All Posts By

Comunicación CETMAR

MARdePiura

By | Novidades | No Comments

CETMAR impulsa a comercialización da pesca artesanal liderada por mulleres en Perú

  • CETMAR reforza o papel das mulleres na pesca artesanal da rexión de Piura a través de accións formativas e talleres prácticos orientados á mellora da comercialización, a adaptación aos estándares de mercado e o acceso a novas oportunidades comerciais no marco do proxecto MARdePiura.

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desenvolverá nas vindeiras semanas dúas actividades clave no marco do proxecto MARdePiura (Mulleres, Acuicultura e Reforzo Institucional para o Desenvolvemento Sostible da economía azul na Rexión de Piura), orientadas a fortalecer os procesos de comercialización e venda de produtos liderados por mulleres da comunidade pesqueira artesanal da Baía de Sechura, no Perú.

Estas accións serán desenvolvidas pola área de Cooperación Internacional do centro e enmárcanse no Resultado 2 do proxecto. O seu obxectivo principal é contribuír á adaptación ao cambio climático da pesca artesanal e da acuicultura na rexión de Piura, mediante unha estratexia centrada na diversificación produtiva, o reforzo institucional e a sustentabilidade da economía azul, con especial énfase no papel das mulleres.

Capacitación técnica para a adecuación a estándares de mercado

Entre os días 23 e 25 de febreiro, CETMAR levará a cabo unha capacitación coa Asociación de Mulleres Releras de Constante, e os días 26 e 27 de febreiro coa Asociación Con la Bendición de Mi Padre – Mariscos Illescas Sechura.

Estas xornadas formativas estarán dirixidas á adecuación dos criterios de preparación, procesamento, conservación e etiquetado dos produtos hidrobiolóxicos, de acordo cos requisitos establecidos polo Programa Mundial de Alimentos (PMA) e outros potenciais compradores públicos ou privados.

A formación inclúe tamén un acompañamento técnico para a sinatura dun acordo de colaboración, co fin de facilitar o acceso das asociacións a canles comerciais máis estables e formais. Neste proceso contarase coa participación de entidades implicadas nos procesos de acreditación sanitaria, como SANIPES.

Talleres para a aplicación práctica dos estudos de mercado

De xeito complementario, os días 2 e 3 de marzo celebraranse dous talleres de traballo, un con cada asociación, centrados na análise, interpretación e aplicación práctica dos estudos de prospección de mercado desenvolvidos previamente no proxecto.

O 2 de marzo o taller realizarase coa Asociación de Mulleres Releras de Constante, mentres que o 3 de marzo terá lugar coa Asociación Con la Bendición de Mi Padre – Mariscos Illescas Sechura. Durante as sesións, as participantes traballarán de forma práctica na identificación de segmentos de mercado prioritarios, no deseño de propostas de valor diferenciadas, en estratexias de posicionamento e promoción, e na elaboración de ferramentas comerciais básicas como fichas de produto, catálogos ou mensaxes de venda.

A través destas accións, CETMAR continúa a súa aposta por unha cadea de valor máis resiliente, sostible e inclusiva, promovendo a autonomía económica e social das mulleres da comunidade pesqueira artesanal e facilitando o seu acceso a novos mercados.

Formación

By | Novidades | No Comments

A XUNTA AVANZA NO DESEÑO DO PROCEDEMENTO DE ACREDITACIÓN POR COMPETENCIAS DE TITULACIÓNS MARÍTIMO-PESQUEIRAS

  • A Consellería do Mar e o CETMAR traballan nun modelo formativo máis flexible que recoñeza a experiencia profesional e responda ás necesidades reais do sector

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe o Centro Tecnolóxico do Mar- Fundación Cetmar, e mantivo un encontro coa súa directora, Rosa Chapela, na que se avanzou no deseño dun procedemento de acreditación por competencias para determinadas titulacións marítimo-pesqueiras, unha demanda histórica do sector e unha ferramenta fundamental para facilitar o acceso á profesión e garantir o relevo xeracional.

Durante o encontro, ambas responsables abordaron as liñas de traballo necesarias para artellar un sistema que permita recoñecer oficialmente a experiencia profesional acumulada polos traballadores do mar, adaptando a formación ás necesidades reais do sector e reforzando o compromiso do Goberno galego cun modelo formativo máis flexible, moderno e eficaz.

