What's new

Expertos en divulgación científica imparten no CETMAR un taller formativo para mellorar a difusión dos proxectos de I+D+I

By 21 April, 2012 No Comments

Expertos en divulgación científica impartirán un taller formativo na sede do Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo dentro dun ciclo promovido pola Fundación Observatorio Español de Acuicultura, coa que a institución galega está a colaborar en esta e outras iniciativas. A xornada, que terá lugar na mañá do vindeiro martes 24 de abril, forma parte do ciclo “Divulgar ciencia no século XXI” que se iniciou en marzo en Andalucía e que rematará en maio en Barcelona.

Enmarcado no proxecto ACUIRED, a Rede Nacional de Comunicación e Divulgación Científica en Acuicultura, e cofinanciado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), este ciclo pretende dotar a investigadores e axentes da I+D+I das ferramentas e estratexias de divulgación do coñecemento científico. O obxectivo é que sexan capaces de difundir os resultados dos seus proxectos de investigación á sociedade e a os medios de comunicación de forma eficaz e accesible.

O ciclo conta con recoñecidos profesionais no ámbito da comunicación e divulgación científica a nivel galego e nacional que complementarán os aspectos teóricos con exercicios prácticos. No caso do taller do vindeiro 24 de abril, a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia e coordinadora de Divulgamar, Luisa Martínez, e o responsable de divulgación científica de Altega-Xestión, Xosé Dositeo, darán as claves para ser un bo divulgador nos primeiros relatorios da xornada.

Os asistentes tamén poderán coñecer estratexias de difusión de información científica aos medios de comunicación na intervención do periodista especializado en ciencia de La Voz de Galicia, Raúl Romar. As novas tecnoloxías tamén ocuparán un espacio destacado na xornada. Así, o responsable de contenidos web dos Museos Científicos Coruñeses, Francisco Doménech, mostrará as técnicas de divulgación 2.0. Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Comunicación Científica, Manuel Vicente, exporá algunhas prácticas inspiradoras de divulgación científica en Galicia. O último bloque do taller estará dedicado á realización de exercicios prácticos co fin de adaptar a información das publicacións científicas á noticia da man da redactora do Servicio de Información y Noticias Científicas (SINC), Eva Rodríguez.

Galicia é a segunda comunidade autónoma en acoller o ciclo de talleres “Divulgar ciencia no século XXI”, que neste caso contan ademais coa colaboración da Asociación Galega de Comunicación Científica e do Campus do Mar. Tras o seu paso por Andalucía, esta iniciativa concluirá o vindeiro 23 de maio na Facultade de Bioloxía da Universidad de Barcelona, onde se organiza en colaboración coa Xarxa de Referència d’R+D+i en Aqüicultura de la Generalitat de Catalunya (XRAq).

A inscrición segue aberta (contacto@fundacionoesa.es)

programa_taller_divulgacion_Galicia

Leave a Reply