Por en marcha novos plans de xestión das pesqueiras a longo prazo coa participación de todos os axentes implicados nesta actividade é o obxectivo do proxecto europeo GEPETO “Xestión de Pesqueiras e Obxectivos Transnacionais”. Esta iniciativa, financiada pola Comisión Europea a través do programa Interreg Espacio Atlántico e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, está liderada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e conta coa participación de centros de investigación e representantes do sector pesqueiro de España, Francia, Portugal e Irlanda.
Os primeiros pasos para deseñar o novo modelo de xestión pesqueira déronse recentemente en Madrid cunha reunión de representantes de todas as entidades e institucións que conforman o consorcio do proxecto. Ademais do CETMAR e o CCR-Sur participan nesta iniciativa IFREMER de Francia, AZTI-Tecnalia, IPMA de Portugal, o Instituto Español de Oceanografía, a Universidade das Azores, Marine Institute de Irlanda e o Consejo Consultivo Regional para las Aguas Noroccidentales (CCR-N).
O ámbito de actuación de GEPETO corresponde á fachada Atlántica Sur de Europa, onde se pretende desenvolver un modelo participativo que integre a todas as partes implicadas na actividade pesqueira. A intención é lograr novos métodos de xestión innovadores que fagan da pesca unha actividade competitiva dende o punto de vista socioeconómico e que, ao tempo, preserve os recursos naturais do medio mariño a longo prazo.
Como paso previo á definición dos novos plans de xestión elaborarase un mapa que establecerá as diferentes actividades pesqueiras existentes na zona obxecto deste estudo, así como a súa importancia en relación coas capturas e a súa repercusión socioeconómica. Tomando como base a información desta ferramenta describiranse distintas unidades de xestión, co gallo de parcelar as actividades e zonas que son susceptibles de ter unha xestión común adaptada ás súas necesidades.
A perda de competitividade do sector europeo da pesca, a crise económica e un marco regulamentario a corto prazo son tres factores que están a contribuír ao menoscabo da actividade da pesca en Europa. Co ánimo de contribuír a garantir o seu futuro, o proxecto GEPETO busca a colaboración entre científicos, profesionais, grupos ecoloxistas e todos os axentes do sector.
Tras acadar un novo acordo na Comisión Europea, respecto aos TACs e cotas para 2013, os socios de GEPETO plantexan unha alternativa a máis longo prazo na xestión pesqueira, procurando un marco máis estable para as propostas do sector pesqueiro e maior visibilidade ás partes interesadas. O proxecto finalizará na primavera do 2014.