A reunión serviu tamén para avanzar no reforzo da colaboración entre a Consellería do Mar e o Cetmar, así como para seguir traballando de maneira conxunta co propio sector na definición de novas medidas formativas que dean resposta ás súas demandas actuais e futuras, tanto no ámbito da pesca como da acuicultura e da cadea mar-industria.

Neste contexto, púxose en valor o papel do CETMAR como entidade adscrita á Consellería do Mar, destacando a súa intensa actividade no eido formativo a través do centro de formación Aixola e doutras accións orientadas á capacitación, actualización de coñecementos e mellora da empregabilidade dos profesionais, contribuíndo de xeito decisivo ao fortalecemento e á sustentabilidade do sector pesqueiro galego.

Plan de Igualdade

By | Novidades | No Comments

CETMAR presenta o seu Plan de Igualdade ante a plantilla

  • O novo Plan de Igualdade de CETMAR, presentado o 30 de xaneiro, transforma a análise da realidade interna en medidas concretas para avanzar en igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dentro da empresa.
  • Consulta o Plan de Igualdade 2025-2029
Traballadoras de CETMAR, xaneiro 2025

O Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) presentou o pasado venres 30 de xaneiro ante a súa plantilla o seu novo Plan de Igualdade, un documento que define as liñas de actuación para os vindeiros catro anos co obxectivo de seguir avanzando na igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral.

O plan parte dunha diagnose interna que ofrece unha visión xeral da situación do centro en termos de composición da plantilla, contratación, formación, conciliación e organización do traballo. Trátase dunha fotografía fixa que serve como punto de partida técnico para identificar ámbitos de mellora e deseñar medidas adaptadas á realidade da organización. A partir desta base, o Plan de Igualdade céntrase en propoñer accións de mellora continua a implantar.

Un dos eixos destacados é a incorporación da igualdade nos procesos de selección, mediante a elaboración dun manual de boas prácticas e o compromiso de garantir a igualdade desde o inicio. Incorporarase a integración de criterios de igualdade desde a acollida do persoal. A día de hoxe, a plantilla de CETMAR está claramente feminizada, cun 75% de mulleres. Das 52 persoas traballadoras no centro, 39 son mulleres e 13 homes.

O plan aposta tamén por reforzar a formación, tanto en igualdade como en prevención do acoso e respecto á diversidade, con accións dirixidas a toda a plantilla e con especial atención aos postos de responsabilidade. A prevención do acoso e dos casos de violencia de xénero, así como o incremento da saúde laboral son os principais obxectoivos destas medidas. Neste sentido, actualízanse tamén os protocolos internos e intégrase a perspectiva de igualdade na avaliación do clima laboral, a través da realización dunha enquisa específica.

A conciliación da vida persoal, familiar e laboral constitúe outro dos grandes fitos do Plan de Igualdade. Incorpóranse medidas de flexibilización horaria, mellora e ampliación de permisos e a habilitación dun espazo adecuado a persoas embarazas e mulleres lactantes. Tamén se prevén accións de difusión para garantir que toda a plantilla coñeza e poida facer uso destes dereitos en condicións de igualdade.

Por último, o plan inclúe actuacións orientadas a promover unha comunicación e linguaxe inclusivas, coa revisión da documentación institucional e accións de sensibilización que contribúan a consolidar unha cultura organizativa baseada no respecto e na igualdade de oportunidades.

Xira Galicia El Salvador

By | Novidades

Galicia comparte o seu modelo de xestión marisqueira con profesionais e mandatarios de El Salvador

  • Unha delegación de El Salvador visita Galicia para coñecer a experiencia galega en xestión pesqueira
  • O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acompañará do 26 ao 30 de xaneiro a unha delegación institucional de El Salvador nunha visita técnica a Galicia centrada no intercambio de experiencias en xestión e ordenación pesqueira, con especial atención á regulación do sector marisqueiro.

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR acompañará do 26 ao 30 de xaneiro a unha delegación institucional de El Salvador nunha visita técnica a Galicia orientada ao intercambio de coñecementos e experiencias en materia de xestión, ordenación e gobernanza pesqueira, con especial atención ao sector marisqueiro.

