What's new

CETMAR e CIMA compilan nunha guía información científica cara a loita contra a infección por virus herpes da semente de ostra rizada

By 21 November, 2013 No Comments

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e o Centro de Investigacións Mariñas-CIMA presentaron unha guía de autocontrol que compila información científica útil cara á loita contra a infección por virus herpes da semente de ostra rizada e para evitar as perdas asociadas a mortalidades masivas desta especie.

A publicación deuse a coñecer no transcurso dun taller  sobre o “Impacto da infección por virus herpes no sector ostreícola”, organizado no marco do proxecto HERPEMOL-Galicia, que financia a Consellería do Medio Rural e do Mar e no que participan CETMAR e CIMA.

O taller abordou a problemática das mortalidades anómalas da semente de ostra rizada (Crassostrea gigas) asociada á infección polo virus herpes OsHV-1 mVar. Esta infección, que xa se propagou por numerosos países europeos, supuxo o declive do punteiro sector ostreícola francés.

No transcurso desta xornada, que tivo lugar na sede da Fundación CETMAR en Vigo, trasladouse ao sector, aos investigadores e á administración a información xerada no ámbito científico ao longo dos últimos anos en España, con fin de intentar previr a introducción e diseminación desta enfermidade e minimizar o seu impacto económico no sector ostreícola.

Toda a información xerada editouse nesta Guía de Autocontrol dirixida ao sector para que teña en conta as prácticas e recomendacións que poden axudar a evitar as perdas asociadas ás mortalidades masivas.