Novidades

CETMAR traballa xunto a científicos de 16 países na busca de novas estratexias para afrontar as consecuencias do cambio climático

By 31 Marzo, 2016 No Comments

A identificación de estratexias para mitigar os riscos e aproveitar as oportunidades derivadas do cambio climático na pesca e na acuicultura é o obxectivo xeral de CLIMEFISH, un proxecto que conta coa participación do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e outras 20 institucións de 16 países.

Partindo do escenario actual no que os efectos do cambio climático ameazan xa o crecemento sostible da pesca e da acuicultura, o consorcio CLIMEFISH pretende contribuír a que a produción dos produtos do mar se oriente cara a aquelas zonas e especies con potencial para crecer de forma sostible, contribuíndo así mesmo ao fortalecemento do emprego no sector e ao desenvolvemento das comunidades costeiras.

Dende agora e ata o 2020 os socios do proxecto desenvolverán prognósticos para escenarios de produción que servirán como punto de partida aos análises socioeconómicos, identificando riscos e oportunidades do cambio climático. Os modelos biolóxicos a empregar neses prognósticos están baseados na distribución e produción de especies únicas, así como na interacción de varias especies.

Para a identificación destas novas estratexias os investigadores contarán con todas as partes interesadas, unha interacción na que o CETMAR terá un papel relevante. A Fundación galega coordinará así as diferentes actividades entre científicos, sectores industriais, responsables políticos ou organizacións non gobernamentais, a través da creación conxunta de solucións

Coa colaboración de todos os implicados, CLIMEFISH proporcionará recomendacións para elaborar plans que permitan afrontar os cambios climáticos ao tempo que se minimizan as perdas económicas e as consecuencias sociais. O que se pretende é reforzar o asesoramento científico e mellorar a longo prazo a produción, a planificación e o deseño das políticas axeitadas.

O proxecto está dirixido aos sectores produtivos da pesca e da acuicultura mariña e da produción en lagos e estanques, incluíndo un total de 16 casos de estudio e implicando a máis de 25 especies.

Os 21 socios de CLIMEFISH –centros de investigación como o Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC de Vigo, universidades e empresas de Europa, Canadá, Chile e Vietnam- celebrarán a reunión de lanzamento do proxecto no mes de maio en TromsØ, Noruega. O proxecto está financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte 2020 e conta cun presuposto de 5 millóns de euros.