A delegación, integrada por catro persoas, está composta por representantes da Dirección General de Desarrollo de la Pesca y la Acuicultura (CENDEPESCA), do Comité Directivo do Fideicomiso PESCAR e da Confederación Salvadoreña de Pesca, Acuicultura y Agropecuaria en Pequeña Escala (CONFESPESCA de R.L.).

A visita enmárcase no servizo técnico promovido pola Asociación para a Cooperación pola Paz (ACPP) “Deseño e implementación dunha xira internacional de intercambio en Galicia, para coñecer experiencias relevantes en xestión e ordenación pesqueira”, coordinado e desenvolvido por CETMAR, e impulsado polo Programa Abraza tu Mar, que nace como continuidade do Plan Integral de Apoio ao Sector da Pesca Artesanal Salvadoreña, financiado por la Xunta de Galicia desde 2019, que ao mesmo tempo se enlaza coa estratexia da AECID no marco do Convenio Manos que Alimentan.  

O obxectivo desta visita é promover unha visión compartida sobre sustentabilidade, inclusión social e fortalecemento institucional no ámbito pesqueiro artesanal. O programa está especialmente focalizado na mellora da regulación do sector marisqueiro en El Salvador, a partir do coñecemento de modelo galego.

Ao longo da semana, a delegación salvadoreña manterá encontros con diferentes entidades públicas e privadas vencelladas á cadea mar-pesca. As actividades previstas inclúen encontros coa directiva de CETMAR e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

O programa complétase con visitas a confrarías de pescadores e lonxas, onde se abordarán aspectos como a organización do marisqueo, os procedementos de control e venda, a trazabilidade e a valorización do produto; a empresas da cadea de valor pesqueira e da transformación, para coñecer experiencias en manipulación, elaboración e comercialización; así como a iniciativas vinculadas á conservación e restauración de bancos marisqueiros, á cultura marítima e ao turismo pesqueiro como ferramenta de diversificación económica.

Ademáis, o programa da visita incorpora aspectos relacionados coa innovación tecnolóxica a partir do deseño e construción de embarcacións, adaptadas ás necesidades do sector pesqueiro artesanal de El Salvador.  

Con esta acción, CETMAR reafirma, a través da área de Cooperación Internacional, o seu papel como entidade de referencia na cooperación técnica, facilitando espazos de transferencia de coñecemento e contribuíndo ao fortalecemento das capacidades institucionais e sectoriais en países socios.

Programa de Ciencias Mariñas

By | Novidades | No Comments

O Programa de Ciencias Mariñas encara o seu pehe apostando pola continuidade da cooperación científica

  • A fase final do programa abre un proceso de reflexión sobre como manter viva a rede científica creada arredor do mar en Galicia.
  • A continuidade do programa, que conta con financiamento da Consellería do Mar, pasa, entre outras vías, pola creación dun Foro de Reflexión Científica sobre as ciencias mariñas de Galicia

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, unha das iniciativas máis ambiciosas de investigación e innovación arredor do mar desenvolvidas na comunidade nos últimos anos, afronta a súa fase final coa vontade de preservar e reforzar a rede de cooperación científica e técnica xerada durante a súa execución. Con este obxectivo, o equipo de coordinación do programa reuniuse este martes no Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación Cetmar para reflexionar sobre o seu impacto e sobre as vías para dar continuidade ao esforzo colectivo impulsado desde Galicia.

Enmarcado nos Plans Complementarios do Ministerio de Ciencia e Innovación, no contexto do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (Next Generation EU), o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia forma parte do Programa Conxunto de Ciencias Mariñas estatal, no que colaboran Galicia, Andalucía, Cantabria, a Rexión de Murcia, Canarias, Illas Baleares e a Comunidade Valenciana. A Consellería do Mar de Galicia financiou as competencias de coordinación de CETMAR con 4.000.000 €.

Desde 2022, o programa permitiu artellar o ecosistema científico-técnico galego vencellado ao mar, a través da colaboración entre universidades, centros de investigación, institutos tecnolóxicos e administracións públicas, e mediante un diálogo continuo co sector mariño e costeiro. O obxectivo é despregar unha estratexia coordinada de investigación e innovación para afrontar retos clave como o seguimento e a observación do medio mariño, o cambio climático, a acuicultura e outros ámbitos da economía azul. En total, participaron 363 persoas investigadoras e técnicas, pertencentes a 82 grupos de investigación de 13 institucións.

