What's new

MARLEANET, programa europeo que persegue a mellora da formación marítima no espacio Atlántico

By 23 October, 2011 No Comments

O proxecto europeo Marleanet, no que colabora o Cetmar está a desenvolver estes días diversas actividades en Inglaterra, Francia e Galicia. Este programa persegue a mellora da formación marítima no espacio Atlántico e a creación dunha rede de centros de formación que mellore a capacitación dos profesionais do mar e propicie un coñecemento adaptado ás necesidades deste ámbito e da seguridade marítima, así como un achegamento entre a formación marítima civil, pesqueira e militar. Representantes do Cetmar e da Consellería do Mar están a participar nestas actividades para avanzar en materia de seguridade marítima.

O proxecto prevé tamén o intercambio de boas prácticas e de persoal para a implantación conxunta de cursos de calidade e a posta en marcha dunha ferramenta común de e-learning que inclúa aos socios da rede cara a formación on-line (a bordo de buques ou na casa) e nos centros de formación. A meta dos socios de Marleanet é capacitar a arredor de 3.000 persoas ao ano a través dos centros da súa rede, e certificar o valor engadido da formación marítima impartida no espacio Atlántico.

Así, o pasado mércores celebrouse en París o taller E-learning no currículo marítimo, no que se debateron as expectativas profesionais sobre a formación e-learning, as adaptacións necesarias nas normativas regulatorias e os requisitos técnicos e de formación de persoal para unha óptima implantación deste sistema formativo.

Tamén tivo lugar estes días no Cetmar un intercambio de persoal implicado na formación en saúde a bordo e medicina marítima. Unha delegacións francesa e outra portuguesa do proxecto, realizaron unha serie de visitas técnicas e asistiron ao V Congreso hispanofrancófono de medicina marítima, onde se presentaron os primeiros resultados do proxecto.

Por último, esta semana terá lugar en Cornualles (Inglaterra) e en Brest (Francia) un intercambio de persoal implicado na formación en construcción naval en madeira, ao que asistirá persoal do Cetmar e da da Consellería do Mar, do centro de formación A Aixola, que coordina a propia Fundación CETMAR, e da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira AGALCARI. Nas actividades programadas participarán ademais representantes das institucións que promoven o proxecto europeo WOOBTA “Wooden Boatbuilders Training Association” (Asociación de aprendizaxe de carpinteiros de ribeira), cuxo obxectivo xeral é a creación dunha asociación de organizacións implicadas na formación de adultos en carpintería naval e na posta en valor do oficio. Nese fin traballa a Fundación CETMAR xunto a Falmouth Marine School do Reino Unido, Les Ateliers de l’Enfer de Francia e Skeppsholmens folkhögskola de Suecia. Durante o intercambio visitarán centros de formación e empresas de construcción naval en madeira da rexión de Cornualles, así coma os museos dedicados a presentar esta actividade. Posteriormente asistirán ás conferencias de clausura do proxecto NeA2, sobre náutica de recreo sostible.

O proxecto Marleanet está coordinado polo Centre Européen de Formation Continue Maritime (CEFCM) de Concarneau (Francia) e ademais do Cetmar conta coa participación do Cork Institute of Technology de Irlanda, a Escola Superior Náutica Infante D. Henrique e a  Mutua dos Pescadores de Portugal, e a Universite de Bretagne Occidentale (Francia). Conta coa cofinanciación da Unión Europea mediante fondos FEDER do programa espacio Atlántico. Todos eles traballan de forma conxunta dende ano 2010 na execución de accións encamiñadas á creación dunha rede transnacional de formación marítima de alta calidade e á posta en común de ferramentas para os seus membros.

Leave a Reply