O Consello da Xunta dá conta do nomeamento de Rosa Chapela como nova directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR
- Doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, exercía desde o ano 2002 a coordinación do departamento de Socioeconomía da Pesca da entidade dependente da Consellería do Mar
O Consello da Xunta deu conta hoxe do nomeamento, realizado esta mesma mañá coa celebración dun padroado extraordinario, de Rosa Chapela como nova directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en substitución de Paloma Rueda, que viña exercendo esta responsabilidade desde o ano 2009.
Doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e posgrado en Economía Pesqueira por esta mesma universidade, traballa como coordinadora do departamento de Socioeconomía da Pesca no Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desde 2002.
A nova directora xerente da entidade dependente da Consellería do Mar iniciou a súa carreira como asesora técnica para temas legais da Consellería de Pesca da Xunta de Galicia. Desde 2013, é experta xeográfica e contacto para España na Rede Europea FARNET, unidade de apoio á DG Mare no desenvolvemento local participativo a través dos grupos de acción local de pesca.
Desde o Cetmar, liderou e participou en numerosos proxectos europeos sobre sustentabilidade pesqueira, competitividade e cadeas de valor, desenvolvemento local participativo, cambio climático, a muller na pesca etc., colaborando con numerosos equipos de diferentes países europeos, así como do Brasil ou Sudáfrica.
Colaborou con organismos internacionais como a FAO e a UICN. Contribuíu en proxectos de cooperación internacional centrados na participación e capacitación de mulleres na pesca e na acuicultura en países como Vietnam e Senegal, así como en proxectos de irmandamento para a harmonización da lexislación pesqueira en Romanía e Bulgaria.
Baseada na súa experiencia en políticas pesqueiras, gobernanza da acuicultura e desenvolvemento sustentable, coordinou reunións e eventos con xestores públicos e actores clave do sector pesqueiro europeo, tanto nacionais como internacionais. Ademais doutros proxectos europeos en que participa para dinamizar o impacto socioeconómico da pesca e da acuicultura, como a Rede EMODNET ou o Observatorio Europeo de Economía Azul, conta con publicación e presentacións en congresos en materia de gobernanza da pesca e acuicultura, a ordenación xurídica do litoral, o papel das mulleres na pesca, ou a economía azul, entre outros.