Os resultados acadados concrétanse en 184 solucións e avances científico-técnicos, con aplicación directa ou potencial na xestión sustentable do medio e dos recursos mariños. Un dos elementos máis destacados do programa foi a súa contribución ao fortalecemento do capital humano. 117 persoas foron contratadas directamente, incorporando novos doutores e doutoras que traballaron de xeito colaborativo e interinstitucional, unha experiencia que se agarda que teña continuidade nas dinámicas futuras de cooperación científica en Galicia.

Durante a reunión celebrada no Cetmar, as persoas responsables da coordinación coincidiron en sinalar que un esforzo desta envergadura non debería esmorecer unha vez finalizado o programa. O traballo en rede desenvolvido ao longo destes tres anos contribuíu a un sistema máis eficiente, capaz de responder ás necesidades do país sen renunciar á investigación fundamental, cuxos resultados poderán materializarse a medio e longo prazo.

Diante da incerteza actual sobre os mecanismos de financiamento que permitan manter tanto os traballos como a propia estrutura de colaboración, os participantes asumiron o compromiso de volver a xuntarse a curto prazo para deseñar, como legado do programa, a creación dun Foro de Reflexión Científica sobre as ciencias mariñas de Galicia. Este foro concíbese como un espazo de carácter consultivo e de coordinación que facilite o intercambio sistemático de información entre especialistas, a planificación de accións conxuntas e a preparación de respostas coordinadas a convocatorias estratéxicas, co obxectivo de captar recursos que permitan dar continuidade e reforzar os vínculos entre a comunidade investigadora e o resto das organizacións con intereses no mar, promovendo unha relación sustentable co medio mariño e cos seus recursos.

Capacitación Perú

By | Novidades | No Comments

CETMAR impulsa no Perú a mellora da produción de semente e o fortalecemento das capacidades técnicas dos seus acuicultores

  • O proxecto MAR de Piura está financiado por Cooperación Galega e desenvolvido por CETMAR en coordinación con PRODUCE, FONDEPES e as Organizacións Sociais de Pescadores e Acuicultores (OSPAS) de Sechura.
  • A primeira capacitación desenvolverase do 1 ao 5 de decembro no Centro de Acuicultura La Arena, en Casma, Perú.
Concha de abanico

O Centro Tecnolóxico do Mar–Fundación CETMAR, no marco da política de Cooperación Galega da Xunta de Galicia, impulsa en Perú o proxecto MAR de Piura, unha iniciativa de cooperación internacional orientada a incrementar a sustentabilidade da cadea de valor asociada ao medio pesqueiro e acuícola na rexión de Piura. O programa desenvólvese en coordinación co Ministerio da Produción de Perú (PRODUCE) e co Fondo Nacional de Desenvolvemento Pesqueiro (FONDEPES), co obxectivo de fortalecer as iniciativas empresariais situadas na Baía de Sechura e reforzar os mecanismos de gobernanza para aumentar a súa capacidade de adaptación fronte aos efectos do cambio climático.

O proxecto estrutúrase arredor de tres grandes liñas de traballo. A primeira céntrase na mellora da cadea produtiva da cuncha de abanico na Bahía de Sechura, mediante o reforzo das capacidades técnicas das OSPAS para a produción e manexo de semente en laboratorio, o que permitirá avanzar cara sistemas de cultivo máis eficientes e resilientes fronte aos efectos do cambio climático.

A segunda liña orientase ao fortalecemento dos procesos de comercialización liderados por mulleres, apoiando a súa profesionalización co fin de reducir a súa vulnerabilidade no plano económico. Finalmente, a terceira liña de traballo céntrase no reforzo institucional, promovendo a capacitación do persoal técnico das entidades públicas vinculadas á acuicultura e ao turismo mariñeiro, así como o impulso de espazos de coordinación que permitan formular modelos de produción e iniciativas de turismo vivencial coherentes coa conservación ambiental e coa diversificación económica da rexión.

Primeira acción do proxecto: capacitación técnica para OSPAS en Casma do 1 ao 5 de decembro

Como primeiro fito operativo da intervención, entre os días 1 e 5 de decembro celebrarase unha capacitacón intensiva dirixida a técnicos das OSPAS sobre protocolos de mantemento, limpeza e optimización do ciclo produtivo da cuncha de abanico en fase de hatchery e pre-engorde.  Esta acción busca reducir a dependencia da captación natural, cada vez máis afectada polo cambio climático.

