Novidades

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro aplaude a aposta pola innovación da construción naval en madeira

By 10 Xullo, 2012 No Comments

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, aplaudiu hoxe a aposta pola innovación do sector da construción naval en madeira e garantiu o apoio da Consellería do Medio Rural e do Mar a ese proceso e ao desenvolvemento dunha actividade que se mantén en Galicia, a rexión europea con maior número de embarcacións de pesca e acuicultura construídas neste material.

Susana Rodríguez inaugurou a xornada que sobre a formación en carpintería de ribeira en Europa celebrouse esta mañá no Museo do Pobo Galego en Santiago organizada polo Centro Tecnolóxico do Mar como peche do proxecto europeo WOOBTA dedicado a esta temática. A directora doCETMAR,Paloma Rueda Crespo, abriu o acto cunha intervención na que resaltou a importancia de preservar a carpintería de ribeira e os barcos en madeira.

Pola súa banda, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro valorou o feito de que a construción naval incorpore novas técnicas que fagan desta unha actividade “rendible” e resaltou o “especial interese” do proxecto WOOBTA cara a creación dunha rede europea de formación en carpintería de ribeira. “A través da formación conséguese que as actividades avancen e os oficios  mantéñanse”, afirmou.

Durante esta xornada expuxéronse os resultados dun estudio sobre a formación en carpintería de ribeira nos países participantes no devandito proxecto –España, Francia, Suecia e Reino Unido-. Enrique Otero, director do centro de formación A Aixola de Marín que xestiona oCETMAR, foi o encargado de expoñer a parte española do devandito estudo, no que se reflectiu o descenso desta actividade nos últimos anos en Galicia, onde hoxe funcionan uns 20 estaleiros fronte aos 91 rexistrados no ano 1996.

Otero vinculou o mantemento desta actividade á importancia da flota artesanal construída en madeira (un 66% do total das embarcacións) e da acuicultura –o 90% das unidades de cultivo de mexillón son deste material-, así como a concienciación cara á conservación do patrimonio marítimo flotante. A presencia da carpintería de ribeira no resto de España é “residual”, cunha mínima actividade en Cataluña, País Vasco, Málaga e Baleares.

A xornada final do proxecto WOOBTA, financiado a través do Programa de Formación ao Longo da Vida da Unión Europea, iniciouse cunha visita dos socios desta iniciativa  ­‑Centro de Formación A Aixola (Marín); Ateliers de l’Énfer (Francia); Falmouth Marine School (Reino Unido) e Skeppholmens Kolkhögscola (Suecia)- á sala do Mar do Museo do Pobo Galego e a unha exposición de maquetas de embarcacións tradicionais de Bretaña, Cornualles, Suecia e Galicia construídas polo alumnado de Aixola dentro do devandito proxecto.

Leave a Reply