Novidades

Plan de Igualdade

By 9 Febreiro, 2026 No Comments

CETMAR presenta o seu Plan de Igualdade ante a plantilla

  • O novo Plan de Igualdade de CETMAR, presentado o 30 de xaneiro, transforma a análise da realidade interna en medidas concretas para avanzar en igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dentro da empresa.
  • Consulta o Plan de Igualdade 2025-2029
Traballadoras de CETMAR, xaneiro 2025

O Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) presentou o pasado venres 30 de xaneiro ante a súa plantilla o seu novo Plan de Igualdade, un documento que define as liñas de actuación para os vindeiros catro anos co obxectivo de seguir avanzando na igualdade efectiva entre mulleres e homes no ámbito laboral.

O plan parte dunha diagnose interna que ofrece unha visión xeral da situación do centro en termos de composición da plantilla, contratación, formación, conciliación e organización do traballo. Trátase dunha fotografía fixa que serve como punto de partida técnico para identificar ámbitos de mellora e deseñar medidas adaptadas á realidade da organización. A partir desta base, o Plan de Igualdade céntrase en propoñer accións de mellora continua a implantar.

Un dos eixos destacados é a incorporación da igualdade nos procesos de selección, mediante a elaboración dun manual de boas prácticas e o compromiso de garantir a igualdade desde o inicio. Incorporarase a integración de criterios de igualdade desde a acollida do persoal. A día de hoxe, a plantilla de CETMAR está claramente feminizada, cun 75% de mulleres. Das 52 persoas traballadoras no centro, 39 son mulleres e 13 homes.

O plan aposta tamén por reforzar a formación, tanto en igualdade como en prevención do acoso e respecto á diversidade, con accións dirixidas a toda a plantilla e con especial atención aos postos de responsabilidade. A prevención do acoso e dos casos de violencia de xénero, así como o incremento da saúde laboral son os principais obxectoivos destas medidas. Neste sentido, actualízanse tamén os protocolos internos e intégrase a perspectiva de igualdade na avaliación do clima laboral, a través da realización dunha enquisa específica.

A conciliación da vida persoal, familiar e laboral constitúe outro dos grandes fitos do Plan de Igualdade. Incorpóranse medidas de flexibilización horaria, mellora e ampliación de permisos e a habilitación dun espazo adecuado a persoas embarazas e mulleres lactantes. Tamén se prevén accións de difusión para garantir que toda a plantilla coñeza e poida facer uso destes dereitos en condicións de igualdade.

Por último, o plan inclúe actuacións orientadas a promover unha comunicación e linguaxe inclusivas, coa revisión da documentación institucional e accións de sensibilización que contribúan a consolidar unha cultura organizativa baseada no respecto e na igualdade de oportunidades.

Leave a Reply