Participarán representantes das OSPAS AREMAR, Sec Yurac e Aquaseed asi como estudantes do Instituto Ricardo Ramos Plata de Sechura, seleccionadas polo seu alto interese en avanzar cara un sistema máis sostible de aprovisionamento de semente.

Ao longo das sesións, os participantes profundizarán na selección e acondicionamento de reprodutores, no cultivo de fitoplancto e no control sistemático da calidade da auga. Tamén se afondará nos protocolos de limpeza, desinfección e prevención sanitaria, así como nas técnicas de manexo e manipulación de larvas e sementes.

Outro dos aspectos importantes a traballar é a protocolización das distintas etapas do cultivo en laboratorio e o correcto rexistro e análise dos datos produtivos, co obxectivo de asegurar procesos máis eficientes e estandarizados.

Actualización álbum fotográfico da formación:

Día 1 – Inicio e benvida á formación

Día 2 – Parte práctica de cultivos de microalgas

Cultivo masivo en bombonas con sistema batch

Día 3 – Salido a mar para obtener los reproductores de cultivo suspendido y fondo.

Día 4 – Visita a Acuapesca primera empresa en Perú de concha de abanico.

Clases en la estación La arena. Cultivo de microalgas en placas.

Día 5 – Armado de chululos colectores en Hatchery

Muestreo de fitoplancton

Avances do proxecto APROMEX

By | Novidades | No Comments

APROMEX presenta novas ferramentas para o seguimento do mexillón

  • A Consellería do Mar, a través do CETMAR, impulsa novas solucións tecnolóxicas para o seguimento da mexilla.
  • O 19 de novembro o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) acollerá no Auditorio Valle Inclán de Vilanova de Arousa unha xornada na que se presentarán os últimos avances técnicos, novas ferramentas dixitais e actuacións complementarias impulsadas pola Consellería do Mar e o CETMAR para fortalecer o sector acuícola galego.

O proxecto APROMEX dá un novo paso adiante na mellora do coñecemento e xestión do mexillón galego. O Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) acollerá o vindeiro 19 de novembro de 2025 a xornada Avances do proxecto APROMEX, organizada polo propio CIMA e o Centro Tecnolóxico do Mar CETMAR. O encontro servirá para presentar os progresos máis recentes do programa e outras iniciativas impulsadas pola Consellería do Mar no ámbito da acuicultura e do estudo do mexillón nas rías galegas.

Durante a sesión exporanse os resultados da precampaña 2025–2026, que permiten avaliar a cobertura e densidade de mexilla nas principais zonas produtoras. Estes datos resultan fundamentais para planificar con antelación a vindeira campaña de extracción.

Un dos puntos destacados desta edición será a presentación dos traballos realizados no sistema long-line, desenvolvidos na Ría de Muros e Noia, co obxectivo de testar novos métodos de captación de mexilla no medio natural e avaliar a súa viabilidade.

O proxecto tamén incorpora ferramentas dixitais innovadoras, como o visor da densidade larvaria de mexilla, que permiten consultar en tempo real e a presenza larvaria nas rías galegas. Estas aplicacións contribúen a mellorar a planificación e eficiencia da actividade produtiva.

A Consellería do Mar dará a coñecer na mesma xornada outras iniciativas complementarias. Entre elas, a nova versión da aplicación MOVTIC, que simplifica a xestión documental vinculada á actividade acuícola; o proxecto BATEAS, centrado na análise das condicións ambientais que inflúen na produtividade do mexillón; e a iniciativa CAPACITAMEX, que promove encontros coas asociacións de produtores para compartir avances técnicos e fomentar a transferencia de coñecemento entre administración e sector.

A cita, que se celebrará a partir das 16:00 horas na Casa da Cultura. Auditorio Valle Inclán  (Vilanova de Arousa), incluirá espazos de debate e intercambio de impresións entre profesionais do sector, investigadores e representantes institucionais.

