profesionais, científicas e sociais, e, sobre todo, a todas aquelas persoas que dependen dos  ecosistemas mariños.

Toda esta labor foi posible grazas ao respaldo económico de máis dunha vintena de fontes de financiamento, a maioría de ámbito autonómico ou europeo, como a Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar, entre outros departamentos da administración galega, ou a Unión Europea, que apoiou a actividade de CETMAR en cerca de 30 das accións desenvolvidas.

Para desenvolver o seu traballo, a fundación galega asociouse con máis de 180 centros de investigación ou tecnolóxicos (48), ademais de administracións (31), universidades (36), empresas (21), entidades e asociacións (29) e co propio sector pesqueiro. Estes socios procedían de 32 países do mundo, como Portugal, Francia, Italia, Grecia, Turquía, Dinamarca, Irlanda ou Reino Unido, pasando por outros países de África e América Latina (Perú, Honduras, Costa Rica, O Salvador, Namibia, Senegal ou Sao Tomé e Príncipe), onde se desenvolveron máis dunha ducia de proxectos e servizos no ámbito da cooperación Internacional.

Moitas destas accións, relacionadas na Memoria 2025 nos ámbitos de loita contra a contaminación mariña, xestión de recursos e xestión e transferencia de tecnoloxía, gobernanza mariña, análise de datos e observación mariña, a formación ou a cooperación, seguen o seu curso neste 2026, ano en que o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR cumpre 25 anos.

Para festexar este aniversario, a institución galega ten preparado un amplo programa de actividades no mes de xuño (feira científica LonxaLAB, diálogos do mar, regata de embarcacións solares), ao tempo que renova o seu compromiso de seguir acompañando ás persoas que viven do mar, impulsando o coñecemento e reforzando a sostibilidade dos océanos.

Leave a Reply