- O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR conmemora este ano o seu 25 aniversario cunha programación especial que se desenvolverá, maioritariamente, entre o 12 e o 23 de xuño en Vigo . A axenda inclúe unha feira divulgativa, encontros con persoal experto e actos institucionais pensados para compartir coa sociedade o traballo realizado polo centro desde a súa creación no ano 2001.

Creado por iniciativa da Xunta de Galicia e do entón Ministerio de Ciencia e Innovación, CETMAR leva un cuarto de século impulsando proxectos de investigación, innovación e cooperación internacional para contribuír á protección do medio mariño e ao desenvolvemento dun sector marítimo-pesqueiro máis competitivo e sostible.
Este ano, o centro celebra 25 anos na cidade de Vigo e faino sacando á rúa algúns dos seus traballos e convidado á cidadanía a achegarse dun xeito práctico e ameno a unha pequena mostra dos proxectos desenvolvidos polo centro nos últimos anos.

A programación arrincará o venres 12 de xuño coa reunión ordinaria do Padroado da Fundación e coa celebración de LonxaLAB: Mareas de innovación, unha xornada aberta ao público na explanada de CETMAR. Entre as 11:00 e as 20:00 horas, a explanada fronte a CETMAR converterase nunha feira científica na que as sete áreas de traballo de CETMAR amosarán, dun xeito participativo, os proxectos e resultados do centro. As actividades están pensadas para todas as idade e haberá zona infantil.
Ao día seguinte, o sábado 13 de xuño, a praia de Bouzas acollerá a Regata de Embarcacións Solares, unha iniciativa educativa na que estudantes de secundaria deseñan, constrúen e compiten con prototipos propulsados por enerxía solar. Organizada coa colaboración da asociación A Industriosa e da empresa Marine Instruments, a actividade busca espertar vocacións científicas e tecnolóxicas entre a mocidade.
O xoves 18 de xuño terá lugar o acto conmemorativo do aniversario, un encontro institucional coas persoas e entidades que colaboraron co centro ao longo destes 25 anos. A celebración, á que só se pode acceder con convite, incluirá música en directo e un espazo para compartir e recoñecer o camiño percorrido conxuntamente.
O programa culmina o martes 23 de xuño coa xornada Diálogos do Mar, que reunirá na sala de actos Cíes de CETMAR a profesionais e persoas expertas vinculadas ao centro para reflexionar sobre tres grandes ámbitos de traballo: a dimensión humana do mar, a loita contra a contaminación mariña e a cooperación internacional. Nas charlas participarán tanto persoal do centro como algúns dos colaboradores máis destacados e próximos.
Con esta programación especial, CETMAR quere celebrar 25 anos de traballo ao servizo do océano e reafirmar o seu compromiso coa sociedade.