Blue Atlantic Forum

By | Novidades | No Comments

Galicia impulsa a súa Estratexia da Economía Azul no Blue Atlantic Forum de Baiona

  • Baiona acolleu do 12 ao 14 de novembro a cuarta edición do Blue Atlantic Forum (BAF), o principal encontro sobre economía azul do Arco Atlántico. O evento reuniu expertos, institucións e empresas europeas para debater sobre innovación, sustentabilidade e o desenvolvemento do mar como motor económico. Como gran novidade, celebrouse o I Foro da Estratexia da Economía Azul de Galicia, impulsado pola Consellería do Mar.

Baiona foi do 12 ao 14 de novembro de 2025 o punto de encontro da economía azul atlántica coa celebración da IV edición do Blue Atlantic Forum (BAF) no Parador de Baiona. Este evento, que se consolidou como referente europeo, reuniu institucións, empresas, persoal investigador e estudantado comprometidos co desenvolvemento sustentable dos recursos mariños e costeiros.

Como novidade destacada, a edición deste ano incluíu durante a súa primeira xornada o I Foro da Estratexia da Economía Azul de Galicia, impulsado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o CETMAR. Este novo espazo procura fortalecer a gobernanza das actividades vinculadas ao mar na comunidade, impulsando a cooperación entre políticas públicas, investigación científica e sector privado. O foro incluíu unha conferencia inaugural do experto Ernesto Penas Lado sobre a gobernanza internacional do mar, dúas mesas redondas dedicadas aos sectores tradicionais e emerxentes da economía azul —coa participación de representantes da pesca, a acuicultura, a biotecnoloxía e os portos— e unha dinámica participativa organizada polo CETMAR para impulsar a creación da Rede Galega da Economía Azul.

A sesión inaugural contou coa presenza da conselleira do Mar, do presidente da Xunta de Galicia, do alcalde de Baiona e de representantes do Porto de Vigo, e centrouse nos avances e prioridades da Estratexia da Economía Azul de Galicia. Galicia, coa súa tradición mariñeira e o seu tecido produtivo vinculado ao mar, preséntase como territorio de referencia e laboratorio vivo do desenvolvemento azul.

O Blue Atlantic Forum converteuse nunha plataforma clave de cooperación interrexional dentro do Arco Atlántico, onde se abordan os desafíos e oportunidades dun sector que abrangue desde a pesca e a acuicultura ata a biotecnoloxía mariña, as enerxías renovables, o turismo costeiro ou o transporte marítimo.

O recoñecemento internacional tamén avala esta cita: a edición anterior foi distinguida pola organización Green Destinations como unha das Top 100 Responsible Tourism Initiatives do mundo, pola súa contribución ao turismo sustentable e á difusión dos valores do Atlántico como espazo de innovación e respecto ambiental.

O BAF 2025 combina formato presencial e en liña, facilitando a participación de relatoras e relatores e de asistentes de distintos países e sectores. Máis información e inscricións: www.blueatlanticforum.org

I Foro da Estratexia da Economía Azul de Galicia

By | Novidades | No Comments

Galicia impulsa a súa Estratexia da Economía Azul no Blue Atlantic Forum de Baiona

Baiona acollerá do 12 ao 14 de novembro a cuarta edición do Blue Atlantic Forum (BAF), o principal encontro sobre economía azul do Arco Atlántico. O evento reunirá expertos, institucións e empresas europeas para debater sobre innovación, sustentabilidade e desenvolvemento do mar como motor económico. Como gran novidade, celebrarase o I Foro da Estratexia da Economía Azul de Galicia, impulsado pola Consellería do Mar.

Baiona será, do 12 ao 14 de novembro de 2025, o punto de encontro da economía azul atlántica coa celebración da IV edición do Blue Atlantic Forum (BAF) no Parador de Baiona. Este evento, que se consolidou como referente europeo, reunirá institucións, empresas, investigadores e estudantes comprometidos co desenvolvemento sustentable dos recursos mariños e costeiros.

Como novidade destacada, a edición deste ano acollerá durante a súa primeira xornada o I Foro da Estratexia da Economía Azul de Galicia, impulsado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o CETMAR. Este novo espazo busca fortalecer a gobernanza das actividades vencelladas ao mar na comunidade, impulsando a cooperación entre políticas públicas, investigación científica e sector privado. O foro inclúe unha conferencia inaugural do experto Ernesto Penas Lado sobre a gobernanza internacional do mar, dúas mesas redondas dedicadas aos sectores tradicionais e emerxentes da economía azul —con participación de representantes da pesca, a acuicultura, a biotecnoloxía e os portos— e unha dinámica participativa organizada polo CETMAR para impulsar a creación da Rede Galega da Economía Azul.

A sesión inaugural contará coa presenza da conselleira do Mar, o presidente da Xunta de Galicia, o alcalde de Baiona e representantes do Porto de Vigo, e centrarase nos avances e prioridades da Estratexia da Economía Azul de Galicia. Galicia, coa súa tradición mariñeira e tecido produtivo vencellado ao mar, preséntase como territorio de referencia e laboratorio vivo do desenvolvemento azul.

O Blue Atlantic Forum converteuse nunha plataforma clave de cooperación interrexional dentro do Arco Atlántico, onde se abordan os desafíos e oportunidades dun sector que abrangue desde a pesca e a acuicultura ata a biotecnoloxía mariña, as enerxías renovables, o turismo costeiro ou o transporte marítimo.

O recoñecemento internacional tamén avala esta cita: a edición anterior foi distinguida pola organización Green Destinations como unha das Top 100 Responsible Tourism Initiatives do mundo, pola súa contribución ao turismo sustentable e á difusión dos valores do Atlántico como espazo de innovación e respecto ambiental.

O BAF 2025 combina formato presencial e en liña, facilitando a participación de poñentes e asistentes de distintos países e sectores.
Máis información e inscricións: www.blueatlanticforum.org

Centro de formación A Aixola

By | Novidades | No Comments

A Aixola inicia un novo curso con sesenta persoas matriculadas e proxectos internacionais

  • O Centro de Formción A Aixola oferece formación gratuita nas áreas de construción naval, artes e aparellos, velería e mecánica.

O Centro de Formación da Aixola, dependente da Consellería do Mar e xestionado polo CETMAR, vén de iniciar un novo ciclo de cursos que se desenvolverán ata o mes de decembro, con arredor de sesenta persoas matriculadas en catro áreas do centro. Todos os cursos da Aixola impártense en instalacions cedidas pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e están cofinanciadospolo  Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro e de Acuicultura (FEMPA), polo que son gratuítos para os participantes.

Unha das novidades máis importantes deste trimestre será a implicación do alumnado no  programa FISH4ACP da FAO, un proxecto de cooperación internacional liderado polo CETMAR que busca mellorar a sustentabilidade da pesca e a acuicultura en África, Caribe e Pacífico. Colaborará nel o alumnado do curso en Laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e en construción naval, que está a adquirir destrezas no uso de diferentes tipos de resinas; e o de Restauración de embarcacións menores, apoiando a construción do modelo de fibra e elaborando doutra embarcación en contrachapado mariño.

Os resultados de ambas formacións se extenderán posteriormente a São Tomé e Príncipe, onde persoal experto de CETMAR impartirá talleres con carpinteiros e profesionais locais en fibra e madeira, culminando na construción final das dúas embarcacións. Ademais, técnicos da Aixola colaborarán en pequenas formacións no país africano sobre reparación e mantemento de equipos de pesca, redes e motores, orientadas a fortalecer as competencias de pescadores e mulleres comerciantes (palaiês).

Outro dos cursos relevantes que acaba de comezar é o que conduce á obtención do Certificado de Profesionalidade en Confección e mantemento de artes e aparellos, sendo o CF A Aixola o único centro de Galicia homologado permanentemente para impartilo. Trátase dun certificado de nivel 2 que responde á demanda das asociacións de redeiras, que ven nesta formación unha ferramenta clave para garantir o relevo xeracional no sector.

A construción en madeira continúa a ser un piar esencial en Aixola. O centro mantén viva a tradición da carpintería de ribeira, recoñecida como Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial desde 2017. En Aixola combínanse as técnicas clásicas coa innovación, conservando embarcacións e materiais mentres se promoven novas formas de entender a construción naval.

A oferta formativa péchase co curso de Mecánica básica naval para embarcacións menores, que integra un módulo de 40 horas de soldadura e rexistrou máis de cincuenta preinscricións para doce prazas. Así mesmo, está en marcha o curso de Velería e acastillaxe, valorado tanto por profesionais do mantemento naval como por afeccionados ao mundo da vela. Nesta formación o alumnado aprende a deseñar, confeccionar e instalar diferentes tipos de velas, desde as tradicionais das dornas ata as elaboradas con novos materiais como as de windsurf.